Fragas do Eume: urxen respostas

  • Editorial

O país asiste conmocionado ao incendio nas Fragas do Eume, que en só unhas horas está a arrasar o noso máis prezado paraíso florestal. Ante unha catástrofe como esta, que inevitablemente dispara as paixóns, é necesario manter a cabeza fría e as prioridades claras: cómpre non esquecer que, en primeiro lugar, os esforzos deben centrarse en controlar, atallar e extinguir o lume; en preservar a vida das persoas residentes nas áreas atinxidas; en salvar todo o patrimonio natural que aínda sexa posible; e en protexer os bens públicos e privados ameazados polo incendio.

Mais hai un segundo plano, ineludible: o das responsabilidades polo ocorrido, tanto na orixe do incendio como nos medios dispostos para a súa extinción e na xestión informativa da crise. Comezando por este último aspecto, resulta innegable que a Xunta dificilmente podería telo feito peor: nin unha soa comparecencia ao longo de todo o sábado; catorce horas sen información oficial na web da consellaría responsable; uso do twitter do PP de Galicia para dar información que lle correspondería á Xunta e –probablemente o máis grave de todo– un presidente ausente. Con ese panorama, non é de estrañar que os medios que máis esforzos dedicamos á cobertura da catástrofe tivésemos que recorrer ás redes sociais para obter das persoas que traballaban sobre o terreo a información que as autoridades non proporcionaban. Hoxe, domingo, esas anomalías comezaron a corrixirse; esperamos sinceramente que a Xunta non repita os mesmos erros e que, a partir de agora, a información sexa transparente, pois a cidadanía así o reclama e merece.

En primeiro lugar, os esforzos deben centrarse en atallar o lume, mais hai un segundo plano ineludible: o das responsabilidades

Canto á orixe do lume, esta mesma mañá o presidente Feijoo anunciou que se trataba dun incendio provocado. Sendo esa a hipótese oficial, o lóxico é, por unha banda, solicitar á Xustiza que investigue as responsabilidades penais; e, por outra, constituir unha comisión parlamentar de investigación que esclareza non só as causas materiais do incendio senón tamén (i) os eventuais fallos na prevención, (ii) a insuficiencia na dotación de medios materiais e humanos e (iii) as medidas a adoptar para evitar novos desastres. Ademais, non se pode pasar por alto que o incendio se produciu no mesmo lugar onde o actual goberno galego –rectificando unha decisión previa do executivo de coalición PSdeG/BNG– autorizou a explotación dunha mina de andalucita: se hai ou non relación entre ambos feitos é algo que debe ficar absolutamente claro ante a opinión pública, aínda máis tras pasadas experiencias que abonan as sospeitas. Porque un lume pode ser provocado por un descoido, por unha imprudencia ou por un plan criminal premeditado, casos todos eles difíciles de prever e atallar a tempo; pero tamén pode ser provocado pola neglixencia institucional á hora de previlo e combatelo, e iso é algo que como sociedade non podemos permitir.

Por último, non se poden esquecer as responsabilidades políticas inmediatas. Cando chegou á Xunta, o PP herdou un plan de loita contra os incendios modélico, construído tras o terrible ano 2006, ben como unha política de comunicación transparente e eficiente. Xa desde o comezo do mandato, na campaña estival do 2009 e moito antes de que os recortes atinxisen a dimensión actual, Medio Rural reduciu o número de brigadistas, diminuiu os medios materiais de loita contra os lumes e derivou as responsabilidades ás circunstancias climáticas, ademais de pór en práctica unha política informativa cuxa credibilidade é posta en dúbida polos sectores profesionais directamente implicados. Até que punto esa acción política ten repercusións nos diferentes desastres provocados polos incendios ao largo dos tres últimos anos, e especificamente no que nestes días nos entristece, é outra das cuestións que deben ficar esclarecidas no debate público.

É desexable que a oposición fiscalice sen caer nas mesmas actitudes que o PP tivo na oposición; polo momento, PSdeG e BNG están a ser responsables

Á oposición parlamentaria cábelle o papel de fiscalizar e de esixir a asunción de responsabilidades, mais é desexable que o faga sen caer nas mesmas actitudes que o PP esgrimiu cando estaba na oposición e que constituiu un dos episodios máis mesquiños da nosa historia política recente. Tanto o PSdeG como o BNG mostraron, en anteriores crises florestais, unha actitude crítica mais tamén responsable, liñas que deben manterse tamén neste ano (pre)electoral que vivimos. Ata o momento, ambas forzas están a amosar esa responsabilidade ante o lume do Eume.

Se da dor que hoxe sentimos nace unha conciencia social capaz de esixir un novo modelo de explotación e preservación da nosa riqueza florestal, daquela as Fragas do Eume non terán ardido completamente en van. É un imperativo ético, social e político abrir un debate que poida dar eses froitos, de xeito que fique claro que Nunca Máis se porá en perigo o noso patrimonio natural por neglixencia ou desleixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.