"O estado das Fragas do Eume é de completo abandono. É necesario un plan de uso e xestión ambicioso"

Parque Natural das Fragas do Eume © Turgalicia

As Fragas do Eume son un dos bosques atlánticos costeiros mellor conservados do continente europeo, un espazo valiosísimo, único na Península Ibérica, pero que sofre unha gran degradación dende hai décadas. Hai dez anos exactamente o lume afectou durante días ao corazón das fragas, queimando ao redor de 750 hectáreas. O incendio fixo emerxer un berro colectivo que demandaba unha maior protección para un espazo que xa nese momento arrastraba dez anos sen o obrigado Plan Reitor de Uso e Xestión. Pasou outra década e o PRUX segue pendente e as Fragas, aínda que se recuperaron -cando menos visualmente- dos efectos do incendio, continúan a degradarse.

"A nivel de vexetación probablemente non se nota que nesas zonas de fraga houbo un incendio hai dez anos, pero ao final o lume onde máis afecta é na erosión e na morte da vida dos solos e iso si que tarda varias décadas en recuperarse"

A Xunta anunciou que neste ano 2022 podería aprobarse este plan, pero as organizacións ecoloxistas ou as asociacións de propietarios aínda non foron contactadas nin puideron ver borrador ningún da proposta do Goberno galego. Ao igual que nos anos 2015 e 2018 pode abrirse o debate sobre o futuro que se quere para as Fragas do Eume, que espazos hai que protexer e que usos se poden permitir nunha contorna única e que sofre un completo abandono.

O Grupo Naturalista Hábitat é unha das entidades que traballa máis directamente no parque. Falamos cun dos seus representantes, Santi Vázquez, sobre os efectos que tiveron os incendios de 2012, sobre os problemas de todo tipo que sofre o parque e sobre os obxectivos que debe ter o PRUX.

Como é a situación das Fragas do Eume unha década despois dos incendios? En que medida se recuperou o espazo? Hai máis presenza do eucalipto 

"Ao carecer do PRUX, segue a haber plantacións ilegais e o eucalipto campa ás súas anchas, o mesmo que a acacia negra. Hai tallas ilegais de bosque autóctono, temos problemas de caudal e turbidez no río e despois temos a ameaza eólica ao redor"

A sorte que temos en Galicia é que os espazos se recuperan bastante rápido despois dun incendio. Sei que nas zonas de fraga a cousa se vai recuperando bastante ben. A sorte foi que o incendio foi antes da primavera, as árbores aínda non brotaran e polo tanto non había demasiada vexetación.

Aínda que hai que ter en conta que os danos ao ecosistema son grandes cando se produce un incendio destas dimensións. A nivel de vexetación probablemente non se nota que nesas zonas de fraga houbo un incendio hai dez anos, pero ao final o lume onde máis afecta é na erosión e na morte da vida dos solos e iso si que tarda varias décadas en recuperarse. Ademais, cando hai un incendio a semente do eucalipto esténdese e polo tanto o normal é que nestas zonas haxa máis eucalipto que antes.

Parque Natural das Fragas do Eume © Turgalicia

Que problemas arrastran as Fragas, independentemente dos efectos do lume?

"A nivel político á Xunta interésalle que se aprobe agora o PRUX, vano tentar cando menos. No que si teño dúbidas é de que sexa todo o ambicioso que debería ser"

O estado do parque en xeral é de completo abandono. Ao carecer do PRUX, segue a haber plantacións ilegais e o eucalipto campa ás súas anchas, o mesmo que a acacia negra. Hai unha completa desregulación: pasan quads e motos de motocross polo interior do parque, hai tallas ilegais de bosque autóctono, temos problemas de caudal e turbidez no río, por mor do encoro de ENDESA... E despois temos a ameaza eólica ao redor: hai algún parque proxectado que se cae un muíño practicamente cae dentro do parque.

A Xunta aínda non se puxo en contacto coas entidades ecoloxistas. Cres que é posible que o PRUX se aprobe na actual lexislatura?

"Ecoloxistas, propietarios, veciños... penso que todos estamos interesados na aprobación do PRUX e en que o parque mellore a súa xestión, porque o que agora presenta é un completo abandono"

É certo que aínda non sabemos nada do proxecto, pero si estamos vendo que os PRUX do resto de parques naturais van sendo aprobados e iso é bo sinal. Eu creo que a nivel político á Xunta interésalle que se aprobe agora o PRUX, vano tentar cando menos. Ecoloxistas, propietarios, veciños... penso que todos estamos interesados na aprobación do PRUX e en que o parque mellore a súa xestión, porque o que agora presenta é un completo abandono. Temos que chegar a un acordo entre todos polo ben do parque e da natureza galega

Iso si, estamos xa en abril e aínda non tivemos ningunha reunión nin sabemos nada da proposta que farán, así que xa imos un pouco tarde. No que si teño dúbidas é de que o PRUX sexa todo o ambicioso que debería ser.

Imaxe aérea do río Eume ao seu paso polas fragas © Turgalicia

Como debe ser, pois, este PRUX?

"As Fragas do Eume teñen 9.100 hectáreas, pero 2.700 xa son das administracións, e só quedarían unhas 6.000 hectáreas en mans privadas. Creo que a maior parte dos propietarios estarían moi contentos cunha expropiación e sería un investimento asumible e moi interesante"

Neste PRUX o que temos que reclamar da administración é que sexa ambiciosa, primeiro no sentido da superficie a protexer. Teñen que poñerse de acordo cos propietarios. Creo que unha boa saída sería unha expropiación, sobre todo naqueles terreos con máis pendente, de maior valor ecolóxico e menor valor forestal. As Fragas do Eume teñen 9.100 hectáreas, pero 2.700 xa son das administracións, e só quedarían unhas 6.000 hectáreas en mans privadas. Creo que a maior parte dos propietarios estarían moi contentos cunha expropiación.

