"Tes un monte de eucalipto? En ENCE mercamos madeira de eucalipto. Encargámonos de todo o proceso. Traballamos con empresas locais e asesorásmoste sobre como xestionar a repoboación. Chámanos e pide unha cita". Na radio, na televisión ou na prensa é habitual atopar mensaxes publicitarias de ENCE coma esta. A planta de ENCE en Pontevedra, cuxa continuidade nesta localización ata o ano 2073 avalou recentemente o Tribunal Supremo, é un dos destinos principais do eucalipto que se planta e se corta en Galicia dende hai décadas. Pero, ata que punto a presenza desta factoría en Lourizán determinou e determina a política forestal do país e a estrutura e usos do monte galego? Foi antes a eucaliptización ou ENCE? En que medida esta empresa supón un obstáculo á hora de deseñar un monte distinto e multifuncional?
Para Alberte Blanco, Director Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural entre 2005 e 2009, "dicir que a estrutura forestal do país está vinculada a ENCE é un feito incontestable, non hai dúbida que houbo unha causa-efecto"
En moitas ocasións ponse o foco nos efectos prexudiciais que a instalación de ENCE en Lourizán tivo para a ría de Pontevedra e a súa produción marisqueira, pero a actividade pasteira ten efectos que van moito máis aló da comarca de Pontevedra e que atinxen a todo o país. Para Alberte Blanco, Director Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural entre 2005 e 2009, "dicir que a estrutura forestal do país está vinculada a ENCE é un feito incontestable, non hai dúbida que houbo unha causa-efecto". Blanco sitúa a "explosión" do eucalipto en Galicia no momento en que a factoría de ENCE comeza a empregar maioritariamente esta especie para a produción de celulosa, ao redor de 1969, pois nos primeiros anos da planta (inaugurada en 1963) utilizábase máis o piñeiro.
Blanco sitúa a "explosión" do eucalipto en Galicia no momento en que a factoría de ENCE comeza a empregar maioritariamente esta especie para a produción de celulosa, ao redor de 1969
As plantacións de eucalipto non comezaron coa instalación de ENCE. De feito, as primeiras plantacións de eucalipto con finalidade comercial foron realizadas en Galicia xa na década de 1940, nun momento no que a reforestación con piñeiro aínda era a maioritaria. En 1946 plantáranse apenas unhas 5.000 hectáreas de eucalipto e no primeiro anuario do Plan Forestal do Estado, publicado a mediados dos anos 70, a cifra era aínda relativamente baixa, de 27.000 hectáreas. Pero no ano 2000, 25 anos despois, a extensión era xa de preto de 200.000 hectáreas e na actualidade, a falta dun dato exacto, pódese facer unha estimación dun medio millón de hectáreas.
Este proceso viuse imbricado, ademais, co progresivo proceso de desagrarización, de abandono das terras agrarias e de despoboamento do rural. Entre 1950 e 2019 a poboación ocupada no sector agrario galego pasou de máis de 800.000 a menos de 50.000 persoas
Nesas primeiras décadas houbo unha política consciente e promovida polo Estado de repoboación con eucaliptos, uns proxectos que -destaca Alberte Blanco- tiñan "boas intencións" e buscaban o desenvolvemento industrial. Era un momento non que "non se coñecían ben os efectos negativos do eucalipto, sobre todo ligados aos incendios, como planta pirófita e de elevada combustibilidade", sinala, efectos que "son ben coñecidos agora dende hai tempo".
Porén, hai xa varias décadas que xa non hai un impulso público ás plantacións de eucalipto e, aínda así, a expansión desta especie non deixou de producirse, ben de forma natural (aproveitando os propios incendios), ben a través das plantacións realizadas por pequenos propietarios buscando un retorno económico rápido para pequenas parcela de monte sen outra actividade. Este proceso viuse imbricado, ademais, co progresivo proceso de desagrarización, de abandono das terras agrarias e de despoboamento do rural. Entre 1950 e 2019 a poboación ocupada no sector agrario galego pasou de máis de 800.000 a menos de 50.000 persoas.
Edelmiro López Iglesias, profesor da Facultade de Económicas da USC, sinala que a partir dos anos 80 "a expansión do eucalipto non se debeu tanto a unha política activa en materia forestal, senón á acción das forzas do mercado. ENCE foi tractora dese proceso, porque xeraba unha demanda que acababa por facer rendible plantar eucalipto para os pequenos propietarios que deixaban a actividade agraria"
Edelmiro López Iglesias, profesor da Facultade de Económicas da USC, que ocupou o crgo de Director Xeral de Desenvolvemento Rural entre 2005 e 2009, incide neste proceso, sinalando que á hora de analizar o efecto da actividade de ENCE sobre o monte galego hai que diferenciar dúas fases: unha primeira, dende os anos 50 ata finais dos 70, na que "é claro que ENCE, ademais de ser unha empresa pública, estaba moi ligada aos servizos forestais do Estado, nun tempo no que o Patrimonio Forestal do Estado tivo unha intervención moi directa na expansión da superficie forestal". "Aínda non se producira un despoboamento forte do rural como veu despois, non era que esa expansión forestal viñese cubrir un baleiro, senón que había un interese para conseguir que España fose autosuficiente na produción de pasta de papel. Aí xogaron un papel moi importante a Deputación de Pontevedra e tamén os concellos que usurparan o monte veciñal, nun proceso que mesmo foi previo á instalación de ENCE", destaca Edelmiro López Iglesias.
