55 mozos e mozas de entre 14 e 18 anos dos concellos de Bueu, Brión, Monfero, Silleda e Viana do Bolo reuníronse en Allariz para participar no primeiro encontro do proxecto 'Red Compás: juventud europea y participación' en Galicia. En comunidade, durante tres xornadas de traballo e unha base previa preparada nas aulas, construíron un manifesto que presentarán no Parlamento europeo no mes de setembro.
"As cousas que queremos cambiar teñen que ver principalmente coa importancia de ter unha vivenda digna e co transporte público, coa dificultade que temos nos nosos concellos para poder desprazarnos duns sitios a outros por esas liñas nas que se perdes o bus podes quedar tirado alí ata o día seguinte. Tamén falamos de educación e das facilidades que poderíamos ter no rural", explica Candela, alumna do IES de Brión.
Red Compás é unha rede europea de participación xuvenil que promove a formación e o acompañamento da mocidade como axente activa de transformación social. A través da comunicación participativa, a creatividade e o traballo en equipo, a rede impulsa procesos de aprendizaxe, expresividade e mobilización xuvenil.
Coordinada en Galicia pola Asociación galega de comunicación para o cambio social (Agareso), en colaboración cos centros educativos IES Carlos Casares (Viana do Bolo), IES Pintor Colmeiro (Silleda), IES de Brión, IES Illa de Ons (Bueu) e CPI Virxe da Cela (Monfero). Red Compás enmárcase no programa Erasmus+ e conta co apoio do INJUVE e o Ministerio de Mocidade e Infancia.
Medio cento de mozos e mozas de entre 14 e 18 anos de cinco concellos galegos reuníronse en Allariz para participar no primeiro encontro do proxecto 'Red Compás: juventud europea y participación' no noso país, onde elaboraron un manifesto que presentarán no Parlamento europeo
Entre os seus principais obxectivos deste proxecto europeo está "promover a participación democrática da mocidade máis aló das grandes cidades e en contextos rurais" e "construír espazos de diálogo entre mocidade e institucións". Á parte de "visibilizar as propostas, necesidades e soños das xeracións máis novas" para o conxunto da sociedade.
"Un dos principais problemas que afecta a unha gran maioría da mocidade rural galega é a falta de dispoñibilidade de transporte público nos núcleos de poboación menores. Hai escaseza de paradas e os autobuses pasan con moi pouca frecuencia, facendo complicados os desprazamentos entre localidades. Para mellorar isto, propoñemos que se abran máis liñas de transporte, mellor conectadas entre elas cun maior numero de paradas e que os autobuses pasen con máis frecuencia", así o expoñen no manifesto elaborado conxuntamente en Allariz.
Xavi, alumno do CPI Virxe da Cela de Monfero, conta que no seu centro só poden estudar ata 4º da ESO, polo que para facer o Bacharelato teñen que desprazarse a centros de Pontedeume ou Betanzos. "Para algunhas familias supón un esforzo bastante grande porque as liñas de transporte público son rutas que a día de hoxe acabaron, xa que cada vez hai menos poboación porque a xente vaise mudando ás cidades. Ou levas ao teu fillo ao instituto en coche, ou tes que falar na estación de bus para que o veñan recoller nunha ruta próxima á que ti o achegas co coche á parada máis próxima: por exemplo, hai xente que fai un quilómetro en coche cos pais ata a parada para poder coller o bus e chegar a Betanzos ou Pontedeume", detalla.
Demandan "becas para garantir a igualdade de oportunidades na educación" e que os traballos "non ocupen moito máis dun terzo das horas que ten un día"
"Outro dos grandes problemas é a dificultade da mocidade rural galega para poder estudar o que queren, xa que algunhas carreiras só as podemos atopar nun único lugar, que pode estar separado ou mesmo a varias horas de distancia das nosas localidades. Tendo en conta os alquileres que moita xente non se pode permitir, esiximos becas para garantir a igualdade de oportunidades na educación. Tamén pedimos que o goberno facilite experiencia a quen a necesite, porque, por desgraza, na nosa sociedade, pídenche experiencia para todo", prosigue o manifesto que levarán a Bruxelas.
Nesta liña, a rapazada galega pide que "os horarios sexan respectados" no eido laboral e que os traballos "non ocupen moito máis dun terzo das horas que ten un día". "En canto aos salarios, desexamos que sexa ben remunerado en relación coas horas traballadas e o esforzo requirido", defenden. Ademais, reclaman mellor remuneración para o sector primario e para os servizos de axuda ás persoas dependentes, así como un maior apoio ao comercio local fronte á competencia das compras a través de internet.
"Gustaríame que houbera máis oportunidades laborais, xa que para poder vivir en Monfero tes que desprazarte a outros concellos veciños como Arán ou Vilarmaior para traballar. E máis lugares de ocio, algún bar máis ou discoteca; e incluso mellorar o funcionamento do centro de saúde, pois pediatra só hai un día á semana e é moi difícil conseguir unha cita para o médico", salienta Xavi, do colexio Virxe da Cela.
"Chega a ser absurdo o que custa un metro cadrado, porque unha vivenda non é un privilexio, é un dereito", salientan
Estas mozas e mozos non rematan o seu manifesto sen facer referencia ao complicado que pode chegar a ser atopar unha vivenda digna, que aseguran que é unha das súas principais preocupacións. "Nós, como estudantes, non podemos permitirnos prezos tan altos, que levan anos escalando ata chegar a ser absurdo o que custa un metro cadrado, porque unha vivenda non é un privilexio, é un dereito. Porque sendo un dereito deberiamos poder vivir onde necesitemos ou onde queiramos", aseguran.
Tamén propoñen a posibilidade de "habilitar lugares que xa non teñen uso e se poidan utilizar para novos lugares de ocio ou para facer albergues sociais, para que a xente con menos recursos teñan un sitio onde vivir e estar". Para poñerlle o ramo ao manifesto fan unha defensa do galego como a lingua que os une, "identidade" e "cultura". É "o que somos e o que seremos", conclúen.