O incumprimento da lei agrava a situación das aves ameazadas en Galicia

Píllara das dunas © SGHN

As aves ameazadas en Galicia están aínda máis ameazadas. A situación destas especies non só non mellorou "senón que continúa a súa tendencia negativa", estando moitas destas especies "nun estado moi desfavorable ou a piques da súa desaparición" no país. Este foi o balance de varios expertos nunha xornada técnica na que ornitólogos galegos de ámbitos da universidade, a empresa, as administracións ou das ong analizaron a situación da avifauna na autonomía hai xa varios meses e cuxas conclusións foron agora recollidas nun informe da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).

Moitas das aves ameazadas en Galicia "están a piques da súa desaparición", segundo as conclusións de varios expertos

A gravidade do problema é aínda maior de ter en conta que dende a aprobación da Lei de Conservación da Natureza en 2001 e do posterior Catálogo Galego de Especies Ameazadas en 2007, a situación non foi a mellor. Nin moito menos. O incumprimento da obriga legal que supoñen estas dúas normativas provoca que, na actualidade, unicamente dúas especies de aves (a escribenta das canaveiras e píllara das dunas) teñan un plan de recuperación/conservación aprobado e activo. Son só dúas das trinta incluídas na listaxe de especies ameazadas, un 7%.

Tan só dúas das trinta especies ameazadas (o 7%) teñen un plan de recuperación aprobado e activa malia a obriga legal

"A protección non é máis que sobre o papel, xa que non serve de nada se non se aplican as medidas requiridas e se non hai documento ningún que estableza as obrigas", explica a Praza Sergio París, técnico ambiental e secretario da SGO, que advirte ao igual que o resto de expertos que é "urxente" a actualización da información sobre o estado de conservación e a aprobación dos plans das restantes especies. "A situación actual é inaceptable, incluso desde o punto de vista do cumprimento da legalidade vixente", aseguran.

As causas sobre esta precaria situación das especies ameazadas son moitas, pero hai algunhas que destacan sobre as demais: o abandono dos usos tradicionais e cambio de usos de solo no rural galego. "Implica unha simplificación dos ámbitos e ecosistemas destas aves e favorece a desaparición das que están vinculadas á existencia de determinados usos agrarios tradicionais que están a ser eliminados", explica París, que advirte que paxaros como o sisón ou a propia anduriña están a sufrir efectos como a intensificación agrícola ou forestal con especies non sustentables como os piñeiros e os eucalitos en Galicia, especialmente en zonas como A Limia ou a Terra Cha. Ademais, a contaminación por pesticidas ou hidrocarburos, entre outros, tamén é unha grave ameaza, así como algunhas liñas eléctricas e parques eólicos.

O abandono do rural e a masificación de piñeiros e eucaliptos son dúas das principais causas da precaria situación das aves ameazadas

A contaminación, o abandono do rural e a intensificación agrícola e forestal vense agravadas pola carencia de información sobre o estado de conservación das aves, "derivada da ausencia dun compromiso real da administración coa conservación do medio natural". Aínda así, cada caso é diferente, xa que é moi diferente se nos referimos a especies mariñas ou de interior. Neste último caso, como di Sergio París, sería urxen "un cambio nas políticas sectoriais, tanto no referente ao desenvolvemento de infraestruturas como no que ten que ver con actuacións forestais masivas en piñeirais e eucaliptais", así como a "protección e conservación" dos ámbitos das aves ameazadas.

Pero a falta de medidas e o incumprimento das normativas xa existentes segue a ser o máis grave porque, tal e como se pode comprobar con determinados exemplos, os plans de conservación e protección funcionan se se aplican. Así, París destaca que as dúas únicas especies que manteñen unha evolución favorable en Galicia son a aguia real e a píllara das dunas que son, precisamente, "sobre as que se estáa a realizar un investimento para a súa conservación".

Casos como o da aguia real ou da píllara das dunas demostran que os plans de conservación funcionan se se aplican

No caso da aguia real, os traballos para a súa reintrodución  na zona do Xurés deu resultado ao aumentárense os exemplares. En canto á píllara, hai experiencias a través de administracións ou da universidade que demostran como unicamente sinalando as áreas de praia onde está ave pon os ovos conséguese reducir unha mortalidade que é moi habitual no verán coa chegada de bañistas. "Non se trata de prohibir, senón de favorecer a súa conservación". "Isto demostra que onde se aplican as medidas, estas funcionan, pero o problema é cando a administración ambiental non realiza os seus cometidos", insiste París, que explica que hai casos de especies ás que lles abondaría con que se mantivesen dúas ou tres pradeiras no seu ámbito, onde estas están a ser substituídas por plantacións masivas de millo. "Chegaba con que a Xunta comprase un pequeno terreo a algún propietario para conservar a especie", conta.

Así, e ante esta precaria situación, os expertos e a SGO reclaman a "disposición dos recursos económicos e medios necesarios para a aplicación de medidas de conservación" e advirte que a situación de crise "non pode ser empregada como escusa para eludir este compromiso". "Xa pasaron máis de 13 anos desde a aprobación da Lei de Conservación da Natureza", engaden tras lembrar que as accións "deben ser planificadas, priorizadas e coordinadas entre as distintas administracións en base a criterios técnicos de conservación e non supeditadas a outros intereses sectoriais ou particulares".

Os expertos denuncian que as administración usan fondos asignados á conservación do medio natural para outros ámbitos

Por iso, cren "incomprensibel" que a administración ambiental "empregue os fondos asignados á conservación do medio natural (e en moitas ocasións derivados para tal fin de fondos europeos) para traballos propios doutros ámbitos da administración" como son os traballos forestais, creación e mantemento de áreas recreativas, recuperación do patrimonio histórico ou construción de múltiples infraestruturas de interpretación dunha natureza "que se atopa desamparada".

Ademais, reclaman unha serie de medidas urxentes que fagan reverter esta tendencia negativa das aves ameazadas: a correcta conservación e xestión das zonas húmidas, a limitación do turismo e outras actividades recreativas nos espazos naturais e áreas de nidificación de especies ameazadas, a regulación das artes de enmalle na actividade pesqueira, o control dos depredadores exóticos e naturalizados insulares, a identificación, conservación e restauración dos sistemas agrarios e agrosilvopastorais de alto valor natural en Galicia, a modificación de liñas eléctricas e parques eólicos problemáticos para as especies ameazadas e a aplicación dunha nova política forestal baseada en criterios de conservación da biodiversidade.

Píllara das dunas © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.