"O abandono do rural e a perda da silvicultura tradicional son clave para entender o que está pasando no monte"

Fervenza nas fragas do Eume © Daniel Candal

O xeógrafo Diego Cidrás é investigador na Universidade de Santiago. A súa liña de traballo céntrase na conflitividade social derivada da xestión do eucalipto e o mes pasado presentou un estudo sobre a expansión destas especie no Parque Natural das Fragas do Eume entre 1998 (un ano despois da creación do parque) e 2011 (un ano antes do gran incendio que arrasou unha parte importante do mesmo). A investigación detallaba como neste período, mesmo a pesar da posta en marcha do parque, o eucalipto incrementara a súa presenza en 215 hectáreas, mentres que o bosque atlántico reducira a súa extensión en 646. A expansión do eucalipto chegara mesmo ao núcleo das Fragas. 

Nesta investigación explicas como o eucalipto incrementou a súa presenza nas Fragas en 1998 e 2011. Como foi este proceso?

O que fixemos neste estudo foi visualizar esa percepción que moita xente tiña nos últimos 10, 20 ou 30 anos e que se viña denunciando: que mesmo nun espazo tan simbólico como é o das Fragas do Eume, espazo protexido, estaban avanzando as masas de eucalipto. O que fixemos foi, a partir dunha cartografía oficial do Estado, extraer as capas de eucalipto e de bosque atlántico, e vimos que en todas as zonas definidas, mesmo na de reserva natural na que en principio non se pode desenvolver ningún tipo de actividade, estaban a aumentar as masas de eucalipto e diminuían as masas de bosque atlántico. A conclusión á que podemos chegar é que as políticas de conservación quedan relegadas por outros valores.

No estudo detállase que mesmo se estendeu no núcleo do parque, na zona que en teoría debería estar máis protexida...

O propio documento inicial de planificación (PORN) xa era bastante flexible e prevía que mesmo dentro do parque natural había unha zona (a zona 3) na que se poderían desenvolver novas plantacións de eucalipto. Pero ademais non existiu xestión e a consecuencia é que a presenza do eucalipto aumentou en todas as zonas, mesmo no núcleo do parque, pois o eucalipto foi baixando cara alí pouco a pouco. Hai un enfoque excesivamente turístico das Fragas: protéxese un pouco a contorna dos sendeiros principais, pero abandónase a xestión do conxunto do parque.

Os datos son previos ao grande incendio do ano 2012. Ides continuar investigando ese período posterior ao 2011?

Si, neste ano pretendemos continuar coa investigación afondando máis. Imos ir falar, por exemplo, con propietarios, pois segue habendo un debate moi profundo a respecto do desenvolvemento do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) e críticas pola falta de participación pública. Queremos ver como acaba de definirse este plan e como comeza a desenvolverse unha xestión que ata agora estivo ausente.

A túa liña de traballo céntrase na conflitividade social xerada pola eucaliptización. Como podemos situar a posición da sociedade galega ante o eucalipto?

Neste primeiro ano de investigación comprobamos a existencia desa gran polarización que se dá neste conflito. É un conflito tan antigo xa, que vén de varias décadas atrás, e semella que a polarización é inevitable. Por iso creo que debemos traballar na liña contraria: xerar relacións entre os dous sectores. Eu percibo unha gran carencia de empatía entre partidarios e detractores do eucalipto.

Neste debate entendo que xogan un papel central determinados factores, como o feito de que o monte galego conte con tanto centos de miles de propietarios o o proceso de despoboamento que o rural leva décadas sufrindo. Como inflúe isto?

Eu creo que eses factores son fundamentais para entender o que está pasando no monte: o abandono do rural e a perda da silvicultura tradicional. Pero máis alá de lamentar os factores que xeran o problema, o importante é atopar as solucións. Neste ano de investigación atopei moitas boas prácticas, das que se pode aprender moito. Por exemplo o que se está a facer en Ames, onde levan anos desenvolvendo un plan de prevención de lumes, a partir da vaga de incendios de 2006. Hai moita información para os propietarios, moito contacto previo, mesas de debate..., e ofrécense alternativas moi interesantes. Deste xeito moitos propietarios acaban aceptando mudar o eucalipto por outros usos ou especies.

En Galicia falta planificación e control, sobre todo no referido á ordenación do territorio e ao uso do espazo?

Os xeógrafos adoitamos incidir nun tema, que ao final é a chave: en Galicia cando se planifica case sempre é en materia sectorial. Hai moitos temas que xeran unha gran crispación entre a veciñanza, temos o país cheo de plataformas de afectadas por distintos conflitos ambientais. Nós sempre defendemos que con participación e con planificación a escala supralocal poderíase reducir moitísimo esta conflitividade.

A Xunta prevé que a superficie do eucalipto se incremente en 25.000 hectáreas nos vindeiros 20 anos. Que efecto tería este aumento?

Non vou dicir que esa non é unha cuestión importante, pero non creo que sexa o fundamental do problema. Creo que mesmo aumentando esas 30.000 hectáreas, se a cambio se mellora a xestión, se reverten algúns procesos e se ordenan mellor as plantacións de eucalipto, a situación sería máis positiva. Creo que hai outros temas: abandono do rural, abandono da silvicultura..., que son máis importantes e nas que se debe incidir. Eu son partidario de tentar reducir as masas de eucalipto no país, pero creo que tamén é fundamental achegar posturas entre os dous bandos

Como valoras iniciativas coma a das Brigadas Deseucaliptizadoras, sobre todo no aspecto de educación ambiental e concienciación da poboación?

As Brigadas, ademais do traballo que fan de retirada de eucalipto, comunican unha serie de valores ecolóxicos moi positivo e colaboran da educación ambiental. A través das Brigadas comprendín unha cousa da que ata entón non era consciente: que o debate sobre o eucalipto ten unhas dinámicas cada vez máis urbanas. A xente que participa neste tipo de iniciativas ten un perfil urbano, é xente desligada do monte e moi concienciada co conflito do eucalipto. E a realidade é que en termos demográficos e electorais, o conflito do eucalipto xógase nas cidades.

 

Diego Cidrás Dominio Público Praza Pública
Distribución en zonas do Parque Natural das Fragas do Eume Dominio Público Praza Pública
Distribución do eucalipto e do bosque atlántico en 1998 e en 2011 Dominio Público Praza Pública
A presenza do eucalipto creceu en 215 hectáreas e a do bosque atlántico diminuíu en 646 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.