A Xunta quere que se poida construír nalgunhas zonas do Parque Natural de Corrubedo

Duna de Corrubedo e edificacións no perímetro do Parque Natural, onde a Xunta quere que se poida seguir construíndo CC-BY-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

O Plan Reitor que o Goberno galego prevé aprobar este ano para actualizar o obsoleto de 1992 prevé un "aumento das superficies artificiais na periferia do Parque" malia citar estudos que alertan de que "o 71% do perímetro está construído", o que "compromete a permeabilidade"

Aprobado en 1992, o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán quedou obsoleto hai tempo. A Xunta empezou a elaborar un novo documento, agora baixo a denominación de Plan Reitor de Uso e Xestión, en 2017, e catro anos máis tarde vén de expoñer ao público a súa última versión [aquí o PDF] previa á súa aprobación prevista ao longo deste 2021 como decreto do Consello da Xunta. Nese texto divídese o parque en tres tipos de zonas, e na de menor protección o documento permite que se poidan levantar novas construcións, entre elas vivendas privadas, en terreos que o plan de urbanismo do Concello de Ribeira considere núcleos rurais. Faino malia citar estudos científicos que alertan de que o elevado nivel de construción no perímetro do parque, onde se atopan esas zonas, “compromete a permeabilidade” do espazo natural.

Zonificación do Parque Natural proposta no novo plan, que prevé que na Zona de Usos Xerais se poida seguir construíndo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O documento delimita 573,21 hectáreas como Zona I de Uso Limitado, 369,70 hectáreas como Zona II de Uso Compatible e 53,34 hectáreas como Zona III de Uso Xeral. Nesa terceira zona, composta por varios espazos por todo o perímetro do parque, o plan prevé que se poida seguir construíndo nos lugares que a normativa urbanística municipal considere núcleos rurais, evitando así fixar unha restrición de tipo superior. 

A permisividade coas novas construcións ou ampliacións de volumes das xa existentes nesas zonas do perímetro do parque, reclamación desde hai tempo de propietarios e Concello de Ribeira, establécese no documento malia que o mesmo plan considera que “o principal problema para a conectividade do Parque vén da existencia dun perímetro de carácter netamente artificial na parte continental, pola concentración de parcelas urbanas, industriais e a presenza de estradas que circunvalan a maior parte do Parque”. E cita estudos que xa en 2008 calculaban que “o 71% do perímetro do Parque está constituído por tramos construídos, unha porcentaxe elevada que compromete a permeabilidade de dito perímetro e dificulta ou modifica os fluxos bióticos e abióticos”. 

O documento admite que para os próximos anos “agárdase un pequeno aumento das superficies artificiais na periferia do Parque, en especial as adicadas a usos residenciais, dada a demanda de superficie para construción e a artificialización cada vez maior en torno aos asentamentos humanos”. 

Investimentos previstos no Parque Natural de Corrubedo durante a próxima década CC-BY-SA Xunta de Galicia

 O novo plan prevé un investimento no parque de só 100.000 euros ao ano durante a próxima década

Por outra banda, o documento planifica os investimentos a realizar no parque durante a próxima década cuantificándoos nun total de 100.000 euros ao ano, dos que algo máis da metade irían a conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural e o resto repartiríase entre programas de investigación e avaliación, xestión do uso público e mellora das infraestruturas e equipamentos.

Nas zonas máis restrinxidas como a gran duna o plan da Xunta permite "a circulación a pé libremente por aquelas sendas e camiños habilitados", pero o Concello de Ribeira quere máis flexibilidade e entidades ecoloxistas máis restricións

No período de exposición pública que agora vén de rematar a Xunta di ter recibido un total de 259 suxestións de todo tipo de entidades e particulares, algunhas das cales foron transcendendo nos últimos días. Segundo os medios locais, o Concello de Ribeira quere facer aínda máis flexible o plan tanto no que se refire á construción de novas vivendas en máis zonas que as delimitadas no texto da Xunta como á posibilidade de que os visitantes do parque poidan acceder á gran duna emblema do espazo natural. Sobre esa cuestión o documento da Xunta sitúa a duna na Zona I de Uso Limitado na que só se permite “a circulación a pé libremente por aquelas sendas e camiños habilitados para tal efecto”. 

Pola contra, entidades ecoloxistas como a Sociedade Galega de Historia Natural critican que o documento non prevea unha Zona de Reserva de usos aínda máis restrinxidos ou a restauración da Zona de Uso Xeral. 

As dunas de Corrubedo CC-BY-NC-SA Ana Asuero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.