"Se hai menos risco de lume nas Fragas é polas chuvias, non porque mellorase a xestión"

Mónica Arto, representante dos ecoloxistas na xunta consultiva das Fragas © Tingalaranga Audiovisual

Mónica Arto é a representante dos colectivos ecoloxistas na xunta consultiva das Fragas do Eume, ese órgano onde se reúnen todos os sectores implicados na xestión do parque natural e que segue acumulando atrasos na súa convocatoria. Un ano despois do incendio que asolou a zona, a secretaria de Verdegaia en Ferrolterra, denuncia a falta de avances na redución do risco de lumes e a "parálise" que a Xunta está a provocar nunha xestión que cualifica de "unilateral" e "opaca". Dezaseis anos despois da declaración de parque natural do bosque, segue sen aprobarse o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) que sería clave para este espazo protexido.

Un ano despois do incendio, que problemas seguen sufrindo as Fragas do Eume?

O principal problema é o da propia xestión do parque. A responsabilidade recae na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tanto para nomear o director do parque, que é o que finalmente xestiona o día a día, como para convocar as reunións da xunta consultiva, onde se representan os diferentes intereses, desde propietarios a ecoloxistas, pasando polas administracións. No entanto, esta xunta tan só é informativa, así que a Xunta fai e desfai nas Fragas segundo considere.

"A xestión das Fragas é unilateral; non se convocan as xuntas consultivas e a Administración fai e desfai segundo considere"

Pero esas xuntan nin tan sequera se convocan...

Dentro desa pouca marxe de manobra que temos, é certo que nin sequera se convocan regularmente as reunións, que son un foro no que se podería discutir cara a cara sobre o parque. Nin tan sequera hai xuntanzas unha vez ao ano, que é o estipulado polo regulamento e a lei. Hai unha parálise no traballo diario nas Fragas e a xestión do parque é unilateral.

Canto tempo leva sen convocarse a xunta consultiva?

Convocouse o ano pasado en maio de forma extraordinaria para informarnos das medidas tomadas tras o incendio, pero foi de cara aos medios. Só se expuxeron queixas e se pediu información, pero non se volveu convocar a reunión anual onde se deben aclarar onde se gastan os cartos ou que é o que se está facendo. Isto ocorre nas Fragas do Eume, pero imaxine no resto de parques naturais, onde nin tan sequera están constituídas. A situación aínda é peor.

Que problemas provoca esta parálise?

Debe haber un foro máis participativo e con acceso á información. Os propietarios quéixanse desde que lles facilitaron o borrador do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) de que falta moita información. Non saben que poden ou non facer dentro das súas parcelas e as súas reivindicacións son moi básicas. É como bater contra un muro. Pedimos datos, pero sempre nos din que leva moito traballo ou que non os teñen, e iso non é certo.

"Non hai tanto risco de incendio pola abundancia das chuvias, non porque cambiasen as políticas aplicadas no parque natural"

Un ano despois do lume, as Fragas seguen sufrindo o mesmo risco de incendio?

Por cuestións meteorolóxicas non hai tanto risco, pero é polo tempo, pola abundancia de chuvias e non porque cambiasen as políticas ou as accións levadas a cabo dentro do parque natural. Nun ano non se poden solucionar as problemáticas que viñan arrastrando as Fragas, pero tampouco vemos que se intenten atallar os problemas. Séguense colocando piñeiros ou eucaliptais nas zonas máis próximas aos espazos sensibles e non se pensa en substituír estas especies por outras menos piróficas. Son unha bomba de reloxería e máis cando se incumpre a normativa que impide que estean en zonas de pendente acusada.

Esa foi unha das claves da propagación do incendio, non si?

O incendio iniciouse na matogueira pero propagouse cara ás Fragas porque había eucalipto ou piñeiro en zonas de transición. O impacto sería menor se houbese outras árbores, é evidente.

"Entendo aos propietarios que plantan eucaliptos porque é o único que lles compran; é a Xunta quen ampara isto"

Pero séguense plantando eucaliptos...

Os propietarios teñen unha serie de dereitos para poder explotar os seus terreos, pero a Xunta é a que permite ou favorece que ano tras ano se vexan obrigados a plantar eucaliptos. É a Administración a que ten que favorecer os medios para producir outras especies que non sexan unha ameaza. Entendo a postura dos propietarios porque o único que se lles compra é eucalipto e iso está amparado pola propia Xunta, aínda que o negue. Só hai que dar unha volta polo país e comprobar que se hai eucalipto é porque hai un apoio claro do Executivo, tanto nas zonas protexidas coma no resto. Ao final, colonizan espazos que antes eran fraga ou que son matogueira e acaban impedindo levar a cabo outra política forestal.

Cre que a Xunta cambiará a súa política neste ámbito?

De cara ao futuro, a Xunta quere seguir mantendo ese tipo de produción eucaliptal. Din que non se están a permitir novas plantacións, pero si que se están a facer dentro do parque e non só onde xa o había, senón onde era fraga. A resposta do anterior director do parque é que iso non é certo, pero é difícil avanzar se os responsables públicos non asumen que hai un problema.

"A Xunta resérvase a posibilidade de introducir transxénicos e realizar fumigacións nas Fragas do Eume"

O borrador do PRUX non toma medidas contra esta problemática?

Foi un avance, pero temos dúbidas de que co propio PRUX haxa unha mellora porque a Xunta resérvase a posibilidade de introducir transxénicos nas Fragas ou realizar fumigacións aéreas. Estas dúas medidas van vinculadas claramente a manter os eucaliptais. De cara á galería, deféndese a conservación e o goce do parque, pero as medidas que se toman son moi escasas e nun futuro non estea garantido que se manteña esa biodiversidade da que presumen.

Como vai a recuperación das Fragas tras o incendio?

Hai varias zonas: as máis afectadas, nas que xa se veu que o lume fora máis intenso, e que son zonas asociadas á produción de eucalipto. Aí está retoñando o eucalipto pero non sabemos se vai proliferar. Noutras zonas si que se realizaron novas plantacions e logo hai zonas de rochedo onde si houbo un proceso erosivo máis intenso. Nas fragas, pola contra, o propio manto protexeu o terreo da erosión, aínda que o propio xefe provincial de Conservación da Natureza recoñeceu que houbo días, tras os lumes, nos que os arrastres chegaron ao Eume e provocaron algo de contaminación no río. Nas zonas de fraga, aínda é cedo para saber se as árbores sobreviviron ou non ao lume ou se quedaron danadas, pero si foi o espazo menos afectado.

Teñen algunha data aproximada na que podería estar aprobado o PRUX?

Non hai datas, nunca nolas poñen desde a Administración. Xa hai moitos anos que levamos esperando, malia que lles marcan dous anos para aprobar a regulación da xestión. Estamos nunha situación de alegalidade, por non dicir ilegalidade. A propia Xunta asegura que se non hai avances é pola postura intransixente dos propeitarios, pero iso non é certo, a intransixente é a Xunta por non dar información. A nós dinos iso e aos propietarios diralles que é culpa dos ecoloxistas. Ao final, o único que se fai é funcionar con absoluta opacidade.

Mónica Arto, secretaria de Verdegaia en Ferrolterra Dominio Público TingaLaranga Audiovisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.