Ests xoves 22 a Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume manterá unha reunión que inclúe na sua orde do día a presentación do documento preliminar do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque. Un documento, elaborado polo Goberno galego, que xa recibiu críticas de propietarios e ecoloxistas, que acusan a Xunta de redactalo sen ter en conta as súas visións e sen buscar un consenso que consideran "imprescindible".
Ecoloxistas e propietarios piden un "auténtico proceso participativo" para o plan reitor. E tamén os gobernos municipais de As Pontes, Cabanas, Capela e Monfero criticaron nos últimos días a falta de diálogo da Xunta. Propietarios e ecoloxistas alertan de que o Goberno galego podería "utilizar" a reunión do xoves "como un simple formalismo, sen un diálogo real entre as partes e tentando silenciar as nosas reivindicacións, xa que as diferentes administracións acaparan a maioría de representantes neste órgano".
Mónica Arto (Verdegaia) sinala que o texto "é moi xenérico, non hai nada concreto e tampouco é unha proposta práctica para o día a día", e subliña que o texto só revela preocupación pola "perspectiva de parque natural dedicada a un interese turístico" pero que esquece outros aspectos, coma "temas de conservación, de protección de especies ameazadas ou o obxectivo de avanzar nos acordos con propietarios para a boa xestión do parque". Arto advirte de que "a Xunta quere forzar a resolución do tema do PRUX porque é algo moi molesto para eles". "A Xunta arrastra anos e anos de incumprir a legalidade nas Fragas do Eume e na maioría de parques naturais de Galicia, pero as Fragas teñen máis proxección mediática e danlles máis a lata", engade.
"A Xunta arrastra anos e anos de incumprir a legalidade nas Fragas do Eume e na maioría de parques naturais de Galicia, pero as Fragas teñen máis proxección mediática e danlles máis a lata"
Aínda que as Fragas do Eume se converteron oficialmente en parque natural no verán de 1997, o espazo está moi lonxe de estar convenientemente protexido e a xestión realizada até o de agora é criticada dende distintos ámbitos e entidades. "Hai que facer actuacións concretas para protexer especies en perigo de extinción" -destaca Arto- "pero iso non aparece no PRUX e non parece que se teña clara esta necesidade". Tamén sinala que "segue sen frearse o avance das especies invasoras, entre elas o eucalipto, o que leva á desaparición de determinados hábitats". De feito, ao redor da cuarta parte das árbores do parque son piñeiros ou eucaliptos, plantados nas últimas décadas.
E destaca a importancia de controlar a calidade da auga do Eume. "Pero é Endesa quen decide a calidade e cantidade de auga. Segue sen cumprir co mínimo de caudal ecolóxico no encoro e a Xunta permíteo", explica. De igual xeito, comenta que "apareceron vertedoiros incontrolados, pero a Xunta non ten vontade de eliminalos". "Non hai vontade de facer cumprir a lei", conclúe Mónica Arto, que engade que "a Xunta si inviste cartos nas Fragas, pero invístese en turismo, en espazos de recepción de visitantes, en autobuses gratuítos para turistas". "Iso é secundario para as necesidades actuais do parque e as necesidades da poboación que vive próxima a el", di.
A visión dos propietarios
Por parte das asociacións de propietarios tamén chegan críticas. María Ángeles Pita, presidenta da Asociación Parque Natural del Eume, Naturaleza y Desarrollo, destaca a ausencia nun texto "farragoso, repetitivo e pouco concreto" de "compensacións" para os propietario, cos que, di, non se buscou un "consenso". "Somos propietarios do 80% das Fragas" -destaca- "pedimos que se nos compense, porque as Fragas para nós son un recurso económico importante, unha zona de gran produción forestal".
M. Ángeles Pita: "É un ben público e a administración debe coidar del, pero non a custa de outros: cando se fai unha autoestrada ou un aeroporto págase aos propietarios"
A representante dos propietarios salienta que "nós non estamos en contra do parque, que xa existe", aínda que critica que ata o de agora a maior parte das fase do proceso se fixeron "por decreto, ás nosas costas, sen consultarnos". "Este tipo de cousas hai que facelas por consenso e con compensacións, como recollen as lei e como se fai en todos os países de Europa" -di- "É un ben público e a administración debe coidar del, pero non a custa de outros: cando se fai unha autoestrada ou un aeroporto págase aos propietarios". María Ángeles Pita afirma que "os propietarios sempre coidamos este espazo" e salienta que "cando hai anos se comezou a falar de protexer as fragas, de convertelas en parque natural polas súas condicións naturais, hai que lembrar que se estaban nese estado é porque os propietarios levabamos moito tempos coidándoas".
A visión da outra asociación de propietarios, Unión de Propietarios para la Defensa de las Fragas do Eume, é moi semellante. O seu portavoz, Manuel Díaz, destaca a súa negativa a aceptar o texto proposto pola Xunta, por non recoller as súas demandas nin a previsión de compensacións.
A importancia do consenso
Mónica Arto: "O primeiro que ten que facer o parque, ademais de cumprir a súa función ecosistémica e de protección de especies, é mellorar a calidade de vida dos que viven alí, dos que viven próximos ao parque e dos que son propietarios"
Arto destaca que as organizacións ecoloxistas teñen consensuado cos propietarios "a necesidade de poñer en marcha medidas de xestión e de conservación que non supoñan un prexuízo para eles, no seu día a día ou nas explotacións forestais que queiran facer". "Por que teñen que ser os propietarios os que asuman perdas económicas na xestión forestal?", pregúntase a representante ecoloxista. "Ten que ser a Xunta a poña os medios económicos ou técnicos para levar adiante eses obxectivos de conservación ou protección do espazo, porque é un ben de interese xeral", destaca.
A representante de Verdegaia conclúe na importancia de que propietarios e veciños compartan o proxecto de protección do parque e que tamén se beneficien del. Para Arto, "o primeiro que ten que facer o parque, ademais de cumprir a súa función ecosistémica e de protección de especies, é mellorar a calidade de vida dos que viven alí, dos que viven próximos ao parque e dos que son propietarios. Se os propietarios se senten agredidos por esa figura de parque natural, non avanzaremos nada".