"A partir de aí" -explica- "aínda que ENCE seguiu sendo pública ata comezos deste século, a expansión do eucalipto non se debeu tanto a unha política activa en materia forestal, senón á acción das forzas do mercado. ENCE foi tractora dese proceso, porque xeraba unha demanda que acababa por facer rendible plantar eucalipto para os pequenos propietarios que deixaban a actividade agraria". "Levamos 30 anos sen axudas á plantación de eucalipto, pero a realidade é que a superficie ocupada polo eucalipto segue a medrar e, de feito, medrou moito máis do que estaba previsto no Plan Forestal de 1992. O crecemento veu dado por un impulso na demanda de madeira por parte de ENCE e mais das industrias de taboleiros, pero neste caso máis centrada no piñeiro. E neste tempo si que xogou un papel determinante o proceso de despoboamento do rural e o abandono das terras agrarias", engade.
Alberte Blanco incide ademais no problema dos incendios acentuado pola expansión do eucalipto e que, ao tempo, favorecen a súa extensión máis aló das zonas onde foi plantado
Alberte Blanco incide ademais no problema dos incendios acentuado pola expansión do eucalipto e que, ao tempo, favorecen a súa extensión máis aló das zonas onde foi plantado. "Os incendios fóronse incrementando e iso favoreceu que se producise un caos no monte galego, na medida en que o eucalipto é unha planta invasora que aproveita os incendios para expandirse. A consecuencia é que aumentan as masas vistas nas que hai piñeiros, carballos e eucaliptos", explica. Blanco conclúe que "o monte galego hoxe e en día é un monte caótico e non ordenado", agás excepcións moi sinaladas "coma o norte de Lugo, onde predomina o eucalipto, pero que si están ben xestionadas, e onde o eucalipto se mantén dentro dos límites fixados". Esta situación provoca, ademais, "que moitas destas árbores, ao crecer de forma caótica, non teñan tampouco valor industrial".
As solucións, nas mans da Xunta
O diagnóstico e medidas de solución, expresadas en numerosos estudos e informes nos últimos anos, pasa por un aproveitamento multifuncional das terras de monte, "non como o que había no sistema agrario tradicional, senón adaptado ás condicións e demandas actuais da sociedade"
O diagnóstico e medidas de solución, expresadas en numerosos estudos e informes nos últimos anos, pasa por un aproveitamento multifuncional das terras de monte, "non como o que había no sistema agrario tradicional, senón adaptado ás condicións e demandas actuais da sociedade", destacábase por exemplo nas conclusións da Xornada para debater sobre os usos dos montes que permitan unha multifuncionalidade ao servizo do benestar social no rural galego do século XXI, celebrada en 2019.
"Nese aproveitamento han de ter cabida usos moi diversos: obtención de madeira a partir de especies de crecemento rápido, produción de madeiras de calidade, gandeiría extensiva, pequenos froitos, aproveitamento da biomasa e outras fontes de enerxía renovable, funcións ambientais, fins recreativos e como espazo de lecer. Todos eses usos son compatibles, pero cunha adecuada ordenación", subliñouse nese encontro, no que se fixo fincapé, sobre todo, nesta necesidade de ordenar un monte galego, na actualidade, sen organización nin xestión axeitada.
"Ese millón de propietarios forestais que hai en Galicia reciben continuamente anuncios de ENCE que lles ofrece mercar a madeira que medra nas súas parcelas e que ademais lles dan todas as facilidades. Estes propietarios reciben algunha alternativa por parte da Administración para darlle outros usos a ese espazo?", pregúntase López Iglesias
Que pode ou debe facer a Administración? Para os dous entrevistados, esta é a verdadeira clave, máis aló da presenza ou non de ENCE en Pontevedra, un factor importante pero que non tería por que determinar nin a política forestal nin a estrutura de usos resultante. Edelmiro López Iglesias sinala que o papel da política forestal nas últimas décadas non foi o de fomentar a expansión do eucalipto, pero "non actuou como contrarrestador dunha forza de mercado moi poderosa".
"Ese millón de propietarios forestais que hai en Galicia reciben continuamente anuncios de ENCE que lles ofrece mercar a madeira que medra nas súas parcelas e que ademais lles dan todas as facilidades. Estes propietarios reciben algunha alternativa por parte da Administración para darlle outros usos a ese espazo?", pregúntase o profesor da USC, que sinala que "non ten sentido demonizar actitudes individuais, senón que o que se necesita é unha intervención pública que ofreza oportunidades noutro sentido e, ao mesmo tempo, fomentar que estes propietarios se autoorganicen. E, así mesmo, mecanismos coma o banco de terras ou modelos de cesión de terras para outros usos".
