A pasada semana publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o texto do Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural das Fragas do Eume, o documento que debe rexir o funcionamento deste espazo protexido e que, en primeiro lugar, chega con máis de vinte anos de atraso, pois legalmente debería ter sido aprobado antes do ano 2001.
A pasada semana publicouse no DOG con dúas décadas de atraso o plan reitor de uso e xestión (PRUX), que revela o proceso de eucaliptización do espazo e de redución e fragmentación do bosque autóctono
O PRUX das Fragas do Eume, ademais, foi recibido con grandes críticas por parte dos grupos ecoloxistas, que lle recriminan principalmente a falta de medidas decididas para frear e reverter o proceso de expansión do eucalipto no interior do parque, a limitación do seu orzamento para a xestión do espazo (pouco máis de 200.000 euros anuais) e a escasa superficie que contará coa máxima protección (zona de reserva), que ocupa apenas o 3,5% da superficie total.
"O estado das Fragas do Eume é de completo abandono. É necesario un plan de uso e xestión ambicioso", dicía o pasado ano nesta entrevista Santi Vázquez, do Grupo Naturalista Hábitat, unha das persoas que mellor coñece a situación actual das Fragas. E a "falta de ambición" é, precisamente, o que máis lle reprochan os colectivos ambientalistas ao plan.
O documento destaca que "o bosque autóctono nas Fragas do Eume perdeu ata un 20 % da súa superficie desde a década dos 50 do pasado século"
O texto do plan reitor debuxa en primeiro lugar a situación actual do parque e recoñece que aínda que as Fragas do Eume "acolle un dos bosques caducifolios mellor conservados de Galicia", a realidade é que "non está excluído da presenza de plantacións de eucalipto con interese comercial". O documento destaca que "o bosque autóctono nas Fragas do Eume perdeu ata un 20 % da súa superficie desde a década dos 50 do pasado século" e "aproximadamente o 12 % do bosque que había en 1957 se converteu en plantacións de eucalipto". Na actualidade tan só o 30% das Fragas do Eume está ocupado por frondosas caducifolias, unha superficie lixeiramente superior á que ocupa o mato (27%). O eucalipto ocupa, en solitario ou mesturado con outras especies, unhas dúas mil hectáreas de terreo (case catro mil campos de fútbol), ao redor do 23% da superficie total do parque.
O documento advirte do prexuízo que provoca o eucalipto na "fragmentación do bosque autóctono"
No seu diagnóstico sobre a situación do parque, o PRUX aprobado pola Xunta destaca "o elevado impacto ambiental e paisaxístico do modelo de xestión intensivo das plantacións de eucalipto, cuxa implantación provoca fortes cambios no equilibrio dos ecosistemas naturais e unha notable perda de biodiversidade, evidenciada na pobreza do seu sotobosque". Ademais, advirte do prexuízo que provoca na "fragmentación do bosque autóctono", pois lembra que "a subdivisión dos ecosistemas é un dos procesos máis graves de perda de diversidade biolóxica, xa que deriva nunha perda da súa funcionalidade".
Ademais, salienta que "as zonas de repoboacións forestais presentan importantes afeccións dos solos derivados das infraestruturas de explotación forestal, en especial as pistas e vías de saca". De igual xeito, advirte de que "o tipo de corta, por medio de cortas a eito de exemplares arbóreos de xeito continuo nun curto período de tempo, crean masas regulares que dan lugar a unha homoxeneización da paisaxe no plano horizontal e vertical, o que deriva nunha menor riqueza de especies de flora e fauna", engadindo que "sste modelo de xestión intensivo dos cultivos forestais supón, ademais, un elevado risco de activación de procesos erosivos, agravados polas pronunciadas pendentes do parque natural, especialmente nas ribeiras do Eume".
O eucalipto ocupa, en solitario ou mesturado con outras especies, unhas dúas mil hectáreas de terreo (case catro mil campos de fútbol), ao redor do 23% da superficie total do parque
No Parque Natural das Fragas do Eume cuantificouse a perda de bosque e os seus patróns de fragmentación desde 1957, mediante ferramentas de fotointerpretación e análise da paisaxe. Os resultados do estudo indicaron unha duplicación do número de parches de bosque autóctono no último medio século. Ademais, constátase a diminución do tamaño medio dos parches de ata un 64%, e o aumento da súa distancia media (un 31%). En 2009 os ecosistemas de bosque ocupaban ao redor do 30% do ámbito do parque natural, fragmentados nun total de 137 parches, a meirande parte dos cales de menos de 10 hetáreas. Unicamente existían tres parches que superasen as 200 hectáreas.
O Plan Reitor sitúa entre os seus obxectivos "promover a eliminación" do eucalipto na zona de reserva, na zona de uso limitado "e nos terreos onde non estivesen cultivados con anterioridade" a 1996
O Plan Reitor sitúa entre os seus obxectivos "promover a eliminación de especies de eucaliptos, acacias e falsas acacias, especialmente na zona de reserva, na zona de uso limitado e nos terreos onde non estivesen cultivados con anterioridade á data de publicación do PORN das Fragas do Eume", en 1996. Ademais prohíbe expresamente a plantación de eucaliptos nos terreos onde non estivesen cultivados antes dese ano 1996.
