A Comisión de Peticións do Parlamento europeo debateu este xoves o posible impacto ambiental provocado pola instalación dun parque eólico no Monte das Salgueiras, decidindo que a cuestión quede aberta na Eurocámara
A Comisión de Peticións do Parlamento europeo debateu este xoves o posible impacto ambiental provocado pola instalación dun parque eólico no Monte das Salgueiras, que afecta aos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica, decidindo que a cuestión quede aberta na Eurocámara. A petición foi presentada pola Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, a través de Roberto Martínez, que denunciou que as infraestruturas do parque eólico "inciden sobre un espazo de interese paisaxístico (Cantís do Canteiro) e linda cos límites do LIC da Costa da Morte e a ría do río Anllóns, tamén clasificado como LIC con gran importancia desde o punto de vista ornitolóxico e turístico".
A entidade alerta ademais de que a avaliación de impacto ambiental do proxecto "non tivo en conta a proximidade do proxecto eólico á Rede Natura 2000 e que incumpre o Convenio europeo da Paisaxe". Así mesmo, advirte a súa proximidade (ao redor de dous quilómetros) co parque eólico Corme G-3, en funcionamento na actualidade.
“Non pode ser que o desleixo do goberno galego na ampliación da Rede Natura serva de escusa para instalar parques eólicos sen control e que non cumpren as directrices comunitarias", di Ana Miranda
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, amosou a súa satisfacción por que a petición quede aberta na Eurocámara, unha decisión á que se opuxo o Partido Popular pero que apoiou o PSOE a través do eurodeputado galego Nicolás González Casares. Miranda lembra que Galicia é un dos territorios da UE con menos superficie protexida a través da figura da Rede Natura, apenas un 11,74% de superficie protexida. Critica tamén que o Goberno galego "non ten dado ningún paso para ampliar a Rede Natura, en contra das recomendacións da Comisión Europea".
“Non pode ser que o desleixo do goberno galego na ampliación da Rede Natura serva de escusa para instalar parques eólicos sen control e que non cumpren as directrices comunitarias”, engadiu a voceira do BNG en Europa. “Agardamos que a decisión de manter aberta a petición serva para aumentar a protección da nosa terra e frear o espolio das eólicas”, concluíu Miranda.
A Comisión de Peticións debateu tamén a instalación do parque eólico Os Cotos, situado no Concello de Cerdedo-Cotobade
A Comisión de Peticións debateu tamén a instalación doutro parque eólico en Galicia, neste caso o proxecto Os Cotos, situado no Concello de Cerdedo-Cotobade. A Comunidade de Usuarios de Cruz do Acivro alerta do perigo que podería ocasionar o proxecto de construción do parque para a subministración de auga ao cento de persoas que viven na parroquia de Rebordelo, situada a 15 quilómetros do proxecto. A entidade denunciante alerta de que este proxecto "afectaría a masas de bosque atlántico que están preservadas, así como ao valor paisaxístico do val e, consecuentemente, ao valor de toda propiedade, leira ou terreo na zona".