O ecoloxismo, "pesimista" ante o plan reitor das Fragas do Eume que prepara a Xunta, que "só garante a conservación" dun terzo do bosque

Cartel das Fragas do Eume CC-BY-SA dorfun

O Parque Natural das Fragas do Eume celebra neste 2022 o seu 25 aniversario e aínda carece dun Plan Reitor de Uso e Xestión, obrigado por lei dende hai máis de dúas décadas  

O Parque Natural das Fragas do Eume celebra neste 2022 o seu 25 aniversario. Foi creado no ano 1997, pero segue sen contar co obrigatorio Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), que debería ter sido aprobado hai máis de vinte anos. Dende o ecoloxismo leva denunciándose dende hai décadas a continuada degradación que a pesar da súa declaración formalo como parque natural, sofre este espazo, proclamado moitas veces como "a mellor mostra de bosque atlántico de Europa". Porén, a realidade é que carente de instrumentos de xestión axeitados, de investimento e das necesarias accións de conservación, o parque vese invadido polo eucalipto en boa parte da súa superficie, sufrindo ademais os efectos de terribles incendios como sucedeu no ano 2012. Así mesmo, tampouco os propietarios de terras no interior do parque están satisfeitos coa situación actual e tamén eles reclaman a aprobación do PRUX.

O pasado ano o aínda presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo anunciou que ao longo deste ano 2022 o plan reitor do parque das Fragas do Eume podería ser aprobado. Porén, nos últimos meses os grupos ecoloxistas advertían de que aínda non foran contactados polo Goberno galego e que nin sequera coñecían o borrador do PRUX que a Xunta estaba a preparar. Ata o pasado venres.

Parque Natural das Fragas do Eume © Turgalicia

A pasada semana a Xunta reuniuse por vez primeira con organizacións ecoloxistas para tratar o futuro PRUX. Convocounas con só tres días de antelación e sen remitirlles sequera o borrador do plan para o seu estudo

Este venres representantes de dúas entidades ambientalistas foron citadas cunha grande urxencia (convocadas con tres días de antelación e en xornada laboral) pola directora xeral de Patrimonio Natural para tratar do futuro PRUX nunha xuntanza que tivo lugar nas instalacións do centro de recepción de visitantes do parque. 

Nun comunicado conxunto asinado polo Grupo Naturalista Hábitat, a Sociedade Galega de Historia Natural, ADEGA, a Asociación Betula, o Grupo Lobo, a Asociación Rebinxe e a Federación Ecoloxista Galega, critícanse en primeiro lugar "as formas" empregadas polo Goberno galego, por ter convocado esta xuntanza sen sequera enviar previamente o borrador do PRUX para o seu estudo, organizando reunións separadas con cada entidade (deixando fóra outras organizacións) e cunha "urxencia" non xustificada, tendo en conta que a Xunta "leva 25 anos de demora na súa redacción".

"A zonación prevista no PRUX soamente garante a conservación do bosque en aproximadamente a terceira parte da superficie do parque, incluso deixando fóra grandes tramos de bosques de ribeira", denuncian as sete entidades ecoloxistas

A segunda crítica diríxese ao propio contido do PRUX, coñecido na xuntanza, que as entidades conservacionistas cualifican como "pouco ambicioso", sinalando que "a zonación prevista no PRUX soamente garante a conservación do bosque en aproximadamente a terceira parte da superficie do parque, incluso deixando fóra grandes tramos de bosques de ribeira". "Xa que logo, na meirande parte da súa superficie o bosque non ten garantido o seu futuro", engaden. Hai unhas semanas Santi Vázquez (Grupo Naturalista Hábitat) reclamaba esta entrevista "un plan de uso e xestión ambicioso" para conservar o parque

As sete organizacións maniféstanse "pesimistas" ante o documento, apuntando a súa "sospeita" de que "atenderá máis ás presións de intereses privados espurios, centrados en espremer o territorio até a súa degradación, no canto de ―como no conto da galiña dos ovos de ouro― coidalo e restauralo".

