Pontón presenta a estratexia ambiental do BNG con 30 medidas como alternativa ao "modelo depredador"

Ana Pontón, con outros dirixentes do BNG presentando a estratexia ambiental da formación, este 29 de maio no parque Eugenio Granell (Santiago) CC-BY-NC-SA BNG

En vésperas do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño, as dúas forzas da oposición parlamentaria expuxeron este sábado as súas prioridades políticas en materia medioambiental. O BNG, coa súa portavoz nacional á cabeza, fíxoo no compostelán parque de Eugenio Granell, onde resumiu unha estratexia ambiental que, sinala Ana Pontón, está composta por unha trintena de medidas alternativas ao "modelo depredador" que, ao seu xuízo, está a impulsar o Goberno do PP.

Un fondo de conservación da natureza dotado con 100 millóns ou a creación dunha empresa pública de enerxía son algunhas das propostas de aplicación máis inmediata incluídas na axenda ambiental presentada polo Bloque en vésperas do Día Mundial do Medio Ambiente

Coa vista posta especialmente na poboación moza, coa que "compartimos a preocupación polo deterioro do medio" ou polo "dispendio de recursos naturais", Pontón asegura que a estratexia ambiental da formación soberanista pasa por "romper cun modelo que asigna a Galiza o papel de mera subministradora de materias primas e enerxía" e "aínda por riba, cun escaso valor engadido".

Entre as medidas de aplicación máis inmediata, o BNG inclúe nesta axenda a creación "dun fondo de conservación da natureza, cun investimento de 100 millóns de euros" e "converter en Rede Natura o 20% do territorio" retomando así unha ampliación que o Executivo do PP freou en 2011. Paralelamente, Pontón sinala entre as prioridades a posta en marcha dunha empresa pública de enerxía que, como vén defendendo nos últimos meses, serviría para "apostar polo aforro e a eficiencia enerxética" e mais polo "fomento do autoconsumo nas comunidades locais".

Ana Pontón intervén na presentación da estratexia ambiental do BNG CC-BY-NC-SA BNG

A aprobación da Axenda Urbana Galega 2030, que expanda por todo o país "o modelo dos concellos" onde goberna o Bloque, é outro dos eixos dunha iniciativa na que, sinala Pontón, tamén teñen que incluírse as políticas de mobilidade. A aposta, di, é "o fomento do transporte público e da intermodalidade" do autobús co tren, o transporte marítimo e a mobilidade ciclista.

"Temos respostas aos desafíos ambientais, un arsenal de ideas para facer de Galiza un referente do desenvolvemento sostible e contra a crise climática"

Nesta liña, sinala, a estratexia ambiental da formación inclúe o "impulso ás actividades económicas sustentables na fase de produción, transformación e comercialización". Por exemplo, destaca, "promovendo os circuítos curtos, quilómetro cero, e mercados de proximidade".

Culminar a rexeneración das rías ou "reducir ao mínimo a xeración de residuos como plásticos de orixe industrial, da construción e agrogandeiros" inclúense tamén nun programa medioambiental que contempla "medidas lexislativas e de goberno para reforzar a protección ambiental". Nesta liña, Pontón di ser partidaria de aplicar "unha proposta de fiscalidade verde" que prime as boas prácticas medioambientais.

"Son -sintetiza a líder do Bloque as propostas dun BNG verde, ecoloxista, que sintoniza coas preocupacións da sociedade" e que nesta liña, avanza, tamén aprobará a súa propia "carta ambiental" cara ao funcionamento interno, que será debatida na vindeira Asemblea Nacional -estaba prevista para 2020, pero foi adiada pola pandemia da COVID-. "Temos respostas aos desafíos ambientais, un arsenal de ideas para facer de Galiza un referente do desenvolvemento sostible e contra a crise climática", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.