Porén, na súa análise do texto, os grupos ecoloxistas subliñan que se permite seguir plantando eucalipto naquelas zonas nas que esta especie xa estivese implantada antes de 1996. Estas masas de eucalipto "son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico polo que As Fragas foron declaradas parque natural", denunciábase nun escrito conxunto asinado por ADEGA, Grupo Naturalista Hábitat, Asociación Betula REBINXE, SGHN ou a FEG.
Os grupos ecoloxistas critican que se permite seguir plantando eucalipto naquelas zonas nas que esta especie xa estivese implantada antes de 1996. stas masas de eucalipto "son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico polo que As Fragas foron declaradas parque natural"
No PRUX as actividades forestais teñen a consideración de "actividade tradicional" e son cualificadas como "necesarias para o desenvolvemento económico na área do parque natural". Ademais, sinálase que "aquelas plantacións realizadas sen a necesaria autorización con posterioridade á entrada en vigor do PORN en zona de uso compatible e zona de uso xeral poderán ser aproveitadas" aínda que se indica que "as sucesivas reforestacións quedarán supeditadas a unha autorización de plantación do órgano autonómico competente en materia de patrimonio natural".
Unha das principais críticas que o ecoloxismo galego realizou ao PRUX foi a escasa superficie da zona de reserva, a que conta cunha maior protección, que ocupa unicamente o 3,3% da superficie total do Parque, "claramente insuficiente para protexer o gran valor ecolóxico deste espazo", sinala Iago Varela, tenente de Alcalde do Concello de Cabanas polo BNG. En concreto, das 9.106 hectáreas do parque natural, a zona de reserva abrangue unicamente 304 hectáreas (o 3,34%); a zona de usos limitados ocupa 3.523 (o 42%); a zona de usos compatibles é a de maior dimensión, con 5.240 hectáreas (o 57,5%); e a zona de uso xeral é de 39 hectáreas (o 0,43%).
Un parque natural fragmentado en 19 mil pequenas parcelas
Desde os anos centrais do século XX, as repoboacións forestais, a construción de encoros e infraestruturas de comunicación, a actividade mineira ou os incendios forestais, entre outros factores, incidiron fortemente na fragmentación de ecosistemas no interior do parque natural, o que alterou a conectividade ambiental e funcional do territorio
Unha das características que mellor definen o parque é a fragmentación da súa propiedade. En concreto, as súas pouco máis de nove mil hectáreas de superficie divídense entre 19.467 parcelas, que posúen un gran número de pequenos propietarios. 8.341 destas parcelas (o 43%) teñen un tamaño inferior aos mil metros cadrados e outras 5.633 (o 29%) non chegan aos 2.500 metros cadrados. Tan só 84 parcelas teñen máis de 100.000 metros cadrados e outras 969 se moven entre os 10.000 e os 100.000 metros cadrados.
O documento explica que desde os anos centrais do século XX, as repoboacións forestais, a construción de encoros e infraestruturas de comunicación, a actividade mineira ou os incendios forestais, entre outros factores, incidiron fortemente na fragmentación de ecosistemas no interior do parque natural, o que alterou a conectividade ambiental e funcional do territorio.
Dentro dos límites do parque natural existen 57 entidades de poboación, que acollen unicamente a 311 habitantes, segundo datos do INE correspondentes ao ano 2021, o que ofrece unha idea da diseminación e baixa poboación dos asentamentos.
1,1 millóns de euros para a compra de parcelas
O plan reitor inclúe entre os seus obxectivos o "incremento de superficies públicas nas zonas de fragas e zonas de reserva do parque natural", un programa para o que o propio cronograma orzamentario prevé destinar 1,1 millóns de euros (550 mil euros en cada exercicio) nos anos 2023 e 2024
Unha das demandas que Hábitat e outros grupos ecoloxistas realizaban á Xunta para a mellora da situación das Fragas era a adquisición de terreos dentro do parque para así frear a eucaliptización e a fragmentación das masas arbóreas e fomentar a conectividade dos hábitats. "Creo que unha boa saída sería unha expropiación, sobre todo naqueles terreos con máis pendente, de maior valor ecolóxico e menor valor forestal", dicía Santi Vázquez na entrevista.
O plan reitor inclúe entre os seus obxectivos o "incremento de superficies públicas nas zonas de fragas e zonas de reserva do parque natural", un programa para o que o propio cronograma orzamentario prevé destinar 1,1 millóns de euros (550 mil euros en cada exercicio) nos anos 2023 e 2024. A Consellaría de Medio Ambiente detallou esta semana que eses cartos servirán para adquirir 800 parcelas, aínda que a Xunta non especifica a superficie total destes predios. O obxectivo, segundo o Goberno galego é que "unha vez mercados" (aínda deben ser negociadas cos seus propietarios) se realicen neles "actuacións de conservación e restauración de zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico, eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas.
Entre 2023 e 2032 a Xunta prevé que o orzamento anual se mova entre os 193 mil e os 214 mil euros anuais, unha achega "claramente insuficiente" que, entre outras consecuencias, implica que non aumentaría o persoal destinado á xestión do espazo
A Consellaría cualifica de "vital importancia" a realización de actuacións "que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados".
Porén, máis aló deste investimento, os grupos ecoloxistas fan fincapé no escaso orzamento previsto no cronograma económico do plan para a xestión ordinaria do parque. En concreto, entre 2023 e 2032 a Xunta prevé que o orzamento anual se mova entre os 193 mil e os 214 mil euros anuais, unha achega "claramente insuficiente" que, entre outras consecuencias, implica que non aumentaría o persoal destinado á xestión do espazo.