En vésperas do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño, as dúas forzas da oposición parlamentaria galega expuxeron este sábado as súas prioridades políticas en materia medioambiental. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sintetizou o "compromiso coa Galicia verde" do seu partido expoñendo as bases dun "pacto galego verde" que, propón, debera incluír elementos como unha lei galega fronte ao cambio climático e un incremento orzamentario que poña fin ao que cualifica como "ecopostureo" da Xunta do PP.
O PSdeG, defende, promove un programa de "galeguismo verde que permita renaturalizar Galicia"
Caballero sinala a lei climática promovida polo Goberno de España, que vén de culminar a súa aprobación parlamentaria, como referente do programa ambiental socialista para Galicia. O PSdeG, defende, promove un programa de "galeguismo verde que permita renaturalizar Galicia" e que non pon o foco só no ámbito rural, senón tamén no urbano, "renaturalizando as cidades" e propiciando "que os ecosistemas poidan entrar no espazo urbano". Neste sentido, sinala, a gran superficie de zonas verdes coas que conta Santiago é un modelo a seguir.
Outro dos eixos dese pacto, resalta o secretario xeral socialista, é lograr unha "auténtica protección" a través da Rede Natura. Neste sentido, sinala, a prioridade é retomar "o procedemento de ampliación que quedou aparcado en 2011" e que recentemente, o PP se amosou disposto a retomar no marco dun debate promovido polo propio PSdeG no Parlamento.
Ese "pacto galego verde" debe contemplar tamén, a xuízo de Caballero, reformular o mapa eólico. "O PP -acusa- non busca o equilibrio entre a xeración de enerxía e as comunidades locais" e, ante a gran contestación social que están a provocar numerosos proxectos, cómpre "pactar un novo modelo" que deixe claro, defende, onde está permitido e onde non é posible instalar aeroxeradores.
Retomar a ampliación da Rede Natura, trazar un novo mapa eólico ou incrementar o orzamento medioambiental ata, cando menos, os niveis nos que o deixou o Goberno galego de coalición son algúns dos eixos do "pacto verde" proposto por Gonzalo Caballero
Sen saír do ámbito enerxético, defende Caballero que esa eventual lei galega do cambio climático, que debera ao seu xuízo levar aparellada unha declaración de emerxencia climática, terá que trazar tamén liñas para a "transición ecolóxica xusta". Especialmente, para as comarcas que dependeron de modelos enerxéticos que agora se extinguen, como os baseados no carbón. Neste sentido, o líder do PSdeG censura que o PP, dende o Goberno galego, actuase como "axencia delegada de grandes empresas de produción enerxética" responsables da maior porcentaxe de emisións de CO2 á atmosfera. E cando estas compañías "mudaron" de prioridades, di, o PP "quedou illado".
Sinala o secretario xeral do PSdeG que, para aplicar este programa, a fin do "ecopostureo" da Xunta debe reflectirse tamén nos Orzamentos e que o Goberno galego, "no canto de dicir que defende a natureza, dispoña fondos". Neste sentido, Caballero resalta que "as políticas medioambientais da Xunta contan cun orzamento de 199 millóns de euros, unha cifra que contrasta cos 295 de 2009, o último ano do Goberno progresista".