O Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, chega ao seu décimo episodio. Este espazo naceu no noso décimo aniversario e dez anos son os que se fan tamén do incendio nas fragas do Eume, o primeiro que Praza tivo que contar. Nestes días quixemos volver ás fragas, escoitar as voces da veciñanza e das organizacións que pulan pola protección daquel parque natural. Estamos a facelo xa no xornal e escoitámolas tamén neste episodio.
Antes, escoitamos outra voz, a do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. Esta semana publicamos en Praza.gal a primeira entrevista con el dende que lidera os socialistas galegos. Preguntámoslle pola marcha de Feijóo, polas súas intencións de ser ou non candidato á presidencia da Xunta e por algunhas cousas máis. Todo, coma sempre, tentando fuxir un chisco do enorme ruído ambiental para buscar acougo e sobre todo, contexto.
Na entrevista, que podedes ler enteira aquí, Formoso di que o seu equipo está convencido de que ten a clave para superar un dos grandes retos históricos do partido, trasladar ao ámbito galego o apoio que consegue no eido municipal, onde a maior parte da poboación ten alcalde ou alcaldesa do PSdeG. Durante a entrevista, o líder socialista responde tamén sobre as súas intencións para ser candidato á presidencia ou a respecto de eventuais pactos de Goberno en Galicia co BNG, formación coa que dirixe en coalición a Deputación da Coruña.
Dez anos do incendio das fragas
Escoitamos as voces da veciñanza e os movementos ecoloxistas; dez anos despois do incendio seguen sinalando a ausencia do plan reitor do parque que debería estar aprobado dende 2001
Na segunda parte do episodio volvemos ás fragas do Eume, onde hai agora dez anos arderan unhas 750 hectáreas no corazón do parque natural. Con Marcos Pérez Pena lembramos como unha da cuestións que estivera moi presente no debate público despois daquel incendio era que o parque natural, constituído en 1997 aínda carecía do obrigado Plan Reitor de Uso e Xestión, que debería estar aprobado dende o 2001, pero que aínda non existe.
Diso falamos con Ángeles Pita, a presidenta da Asociación Parque Natural del Eume, Naturaleza y Desarrollo, a quen escoitamos sinalar a necesidade dese plan e tamén advertir da carencia de servizos nel, mesmo para quen o visita. Outra das voces que escoitamos neste episodio é a de Ernesto Lopes, da asociación ecoloxista Adega, quen resalta que, dende o punto de vista ambiental, o balance dez anos despois non é precisamente positivo, por ameazas para as fragas como a extensión do eucalipto.
Lopes tamén nos sobre a importancia do plan reitor do parque natural, pero en Adega desconfían do interese real da Xunta por protexer este espazo. Tamén entra no debate outra cuestión, resalta, que é a propia extensión do parque e a tensión entre protección da natureza e intereses dos propietarios.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.