Ecoloxistas e propietarios piden un "auténtico proceso participativo" para o plan reitor das Fragas do Eume

Mapa do Parque Natural das Fragas do Eume © SGHN

A Xunta anunciou recentemente o inicio da tramitación do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume, un plan continuamente adiado e moitas veces demandado por propietarios e ecoloxistas dende a declaración do Parque en 1997. Porén, ante a actual urxencia amosada polo Goberno galego, as entidades que agrupan a propietarios e propietarias e ás organizacións ecoloxistas representadas na Xunta Consultiva do Parque veén de esixir "un auténtico proceso participativo no que se teñan en conta as nosas propostas e se respeten os prazos de tempo necesarios para acadar un documento final útil e consensuado".

A asociación Unión de Propietarios Para la defensa de la Fraga del Eume, a asociación Parque Natural del Eume Naturaleza y Desarrollo e as asociacións ecoloxistas afirman non entender "as présas actuais" da Xunta, "impoñéndonos un PRUX, xa que dende a declaración do Parque Natural en 1997 vimos asistindo de forma recorrente ao abandono dos diferentes borradores elaborados pola propia Xunta, dilapidando así os cartos públicos". Tamén lembran "a activación e paralización do funcionamento da Xunta Consultiva do Parque", denunciada ante o Valedor do Pobo e a "falta da vontade negociadora por parte dos diferentes responsables da Administración que permita chegar a acordos que faciliten a conservación e boa xestión do espazo natural".

Explican, así mesmo, que o pasado mes de novembro as asociacións de propietarios e propietarias e as asociacións ecoloxistas foron convocadas por separado a unha única rolda de xuntanzas informativas coa delegada territorial da Xunta en Coruña, Belén do Campo, e coa directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado. Sinalan que nestas reunións as representantes da Administración "non proporcionaron información concreta sobre o contido do futuro PRUX" e amosaron "unha total falta de vontade negociadora e estas reunións só serviron para que o goberno autonómico e os alcaldes fixesen un lavado de imaxe ante a opinión pública polo seu desleixo continuado cara ao Parque".

A Xunta Consultiva do Parque celebrará reunión ordinaria o vindeiro 22 de xaneiro ás 11 horas no centro de recepción de visitantes de Ombre-Pontedeume, unha xuntanza na que se inclúe como punto da orde do día a presentación do documento preliminar do PRUX. As entidades críticas co plan da Xunta convidan a asistir para exercer o seu dereito á información ambiental. Propietarios e ecoloxistas alertan de que o Goberno galego podería "utilizar" esta reunión "como un simple formalismo, sen un diálogo real entre as partes e tentando silenciar as nosas reivindicacións, xa que as diferentes administracións acaparan a maioría de representantes neste órgano".

"As présas só teñen sentido se a Xunta decidiu por anticipado non atender as nosas reivindicacións e impoñernos un PRUX que consideramos insuficiente, que non atende á problemática ambiental do Parque e ás necesidades dos propietarios"

Nesta reunión vaise facer entrega da información sobre a planimetría do Parque solicitada polos propietarios e propietarias en 2011, tras asinar estes un acordo cos alcaldes para permitir aclarar os posibles usos e limitacións establecidos en cada zona, como punto de partida necesario na tramitación do PRUX. Propietarios e ecoloxistas afirman a este respecto que se a Xunta "necesita catro anos para facer entrega dunha simple información que deberían ter dende o primeiro día", non se entende "que nós contemos con tan curto espazo de tempo para valorar un documento do calado do PRUX e facer as achegas pertinentes".

Conclúen que "a escaseza de tempo e as présas só teñen sentido se a Xunta de Galicia decidiu por anticipado non atender as nosas reivindicacións e impoñernos un PRUX que consideramos insuficiente, xenérico e que non atende á problemática ambiental do Parque Natural e ás necesidades dos propietarios e propietarias".

 

Críticas á mala xestión

As Fragas do Eume convertéronse oficialmente en parque natural no verán de 1997. Van xa case 17 anos de protección deste espazo, unha xestión que para entidades coma a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) se vén caracterizando pola súa ineficacia, dando como resultado "un parque baixo mínimos, cunha pésima gobernanza e no que a deterioración da biodiversidade se impón fronte á súa conservación". O pasado mes de abril, nun completo infome, a SGHN concluía que o Parque Natural das Fragas do Eume "é un mal exemplo da xestión dun Espazo Natural protexido" e un "fiel reflexo dunha política incapaz de cumprir e facer cumprir as normativas ambientais, de apoiar e impulsar actividades de carácter sostible nas áreas de influencia socioeconómica, que promovan o seu desenvolvemento e revertan o abandono que sofre o rural galego".

A SGHN concluía nun informe que o Parque Natural das Fragas do Eume "é un mal exemplo da xestión dun Espazo Natural protexido"

A entidade esixía "un cambio substancial na forma de dirixir e xestionar este emblemático espazo natural, fomentando unha xestión máis técnica, acorde coas necesidades de conservación do espazo, e que promova a participación dos cidadáns que viven no Parque". E alertaba de que a situación incrementaba o risco de que se reproducisen os lumes que en 2012 arrasaron parte do parque,

O informe denunciaba a inexistencia de medidas de control das especies invasoras, a existencia de vertedoiros incontrolados, da contaminación do río Eume ou o mal funcionamento e as escasas horas de apertura do centro de interpretación do parque. Así mesmo, criticaba duramente a acción de Roxelio Fernández, Jorge Vázquez ou Carlos Muñoz, responsables da xestión do parque nos últimos anos.

Mapa do Parque Natural das Fragas do Eume © SGHN
Fervenza nas fragas do Eume © Daniel Candal
Vertedoiro no interior do parque natural © SGHN
Árbores caducifolias taladas no interior do Parque Natural © SGHN
Un novo eucalipto nunha das zonas queimadas polo lume de 2012 nas Fragas do Eume © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.