Máis do 85% dos muíños se situarían en concellos de menos de 5.000 habitantes e un 59% en localidades de menos de 2.000 habitantes
A plataforma Monfero di Non, constituída hai meses para denunciar o proxecto de instalación de seis polígonos eólicos na contorna das Fragas do Eume, fixo público este luns un informe no que pon cifras aos efectos da instalación dos proxectos de parques eólicos actualmente en tramitación en Galicia. O documento enumera nun aluvión de datos as vivendas, espazos naturais ou bens de interese cultural que ficarían no interior dos polígonos eólicos proxectados ou a poucos centos de metros dun aeroxerador ou dunha liña de alta tensión.
O estudo lembra en que os novos proxectos eólicos, que elevarían a 8.237 o número total de aeroxeradores construídos en Galicia, se instalarían principalmente en zonas rurais, pois máis do 85% dos muíños se situarían en concellos de menos de 5.000 habitantes, uns 7.031 aeroxeradores, dos que 4.836 (o 58,7% do total galego) estarían en concellos de menos de 2.000 habitantes.
O documento incide nos efectos que estes novos polígonos terían para zonas habitadas ou con vivenda construída. Subliñan que 13.122 vivendas quedarían a menos de 500 metros dun aeroxerador (e 330.831 a menos de dous quilómetros) e que un total de 106.878 vivendas ficarían no interior dos poligonais industriais delimitados. Estes polígonos tamén abranguerían o 11,5 % da superficie de terras de cultivo de Galicia.
106.878 vivendas ficarían no interior dos poligonais industriais delimitados e máis de 330.000 se situarían a menos de dous quilómetros dun aeroxerador
Os parques eólicos situaríanse igualmente nas proximidades dun gran número de casas de turismo rural. En concreto 4 destes establecementos quedarían a menos de 500 metros dun aeroxerador e 35 ficarían no interior do espazo dos polígonos eólicos previstos.
O informe foi elaborado polo grupo de mapas de Monfero di Non co apoio e colaboración de plataformas veciñais como Afectad@s de Paderde, Aire Limpo nas Mariñas Mandeo, Asociación A-Legre ou Ortegal Di Non, entre outras.
Tamén se afonda na afectación que as novas instalacións eólicas terían para o patrimonio cultural, enumerando un total de 38 elementos BIC catalogados que quedarían dentro dos polígonos eólicos, entre eles o Mosteiro de Monfero, o Mosteiro de Caaveiro, o Castro de Borneiro, o Castelo de Moeche, o Castelo de Naraío, ou o Dolmen de Pedra Mouro.
38 elementos BIC catalogados quedarían dentro dos polígonos eólicos e 169 elementos BIC quedarían a menos de 2 quilómetros
Así mesmo, denuncian que 169 elementos BIC quedarían a menos de 2 quilómetros dos parques eólicos, entre eles, o Castelo de San Felipe, o barrio de Ferrol Vello, o dolmen de Dombante, o Convento de San Francisco en Hervón ou o casco vello de Corcubión.
Afondan, igualmente no efecto que poderían ter sobre os camiños a Compostela e as súas contornas, destacando que o 12,17 % da superficie do Camiño de Santiago quedaría dentro destes polígonos industriais e que o 21,73 % do Camiño ficaría a menos de 2 quilómetros dun aeroxerador, "co impacto visual e paisaxístico que esto acarrexaría".
De igual xeito, o documento denuncia os efectos negativos que podería ter para espazos naturais que contan con figuras de protección, sinalando por exemplo que o 8,7% da superficie da Rede Natura 2000 quedaría dentro de polígonos eólicos, con 2.522 aeroxeradores, mentres que o 29,6% estaría a unha distancia menor de 2 quilómetros.
O 8,7% da superficie da Rede Natura 2000 quedaría dentro de polígonos eólicos, con 2.522 aeroxeradores
Así mesmo, afirma que 1.316 hectáreas de parques naturais quedarían dentro de polígonos eólicos. O máis afectado sería o das Fragas do Eume con dous polígonos proxectados sobre a súa superficie: Taboada e Pena do Corvo. O parque natural do Xurés, a 300 metros dun polígono sería outro dos máis perxudicados. Tamén se verían afectadas as reservas da biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, a de Terras do Miño e a do Río Eo , Oscos e Terras do Burón. En total, 1.942 aeroxeradores quedarían dentro de Reservas da Biosfera.
Xaquín S. Pérez-Sindín: o que se sabe ata o momento sobre os impactos sociais das instalacións eólicas proxectadas "debería ser un motivo suficiente para que promotores e autoridades reconsideren os seus plans e estratexias de expansión"
O documento presentado este luns complétase cunha serie de reflexións e análises elaboradas por varios expertos e expertas na xestión do territorio, como Rebeca Blanco-Rotea, Investigadora Principal do Laboratório de Paisagens, Património e Territorio (Lab2PT) da Universidade do Minho; ou Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural; Xaquín S. Pérez-Sindín, doutor en Socioloxía e profesor asistente na Universidade de Varsovia; ou Francisco Sineiro García, ex-conselleiro de Agricultura e profesor de Economía Agraria da USC.
Xaquín S. Pérez-Sindín, a quen entrevistamos pola súa tese de doutoramento na que afondaba nos impactos provocados pola actividade mineira nas Pontes, conclúe que o que se sabe ata o momento sobre os impactos sociais das instalacións eólicas proxectadas "debería ser un motivo suficiente para que tanto promotores como autoridades reconsideren os seus plans e estratexias de expansión".
O parque natural máis afectado sería o das Fragas do Eume con dous polígonos proxectados sobre a súa superficie
Pérez-Sindín advirte dos "escasos beneficios dos parques eólicos en termos de ingresos municipais" e de que o estudo de experiencias pasadas leva a concluír que a súa instalación "non contribúe" a frear o declive demográfico. Así mesmo, lembra que estudos previos amosan que "o valor das casas situadas a menos de 2 quilómetros dun proxecto de enerxia renovable a gran escala pode chegar a depreciarse ata un 2% inmediatamente despois da construción".