Concello e propietarios demandan máis construción no parque natural de Corrubedo, fronte ás críticas do ecoloxismo

O complexo dunar de Corrubedo é un espazo de gran valor ecolóxico, pero tamén dunha enorme fraxilidade CC-BY-NC-ND Ana Vieiros

Dende hai unhas semanas atopase en exposición pública o borrador do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Natural de Corrubedo. Varios colectivos ecoloxistas (ADEGA, SGHN ou Verdegaia) presentaron numerosas alegacións alertando de que o documento "subordina a protección e conservación" do espazo "aos intereses especulativos duns poucos cidadáns", en palabras da SGHN, denunciando a subordinación do texto ás directrices do PXOM de Ribeira "non adaptado á normativa urbanística galega nin sometido á necesaria avaliación ambiental". 

O Concello de Ribeira, ademais de apoiar as reivindicacións dos propietarios, demandou que prevalezan as directrices do PXOM sobre as disposicións do PRUX

Pola contra, tanto a asociación de propietarios de terreos situados no interior dos límites do parque natural como o propio Concello de Ribeira esixen que o PRUX elimine determinadas restricións introducidas á construción e permita varios usos e actividades que ficarían limitadas. Ao redor de 150 propietarios afirman que o documento presentado pola Xunta "esquece" aos habitantes do parque e critican que o borrador do PRUX non permita construír en determinados predios situados a carón da estrada e que dispoñen de todos os servizos. Ademais, os posuidores de terras piden que se permita a gandería extensiva no parque e que se faciliten os labores agrícolas.

ADEGA critica que "algunha destas áreas cualificadas como solo urbano no PXOM están ocupadas por ecosistemas dunares con presenza de especies protexidas"

Pola súa banda, o Concello de Ribeira, ademais de apoiar as reivindicacións dos propietarios, demandou que o PRUX manteña o seu actual criterio, moi criticado polos grupos ecoloxistas, facendo prevalecer as determinacións do PXOM sobre as disposicións do Plan Reitor de Uso e Xestión. O Goberno municipal pide tamén a construción de máis rutas no interior do parque e a edificación de máis aparcamentos para poder chegar a el en coche.

Complexo dunar de Corrubedo CC-BY-SA Dorfun

Esa subordinación das directrices urbanísticas no interior do parque natural é un dos aspectos máis criticadas polos colectivos ambientalistas. Nas súas alegacións, ADEGA alerta de que "o presente proxecto de PRUX pretende incorporar a clasificación como solo urbano de áreas que figuran con esta cualificación no PXOM do concello de Ribeira, asumido de facto o sometimento a este naquelas zonas que conten con tal cualificación urbanística". A entidade lembra que "algunha destas áreas cualificadas como solo urbano no PXOM están ocupadas por ecosistemas dunares con presenza de especies protexidas". ADEGA engade que "os núcleos tradicionais presentan unhas áreas de ampliación excesivamente extensas a costa da superficie ocupada por hábitats naturais e seminaturais". A entidade subliña que a prevalencia do PXOM incumpre o artigo 19.2 da Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e esixe "someter todos os instrumentos de planificación territorial e urbanística ao determinado nos instrumentos de xestión deste parque natural".

A Zona III, de uso xeral, "é susceptible de albergar actividades que poden chegar a ter un elevado impacto no medio, citando entre elas "as áreas urbanizadas, as explotacións mineiras, ou as infraestruturas de uso público"

ADEGA critica, igualmente, que a denominada no borrador do PRUX Zona III, de uso xeral, "é susceptible de albergar actividades que poden chegar a ter un elevado impacto no medio", citando entre elas "as áreas urbanizadas, as explotacións mineiras, ou as infraestruturas de uso público". "Resulta paradoxal que nun instrumento de planificación dun Parque Natural se contemple a posibilidade de asumir dentro do espazo actividades que xeran un elevado impacto", sinala a entidade, que chama atención sobre todo sobe o feito de que o PRUX de Corrubedo "continúe permitindo a existencia dunha explotación mineira dentro do propio parque natural (canteira de Casalnovo), o que supón unha contradición co principal obxectivo dun parque natural, que é preservar un patrimonio natural de alto valor ecolóxico".

Os grupos ecoloxistas critican que se siga peritindo a actividade cunha canteira no interior do Parque Natural

Así mesmo, e de forma xeral, ADEGA esixe paralizar o procedemento administrativo do PRUX de Corrubedo para tramitarlo conxuntamente coa modificación do Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais (PORN), un documento de 1992 que "consta apenas de 3 páxinas nas que se establece unha rudimentaria zonificación e uns usos prohibidos e permitidos, entre os que está a urbanización nun perímetro de 200 metros dentro do propio parque natural, si así o dispuña o PXOM de Ribeira".

As facilidades para a construción no interior do parque natural foron tamén moi criticadas pola SGHN, que sinala que a proposta da Xunta "contempla unha clasificación de solo urbano, solo de núcleo rural ou ampliación do núcleo rural que afecta de forma grave á integridade do espazo natural" e que "suporía un desenvolvemento urbanístico caótico no Parque Natural". Tamén Verdegaia se amosa moi crítica nas súas alegacións, nas que denuncia que "na zona de uso xeral permítense moitas actividades de dubidosa inclusión nun espazo protexido, mesmo actividades mineiras".

Unha imaxe de Corrubedo CC-BY-SA CPGXK

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.