Mapa do parque natural das Fragas do Eume © Xunta

Nas últimas décadas as Fragas do Eume sufriron "un proceso de degradación continuado". "A ausencia de medidas efectivas para deter este proceso e lograr revertelo fainos valoralo como o parque natural da Europa atlántica peor conservado", denuncian

As entidades ecoloxistas alertan de que nas últimas décadas as Fragas do Eume sufriron "un proceso de degradación continuado" e denuncian que "a ausencia de medidas efectivas para deter este proceso e lograr revertelo fainos valoralo como o parque natural da Europa atlántica peor conservado". Sinalan, ademais, que "esta ausencia de compromisos significativos na súa conservación" contrasta "coa utilización publicitaria da súa imaxe nas campañas de promoción do turismo da Xunta, onde ofrecen unha visión idealizada do parque". Porén, a realidade é que a contorna se atopa moi "degradada" pola "intensa eucaliptización" do val do Eume, unhas plantacións de eucaliptos ilegais en moitos casos pero contras as que o Goberno galego non actúa, denuncian.

Ademais, lembran que nos últimos anos no río Eume "non se ten respectado o caudal ecolóxico nin a calidade da auga", por mor das actuacións de Endesa no encoro situado na entrada do Parque, o que fai que "as súas comunidades acuáticas sexan máis pobres que en ríos próximos que non están protexidos coa figura de parque natural". De igual xeito, denuncian, a contorna inmediata do parque "está ameazada pola instalación de aeroxeradores de 200 metros de alto nas propias lindes". E critican que "aparentemente o PRUX non vai abordar estes problemas".

A ampla presenza de plantacións de eucalipto no parque ou a falta de respecto de ENDESA ao caudal ecolóxico do río Eume, entre as principais ameazas

O ecoloxismo destaca que, con todo, as Fragas do Eume "aínda albergan pequenas mostras do bosque atlántico termófilo, un tipo de formación arbórea moi escasa" e explican que "isto cobra especial importancia en Galicia, onde son practicamente inexistentes os bosques maduros, a causa da intensa explotación á que se viron sometidas as nosas fragas, incluso en vales tan abruptos como o do Eume". "Estes bosques son cruciais para conservar a biodiversidade, pero tamén como bosques protectores dos recursos hídricos e de modulación das temperaturas nun contexto de crise climática, que cada vez amosa con máis rigor as súas consecuencias", engaden. De aí a importancia de conservalo.

Centro de interpretación das Fragas do Eume na entrada por Pontedeume, rodeado de plantacións de eucaliptos CC-BY-SA

As Fragas "aínda albergan pequenas mostras do bosque atlántico termófilo, un tipo de formación arbórea moi escasa"

As sete organizacións ecoloxistas critican así mesmo a desaparición da figura de director de parque natural, substituído por un único director para o conxunto dos parques galegos. As entidades reclaman un maior investimento na conservación e recuperación dos hábitats e das especies ameazadas que albergan e conclúen que "non basta con ter instrumentos de planificación", senón que "é preciso persoal cualificado que fiscalice as normas vixentes in situ, pois do contrario son papel mollado".

"Non basta con ter instrumentos de planificación" -din-, senón que "é preciso persoal cualificado que fiscalice as normas vixentes in situ, pois do contrario son papel mollado"

As entidades conservacionistas que participaron nestas reunións consideran finalmente que "a súa finalidade foi simplemente protocolaria, sen ningún interese por parte da Administración en recoller o coñecemento e as recomendacións dos que no seu día reclamamos a súa protección como parque natural e dos que levamos anos observando e estudando a súa biodiversidade". 

Así mesmo, critican que o Goberno galego "está a dificultar as actuacións privadas de restauración de hábitats que desenvolven estas entidades conservacionistas". Nos últimos anos foi moi importante o labor de entidades como Betula, que traballaron na retirada do parque de especies invasoras coma o eucalipto.

Panorámica das Fragas do Eume © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.