As entidades salientan que a Unión Europea apoia a participación social e reclaman documentación sobre a iniciativa esgrimindo a lei de transparencia e un convenio internacional sobre información ambiental
Se non podes co teu inimigo, únete a el. Ou cando menos coñece de primeira man o que fai. Tirando dese refrán, unha ducia de plataformas cidadás e ecoloxistas críticas co modelo de desenvolvemento do sector eólico en Galicia veñen de solicitar oficialmente este martes a súa propia participación no supercluster de enerxía eólica mariña que están a impulsar varias administracións da costa cantábrica, entre elas a Xunta, e a industria.
As entidades lembran que a Unión Europea apoia a participación cidadá nese tipo de iniciativas de cooperación rexional. Xunto coa súa inclusión, reclaman ao Goberno galego que, en aplicación dos convenios internacionais de transparencia en materia ambiental, lles facilite toda a documentación relacionada co clúster.
Foi o pasado venres en Santander cando o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, participou na presentación dun novo clúster ou agrupación de intereses en favor da enerxía eólica mariña integrado á súa vez polos clústeres xa existentes en Galicia (Galician Offshore Energy Group), Asturias (Consorcio Tecnológico de la Energía de Asturias) e Cantabria (Cluster Sea of Innovation) “que representan máis de 200 empresas”, segundo o Goberno galego. O obxectivo do novo supercluster é o de “desenvolver unha estratexia compartida” no sector a partir do "consenso" e servir de interlocutor do Goberno de España.
Ante esa iniciativa veñen de reaccionar unha ducia de entidades e plataformas cívicas ou ambientais de Galicia, varias delas cunha longa e recoñecida traxectoria de denuncia de ilegalidades ambientais e de revelación de documentación ambiental inicialmente ocultada por diversas administracións: Asociación ambiental Petón do Lobo, Plataforma As Salgueiras, Asociación Cova Crea, Plataforma Quijote de Outes, Plataforma Move Neda, Plataforma Veciñal Monfero Di Non, Stop Eólicos Xurés Celanova, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques O Ouriol do Anllóns, Plataforma Eiquí Eólicos Non, Instituto Amergin, Asociación contra os parques eólicos Outes Mazaricos e Plataforma Veciñal O Cerqueiral.
O pasado martes presentaron ante a vicepresidencia económica da Xunta unha solicitude formal de adhesión ao supercluster eólico lembrando que os boletíns oficiais das respectivas comunidades autónomas aínda non publicaron a súa constitución formal. As plataformas lembran a importancia que a UE dá á implicación social nas iniciativas de cooperación entre rexións e salientan a limitada participación cidadá no deseño das estratexias mariñas e enerxéticas.
Tamén reclaman “acceso ao acordo de cooperación asinado” polo vicepresidente da Xunta para crear o supercluster “e acceso a calquera outra información relacionada coa creación desta plataforma”, para o que se amparan na lei de transparencia e no Convenio de Aarhus que facilita a nivel internacional o acceso a información en materia ambiental. Igualmente, solicitan como medida cautelar “a suspensión de calquera negociación co Ministerio de Transición Ecolóxica” e de “calquera acción encamiñada ao impulso da enerxía eólica mariña no mar Cantábrico e a zona noratlántica en tanto non se garanta a participación da cidadanía afectada en Galicia”.
Xunto co impulso do 'supercluster' por parte da Xunta, o Goberno de España elabora plans de ordenación mariña que priorizan zonas eólicas sen ter en conta a pesca e Iberdrola tramita xa dous parques fronte a Ortegal
A iniciativa pon o foco nos diversos movementos que están a producirse no sector como a elaboración por parte do Goberno de España de plans de ordenación do espazo marítimo que priorizan as zonas de aproveitamento eólico sen ter en conta outras actividades como a pesca ou o inicio da tramitación de parques eólicos como os que Iberdrola impulsa fronte a Ortegal antes mesmo de que os plans de ordenación estean aprobados. Pola súa banda, a unión da ducia de plataformas implicadas para reclamar a participación social no clúster súmase as diversas iniciativas que entidades similares de todo o país están a impulsar para agrupar e poñer en común as súas loitas.