Estes son os animais e plantas máis ameazados pola extinción en Galicia

Cría de Mazarico real © Jesús Domínguez Conde / USC

Esta semana presentouse un informe da Plataforma Intergubernamental sobre a Biodiversidade e os Servizos Ecosistémicos que alerta de que dos 8 millóns de especies animais e vexetais coñecidas 1 millón están en perigo de extinción. O informe, impulsado pola ONU advirte que se está a vivir "un declive sen precedentes" no planeta.

O Catálogo galego de especies ameazadas recolle 76 especies en perigo de extinción no noso país, xunto con outras 126 categorizadas como "vulnerables"

En Galicia existe o Catálogo galego de especies ameazadas, que recolle un total de 76 especies en perigo de extinción no noso país, xunto con outras 126 categorizadas como "vulnerables". Estre esas 76 especies hai un mamífero (o oso pardo), 13 especies de aves, 3 de réptiles, 4 de artrópodos, 4 de moluscos e outras 50 de plantas, fentos, algas e liques. Grupos ecoloxistas veñen denunciando que a maior parte das especies amezadas en Galicia carecen dun plan de protección específico, polo que a súa presenza no catálogo non ten efecto ningún. 

  • Oso Pardo. A súa presenza en Galicia esporádica nas rexións montañosas orientais, onde pasan individuos procedentes de Asturias e León, onde se están a realizar esforzos por recuperar a súa poboación.
  • Avefría. Tamén chamada galdaripo ou galo da braña, en Galicia só quedan unhas 50 parellas, na zona do río Limia. Nese lugar a SGHN está a levar a cabo accións que buscan favorecer a recuperación da especie
  • Mazarico Real. É unha das especies máis vulnerables; calcúlase que neste momento só existen entre tres e cinco parellas reprodutoras en Galicia, que é ademais a única rexión da Península na que se pode atopar. A Sociedade Galega de Ornitoloxía decidiu en 2017 declarar esta especie como a ave do ano en Galicia.
  • Cangrexo de río. O cangrexo de río autóctono está ameazado pola crecente presenza do cangrexo americano, que transmite un fungo que está a rematar coa poboación do Austropotamobius pallipes.
  • Cabaliño do demo. Na lista aparecen dúas especies de cabaliño do demo: Gomphus graslinii e Macromia splendens, ameazados pola degradación que están a sufrir os bosques de ribeira.
  • Cerreta. Tamén chamada becacina ou narcexa común, calcúlase que en Galicia hai unhas poucas ducias de parellas. Habita en zonas húmidas, aínda que nas últimas décadas a súa presenza diminuíu bastante. Nos últimos anos entidades ecoloxistas reclamaron que a súa caza fose prohibida.
  • Píllara das dunas. Galicia é o único lugar do norte da Península na que se pode atopar esta especie, ameaza pola degradación das zonas costeiras ou pola presenza humana ou de cans soltos nas súas zonas de nidificación. Calcúlase que a súa presenza en Galicia se reduce a un cento de parellas.
  • Galápago europeo. O sapoconcho común, presente en moitos ríos do país, está amezado pola súa captura ilega, pola aparición de especies exóticas que compiten con el nos seus hábitat e por outras causas, coma a desparición dos bosques de ribeira ou os propios incendios forestais. 

Grupos ecoloxistas veñen denunciando que a maior parte das especies amezadas carecen dun plan de protección específico, polo que a súa presenza no catálogo non ten efecto ningún

  • Esgonzo ibérico. Está presente en zonas costeiras de Galicia, pero é moito máis escaso que o outro esgonzo galego, o esgonzo común. En Galicia ten unha distribución limitada en zonas das Rías Baixas, na zona de Muros-Carnota, nas illas Cíes e na de Ons.
  • Tartaruga de Coiro. É a maior de todas as tartarugas e pode ser atopada en Galicia. A actividade humana ameaza as tartarugas de coiro de moitas maneiras, sendo o seu estado "vulnerable" en todo o planeta.
  • Escribenta das canaveiras. Galicia é un dos lugares de maior presenza desta especie en toda a Península, pero esta redúcese a un cento de parellas, que ocupan zonas húmidas.
  • Sisón. En Galicia a presenza do sisón é puntual, sendo a súa distribución moi descontinua e fragmentada, localizándose na Terra Chá ou na Limia. As súas poboacións están a reducirse drasticamente sobre todo pola perda dos seus hábitats
  • Plantas. No catálogo pódense atopar un gran número de plantas, entre as que se poden destacar a Succisa pinnatifida e a Ranunculus bupleuroides, sobre as que a SGHN alertou o pasado ano que se podían ver prexudicadas gravemente pola ampliación do parque empresarial/industrial de Ribeira na zona das Pedras Vermellas ou Fontenla. Recentemente, a SGHN demandou a catalogación como "vulnerable" da camariña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.