Non sei cal sería o prezo de compensación, sobre todo tendo en conta que moito dese terreo non é aproveitable forestalmente. Hai, ademais, bastantes pequenos propietarios sen escritura ou que nin sequera saben onde teñen a súa parcela; e hai ademais algúns pequenos propietarios (eu mesmo teño unha hectárea e media dentro do parque, que merquei hai uns anos) que mesmo regalarían estas parcelas. Hai moito propietario concienciado coas Fragas e que saben que son algo único.

"O máis importante, en primeiro lugar, é que haxa moito diálogo entre todas as partes: propietarios, Xunta, concellos, entidades ambientais..."

Sería un investimento asumible e moi interesante, para o que se poderían ter empregado fondos Next Generation. O que pasa é que creo que as administracións collen con medo estas expropiacións, porque a partir de aí todo pasa a ser responsabilidade súa. O máis importante, en primeiro lugar, é que haxa moito diálogo entre todas as partes: propietarios, Xunta, concellos, entidades ambientais...

As fragas son unha xoia que creo que non valoramos suficientemente. Temos lobo, gato montés, marta, cervo, corvo, teixugo... a nivel botánico é tremendo, cos seus fieitos do terciario, a nivel de paisaxe é unha pasada. As Fragas do Eume seguramente deberían ser algo máis que parque natural, cando menos Reserva da Biosfera. Pero en todo caso, o parque natural debe ter un recoñecemento sobre o papel e debe ter aplicación práctica, debe ser amplo e debe facerse fincapé sobre todo na protección do medio. Debe haber investimento e deben facerse proxectos potentes de custodia do territorio. Hai que ser ambiciosos

Chama a atención que nun parque natural que destaca por ser un dos derradeiros bosques atlánticos costeiros, haxa tantas masas de eucalipto...

"É moi triste. Xa a entrada do parque en Caaveiro é moi deprimente, con eucalipto por todas partes. É unha carta de presentación nefasta para ese 'turismo sostible' e esa 'posta en valor da paisaxe galega' da que tanto se fala dende a administración"

É moi triste. Xa a entrada do parque en Caaveiro é moi deprimente, con eucalipto por todas partes. É unha carta de presentación nefasta para ese 'turismo sostible' e esa 'posta en valor da paisaxe galega' da que tanto se fala dende a administración. Levamos moitísimos anos facéndolle unha publicidade moi mala ás Fragas do Eume, e aínda así vai moitísima xente a visitalas. Xa é hora de que se lle compense un pouco á natureza o dano que se lle fixo.

En Galicia temos 700.000 hectáreas de eucalipto e aquí estamos falando de salvar 9.000 hectáreas de bosque autóctono do pouco que aínda queda. Na Coruña, en Pontevedra e no norte de Lugo xa non quedan fragas, só queda esta, que está como está. É necesaria unha protección moi alta dende o Xistral, que é onde nace o Eume ata a desembocadura do río.

Mapa do parque natural das Fragas do Eume © Xunta

"É necesaria unha protección moi alta dende o Xistral, que é onde nace o Eume ata a desembocadura do río. As contornas naturais non se poden entender de forma illada, hai que xestionalas de forma integral, no seu contexto, e favorecendo a conectividade do territorio"

As fragas están rodeadas por un monocultivo de eucalipto. As contornas naturais non se poden entender de forma illada, hai que xestionalas de forma integral, no seu contexto, e favorecendo a conectividade do territorio. En 20 anos a administración non fixo nada por retirar o eucalipto. Os únicos que fixeron algo foi a xente da asociación Betula de custodia do territorio. 

Hai que pensar, ademais, en que facemos co encoro de Endesa, que remata a súa concesión no ano 2052, que é cando vencen os cen anos. É unha anomalía ter un encoro dentro dun Parque Natural. Queda moito, pero hai que ir pensando en que facer con iso, porque é unha presa que corta a fisionomía do canón e que impide a subida do salmón.

Por non facer, nin sequera se tentou explotar economicamente o parque...

"Hai que pensar que facemos co encoro, que remata a súa concesión no ano 2052. É unha anomalía ter unha presa dentro dun Parque Natural"

Si, é tremendo o que podería xerar ese parque a nivel económico a través dese turismo sostible, turismo de natureza ou turismo de experiencias que tanto se vende ultimamente. Podía ser moi importante para a economía local de todos os concellos da contorna e en cambio non se está aproveitando nada. O único que se fai é poñer un bus gratuíto para que os visitantes cheguen ata Caaveiro dende o Centro de Interpretación.

Perdeuse un tempo precioso nestes últimos 20 anos nos que se poderían ter posto en marcha accións para protexer as fragas?

"É todo un pouco deprimente, pero ao tempo é ilusionante pensar que deste proceso pode saír algo bo. Cómpre un plan de uso e xestión ambicioso"

O parque, que xa naceu viciado, sufriu dende entón un abandono que xa dura máis de dúas décadas. O PRUX, por exemplo, tiña que estar aprobado hai 24 anos, un tempo no que o parque careceu de investimento, de proxectos de investigación, de posta en valor e de control de todo tipo. Estamos falando dun espazo único, da nosa derradeira fraga. É todo un pouco deprimente, pero ao tempo é ilusionante pensar que deste proceso pode saír algo bo. Cómpre un plan de uso e xestión ambicioso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.