Salvemos O Iribio espera que a sentenza que anula o parque eólico sente "precedente xurídico" na defensa de espazos naturais

Protesta contra a construción do Parque Eólico na Serra do Iribio © Salvemos O Iribio

Este martes coñeceuse a sentenza do TSXG que anula a autorización concedida pola Xunta para a construción dun parque eólico na Serra do Oribio, nos concellos de Triacastela e Samos, "nun terreo que ten a cualificación de espazo natural protexido" como parte da Zona de Especial Conservación Ancares-Courel, Zona de Especial Protección de Valores Naturais e zona de Rede Natura 2000. 

A plataforma celebrou a sentenza, que cualifica de "demoledora"

A plataforma Salvemos o Iribio, formada por ADEGA, Fundación Oso Pardo, Petón do Lobo, Sociedade Galega de Ornitoloxía ou Verdegaia, entre outras entidades, mobilizouse nos últimos dous anos para evitar a posta en marcha desta instalación, denunciando que a Xunta eximira a Fergo Galicia Vento de ter que someter a modificación do proxecto eólico a unha nova avaliación de impacto ambiental, "a sabendas de que este trámite non sería superado en aplicación da normativa vixente".

Imaxe das obras na Serra do Iribio © ADEGA

A plataforma reclamará "a reparación dos danos xa exercidos sobre o espazo natural protexido" e a "depuración de responsabilidades" no Goberno galego

Este mércores a plataforma celebrou a sentenza, que cualifica de "demoledora", pois "fai seus a maioría dos fundamentos legais das entidades recorrentes", ao declara caducos tanto o proxecto eólico do Iribio aprobado en 2007 como a Declaración de Impacto Ambiental de 2005. 

A plataforma destaca que a sentenza anula o intento da Administración de reverter os avances na protección ambiental querendo aplicar sucesivas excepcións e prórrogas a un proxecto que vai claramente en contra da normativa vixente desde hai anos. Salvemos o Iribio anuncia que reclamará "a reparación dos danos xa exercidos sobre o espazo natural protexido" e a "depuración de responsabilidades" no Goberno de Alberto Núñez Feijóo. 

A plataforma sinala que o ditame podería condicionar a aprobación de novas instalacións proxectadas en espazos da Rede Natura

Pero, ademais, apunta aos efectos futuros que o ditame pode ter para outros proxectos semellantes, sinalando que "a sentenza, de ser firme, sentaría un importante precedente xurídico na defensa dos espazos naturais de Rede Natura afectados directa ou indirectamente por proxectos eólicos" e que podería "condicionar" a aprobación de novas instalacións proxectadas en Galicia.

Roteiro pola Serra do Iribio © ADEGA

Salienta o "golpe" que supón para "un modelo de implantación eólica que atenta contra o interese colectivo e depreda os recursos naturais"

A plataforma salienta o "golpe" que a sentenza supón para "un modelo de implantación eólica que atenta contra o interese colectivo e depreda os recursos naturais". Subliña que o ditame destaca a existencia dun “baleiro legal en materia ambiental” na lexislación sectorial que “tende a recibir unha interpretación tremendamente produtivista por parte da administración competente en enerxía”.

O ditame insta a planificar a enerxía eólica evitando toda posible interferencia na ampliación da Rede Natura, salvando o impacto visual dos parques eólicos nas proximidades do LIC

Así mesmo, o texto acusa á administración pública de fomentar un discurso “pseudoecoloxista” e contraditorio sobre a súa planificación en materia de enerxías renovables, que “non acaba de incorporar, como eixo central a variable ambiental, prexudicando a percepción social sobre o uso das enerxías renovables”. 

Por último, o ditame insta a planificar a enerxía eólica evitando toda posible interferencia na ampliación da Rede Natura, salvando o impacto visual dos parques eólicos nas proximidades do LIC (Lugar de interese comunitario), sen que estes podan situarse nos espazos propostos para a ampliación da Rede Natura ou rodear os lindes dos espazos protexidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.