O acivro (Ilex aquifolium) é un arbusto presente nos bosques de boa parte de Europa, tamén en Galicia, de grande importancia ecolóxica e tamén cultural, cunha gran presenza na toponimia galega e nas tradicións celtas. Nas últimas décadas lanzáronse alertas sobre o seu estado de conservación, tendo en conta sobre todo o uso que del fan algunhas especies animais, como protección ante predadores, regulador térmico ou alimento.
O acivro non conta na actualidade con ningunha figura de protección en Galicia
A pesar disto, non conta na actualidade con ningunha figura de protección en Galicia. Con todo, si estivo protexida no pasado. En 1984 unha orde da Xunta declarouna "especie protexida no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia” ao considerar "a importancia ecolóxica do acivro e a súa utilidade para a fauna silvestre”. Porén, esta orde -que desenvolvía o Real Decreto 3091/1982 sobre protección de especies ameazadas da flora silvestre- quedou derrogada en 1990 por outro decreto que regulaba o Catálogo nacional de especies ameazadas, sen incluír ao acivro entre as especies suxeitas a unha protección especial.
Este xoves o DOG publica (Decreto 11/2018) unha nova derrogación da orde de 1984 "co obxecto de reforzar a seguridade xurídica que esta derrogación supón no ámbito ambiental, dadas as dúbidas que nos ámbitos económico e social están a derivar desta orde". O decreto, que regula a composición do Observatorio Galego de Educación Ambiental, lembra que "na lexislación vixente sobre conservación da biodiversidade non está considerada a súa protección", subiñando a Xunta que "o que se fai agora é, unicamente, derogar de forma expresa a devandita orde aproveitando unha modificación dunha norma de rango ambiental". A Consellería de Medio Ambiente sailenta que habitualmente recibe "numerosas consultas por diversas vías relacionadas coa suposta condición do acivro como especie protexida". Unha protección que neste momento non existe.
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) anuncia que na vindeira xuntanza do Observatorio Galego da Biodiversidade solicitará a inclusión do acivro como especie vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. En resposta, a Consellería de Medio Ambiente sinala que "a situación actual do acivro non é un obstáculo para calquera tipo de iniciativa que se poida impulsar para a súa posible incorporación no catálogo" e afirma que "a proposta será estudada e tomarase unha decisión en virtude da información técnica dispoñible que poida ser achegada e avaliada".
A SGHN destaca que as formacións de acivro son un hábitat de interese na UE que ten sufrido unha diminución dun 10% da súa superficie de distribución
A SGHN destaca que as formacións de acivro son un hábitat de interese na UE que ten sufrido unha diminución dun 10% da súa superficie de distribución e ocupación nas últimas décadas. E estudos recentes alertan de numerosas ameazas para esta especie, dende os efectos dos incendios forestais en Galicia, o abandono dos usos tradicionais do territorio ou a presión humana directa, sobre todo pola corta de acivro no Nadal para usos decorativos.