"Hai que ter en conta a influencia que ten ENCE e outras empresas importantes do sector da madeira, que non están interesadas en ordenar o monte, non o necesitan", denuncia Blanco
"É unha cuestión obxectiva, non ideolóxica", engade Blanco, que di que "non se deben criminalizar as especies forestais, pero a administración galega ten un reto pendente, que é o de reconfinar o eucalipto, definir zonas específicas e comezar a eliminar dunha maneira sistemática as plantacións caóticas que existen polo país adiante". "Isto ten que facelo o próximo Goberno da Xunta, porque este non parece que o vaia facer. Hai que ter en conta a influencia que ten ENCE e outras empresas importantes do sector da madeira, que non están interesadas en ordenar o monte, non o necesitan", di o ex-Director Xeral de Montes. "Só hai que ver a modificación que se fixo na propia revisión do plan forestal, que nunha primeira versión, moi moderada, prevía algunha eliminación de masas mixtas para racionalizar minimamente o monte. E todo iso foi eliminado a través da presión da industria, encabezada por ENCE", di.
"A política forestal das últimas décadas foi acomodaticia", denuncia López Iglesias, que indica que o obxectivo debe ser "ir cara a un monte máis diversificado en canto a especies arbóreas e, ademais, non só pensando na produción de madeira, senón que con outro tipo de aproveitamentos que ademais son demandados socialmente". Porén, engade, este obxectivo "necesita dunha intervención pública moito máis contundente de cara a impulsar eses usos" e rachar as actuais inercias.
"A política forestal das últimas décadas foi acomodaticia", denuncia López Iglesias, que indica que o obxectivo debe ser "ir cara a un monte máis diversificado en canto a especies arbóreas e, ademais, non só pensando na produción de madeira, senón que con outro tipo de aproveitamentos que ademais son demandados socialmente"
López Iglesias destaca igualmente que na actualidade "as cortas de madeira de frondosas autóctonas son irrelevantes, non chegan ao 5%. Non se fan cortas desta madeira e, en consecuencia, temos que importar madeira de calidade para a industria do moble". "Ademais de poñer couto á expansión incontrolada do eucalipto, a min paréceme tan ou máis relevante darlle valor dende o punto de vista económico a todas esas extensións de carballos e outras frondosas. Aí é necesaria unha política pública contundente", di.
"Cando ti tes unha política acomodaticia, quen manda son os intereses privados. E no sector da madeira hai dous grandes intereses privados en Galicia: a industria da pasta de papel e a de taboleiros, que son as que ao final acaban ordenando o territorio. E nun país avanzado non parece moi axeitado que dúas grandes empresas sexan as que ordenen o territorio", conclúe López Iglesias.
Para Blanco "un plan forestal significaría ordenar o monte de forma racional, que os propietarios tomasen conciencia do que teñen aí, de que iso ten un valor e de que deben loitar para recibir un prezo xusto"
"A administración non cumpre coas súas responsabilidades e provoca un monte caótico porque lle convén e convén á industria", concorda Alberte Blanco, que sinala que "a alternativa é un monte multifuncional, un monte tipo mosaico que axude a loitar contra os incendios, que cada vez son maiores". Para Blanco "un plan forestal significaría ordenar o monte de forma racional, que os propietarios tomasen conciencia do que teñen aí, de que iso ten un valor e de que deben loitar para recibir un prezo xusto". "Quen marca o prezo, á baixa, é a industria da celulosa", subliña que "o que moitos pequenos propietarios non saben é que se o monte estivese minimamente ordenado poderían cobrar o dobre do que agora están cobrando".
Alberte Blanco destaca igualmente que "a política de monte debe ligarse a unha política para o medio rural, que debe centrarse en reagrarizar o país"
Blanco afirma que a reforma do monte pasa "por chegar a acordos con propietarios, cos cazadores, cos pastores, cos gandeiros en extensivo e tamén coa industria". "O que hai é falta de vontade política", engade. Sinala que "na época na que fun Director Xeral de Montes logramos chegar a un acordo con celulosas e Finsa. Non sei se de boa ou mala gana, pero eles apoiaron a reforma da Lei de Montes, que tiña un proxecto forestal detrás que lle garantía á industria as toneladas de madeira que necesitaba e moitas máis. Polo tanto, non tiñan razón para estar en contra do proxecto e apoiárono"
Alberte Blanco destaca igualmente que "a política de monte debe ligarse a unha política para o medio rural, que debe centrarse en reagrarizar o país". "Hai que ter en conta que en Galicia falta terra agraria e a consecuencia é que se están importando moitísimos alimentos e tamén pensos e forraxe para o gando e prezos exorbitantes. Se se fixese un plan racional para subministrar forraxe ao gando, moitas terras poderían gañar moito valor e xeraríanse moitos empregos. Só con iso se resolverían, ademais, gran parte dos incendios", conclúe.