O plan reitor da Xunta para as Fragas do Eume reduce a máxima protección ao 3,5% da súa superficie

Fragas do Eume © Turgalicia

O Plan Reitor de Uso e Xestión, cuxa proposta presentou esta semana a Xunta, acumula 20 anos de atrasos

A Xunta presentou este martes a súa proposta de Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) para o parque natural das Fragas do Eume. A protección deste espazo foi declarada no ano 1997 pero 25 anos despois as Fragas aínda carecen do seu PRUX, un documento que legalmente debería estar aprobado dende o 2001. O Plan Reitor será sometido agora a exposición pública e abrirase un período de alegacións, tras o cal se poderá levar ao Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible e ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

A principal novidade da proposta da Xunta é a división do Parque Natural en catro zonas, en función da súa protección e dos usos (agrogandeiros, forestais ou recreativos) permitidos en cada unha delas: unha reducida zona de reserva (a figura de maior protección), unha zona de uso limitado, unha zona de uso compatible (a de maior extensión) e unhas cativas zonas de uso xeral.

Zonificación proposta para o parque das Fragas do Eume. En vermello zona de reserva, en laranxa zona de uso limitado, en verde zona de uso compatible e en amarelo zona de uso xeral © Xunta

A zona de reserva ocuparía unicamente o 3,5% da superficie total do Parque, "claramente insuficiente para protexer o gran valor ecolóxico deste espazo", sinala Iago Varela, tenente de Alcalde do Concello de Cabanas polo BNG

A zona de reserva ocuparía unicamente o 3,5% da superficie total do Parque, "claramente insuficiente para protexer o gran valor ecolóxico deste espazo", sinala Iago Varela, tenente de Alcalde do Concello de Cabanas polo BNG. A escasa protección que o plan prevé para as Fragas é unha das principais críticas que os grupos ecoloxistas e algúns concellos realizan ao documento nunha primeira análise, na que apuntan que a proposta é "mellorable" e cualifícana de "pouco ambiciosa". 

En concreto, das 9.106 hectáreas do parque natural, a zona de reserva abrangue unicamente 304 hectáreas (o 3,34%); a zona de usos limitados ocupa 3.523 (o 42%); a zona de usos compatibles é a de maior dimensión, con 5.240 hectáreas (o 57,5%); e a zona de uso xeral é de 39 hectáreas (o 0,43%).

En maio, entidades ecoloxistas xa anticiparon que a zonación prevista no PRUX que estaba a elaborar a Xunta "soamente garante a conservación do bosque en aproximadamente a terceira parte da superficie do parque, incluso deixando fóra grandes tramos de bosques de ribeira". Facían referencia ás zonas de reserva e de usos limitados previstas no plan.

Unha das demandas realizadas polas entidades ecoloxistas nos últimos anos, a adquisición de terreos de titularidade privada no interior do parque para mellorar a súa xestión e protección, tampouco aparece no documento

Unha das demandas realizadas polas entidades ecoloxistas nos últimos anos, a adquisición de terreos de titularidade privada no interior do parque para mellorar a súa xestión e protección, tampouco aparece no documento. O 80% da superficie é de titularidade privada, distribuída entre un número moi amplo de pequenos propietarios. 

Hai uns meses, en entrevista con Praza.gal, Santi Vázquez (Grupo Naturalista Hábitat), reclamaba "un plan de uso e xestión ambicioso" e propoñia a realización de expropiacións: "teñen que poñerse de acordo cos propietarios. Creo que unha boa saída sería unha expropiación, sobre todo naqueles terreos con máis pendente, de maior valor ecolóxico e menor valor forestal". O plan tampouco contenta aos propietarios de terreos no interior do parque, pois non prevé compensacións económicas polas posibles incompatibilidades de actividades.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, na reunión da xunta reitora do parque das Fragas do Eume © Xunta

O orzamento previsto para os vindeiros dez anos é de apenas dous millón de euros, 200.000 euros por ano, unha achega "claramente insuficiente"

"É necesaria unha protección moi alta dende o Xistral, que é onde nace o Eume ata a desembocadura do río. As contornas naturais non se poden entender de forma illada, hai que xestionalas de forma integral, no seu contexto, e favorecendo a conectividade do territorio", salientaba Santi Vázquez nese momento. Unha demanda que non se ve cumprida na zonificación prevista neste PRUX. "Debe haber investimento e deben facerse proxectos potentes de custodia do territorio. Hai que ser ambiciosos", concluía.

Outra das cuestións que eleva a as críticas á proposta da Xunta é a falta de financiamento para o parque, unha denuncia recorrente nos últimos anos. O orzamento previsto para os vindeiros dez anos é de apenas dous millón de euros, 200.000 euros por ano, unha achega "claramente insuficiente" que, entre outras consecuencias, implica que non aumentaría o persoal destinado á xestión do espazo. Iago Varela salienta que esta falta de persoal "dificulta a posta en marcha de boa parte das medidas incluídas no propio PRUX se este chega a ser aprobado; mantense o mesmo persoal actual, xa de por si escaso, para asumir novos retos". 

Cartel indicador das Fragas do Eume CC-BY-SA dorfun

A Xunta incide no "aproveitamento socioeconómico" das Fragas

A pesar de que a Xunta destaca que o parque "alberga a mellor representación de bosque atlántico autóctono, o mellor conservado de Europa", fai fincapé nesa necesidade de compatibilizar "diferentes actividades e usos económicos"

Na reunión da xunta reitora do Parque a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, destacou que o documento reitor "pon o foco na protección e na conservación dos valores deste espazo, pero sen esquecer a necesidade de garantir que se manteña tamén o seu aproveitamento desde o punto de vista socioeconómico". 

A pesar de que o Goberno galego destaca que o parque "alberga a mellor representación de bosque atlántico autóctono, o mellor conservado de Europa", salienta que o 80% do parque é de titularidade privada, polo que fai fincapé nesa necesidade de compatibilizar "diferentes actividades e usos económicos". Así mesmo incide no fomento tanto do "turismo verde" como na "promoción de actividades deportivas ao aire libre" no interior do Parque Natural.

A Xunta tamén defende que no proceso de redacción deste plan houbo un importante "proceso de diálogo" cos cinco concellos entre o que se distribúe a superficie do parque (Cabanas, Pontedeume, Monfero, A Capela e As Pontes) e tamén cos propietarios de terreos privados, representantes do tecido asociativo e da única comunidade de montes existente, produtores agrogandeiros, pescadores, empresas do sector turístico e clubs.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.