A celulosa da ría de Pontevedra: como preservar o traballo e o medio ambiente

Fábrica de ENCE en Pontevedra, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA juantiagues
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-theconversation-4bbfa6d.png

A fábrica de papel do grupo ENCE, na ría de Pontevedra, foi inaugurada por Franco en 1963. Leva anos no centro dun contencioso entre a propiedade, que considera a infraestrutura un elemento fundamental do desenvolvemento económico, e o Concello, xestionado polo BNG e apoiado por varias asociacións ambientalistas e veciñais que denuncian o impacto da industria papeleira sobre o fráxil ecosistema da ría.

Malias condenas por delitos ecolóxicos polas verteduras realizadas na ría ata 1994, en 2016 o Goberno de Mariano Rajoy renovou por sesenta anos a concesión dos terreos onde se sitúa a fábrica. A razón esgrimida foi a de preservar os centos de postos de traballo da fábrica.

O Concello de Pontevedra e asociacións ecoloxistas como Greenpeace e a Asociación pola defensa da ría impugnaron a medida e, en 2021, a Audiencia Nacional anulou a prórroga concedida polo Goberno do PP á papeleira ENCE acolléndose á reforma da Lei de Costas.

Complexo industrial de ENCE -cando aínda estaba operativa Elnosa-, ao carón da ría CC-BY-SA encefora.gal

Finalmente, o 7 febreiro de 2023 o Tribunal Supremo reverteu o ditame da Audiencia Nacional, avalando a prórroga até 2073 concedida á fábrica. Para esa data, o litoral de Lourizán, onde se sitúa a fábrica, podería estar xa completamente asolagado pola subida do nivel do mar a causa do cambio climático. Subida á que, ironicamente, a fábrica contribúe ao emitir cada ano máis de 700 mil masas de CO₂ equivalentes.

Quen defende a quen nos conflitos ambientais?

O caso de ENCE é un exemplo clásico de conflito ambiental, no que o medo lexítimo dos traballadores e as traballadoras a perder os seus empregos entrelázase coas inxustizas sociais e os danos ambientais que eses mesmos empregos crean nun territorio.

A instalación de ENCE na ría pontevedresa en 1963 desprazou de forma violenta a moitas mariscadoras que atopaban na praia de Lourizán o seu sustento e a súa forma de vida. Ademais, a fábrica envelenou durante décadas o fráxil ecosistema da ría e impuxo en gran parte de Galicia un monocultivo tan destrutivo como o do eucalipto.

Vista da factoría de Ence en Pontevedra, nunha imaxe divulgada pola empresa a principios de 2020 © ENCE

Ecoloxía, traballo, ideario

A loita para protexer a contorna natural non está rifada coa loita pola defensa do emprego, senón que é condición fundamental para a protección e o apoderamento da clase traballadora

O traballo de mapeo sistemático do proxecto EJAtlas que lidera o profesor Joan Martinez Alier (UAB) é unha mina de información sobre os conflitos entre ecoloxismo e traballo. Para a escola ecosocialista, a loita para protexer a contorna natural non está rifada coa loita pola defensa do emprego, senón que é condición fundamental para a protección e o apoderamento da clase traballadora.

Por isto non se entende como os principais sindicatos españois apoiaron a permanencia dunha industria tan contaminante como ENCE nunha contorna natural e social tan delicada como a ría de Pontevedra. En defensa dos postos de traballo ameazados, os secretarios xerais de UGT e Comisións Obreiras pronunciáronse a favor da permanencia de ENCE na ría. Tamén as Xuventudes Comunistas privilexian os postos de traballo á protección do medioambiente.

Non resulta sorprendente que sindicatos e organizacións políticas, seguindo a clásica visión marxista produtivista, defendan os traballadores e as traballadoras. O que sorprende é que, aínda que se lles supoña progresistas, asuman posicións claramente antiecoloxistas.

Entre os traballadores que ven ameazados os seus empregos hai unha perigosa tendencia a considerar o ecoloxismo como un movemento hostil á clase traballadora, ou mesmo como unha conspiración dos capitalistas.

Pero, estamos seguros de que defendendo calquera forma de emprego, mesmo os que causan a destrución da natureza, se defenden os dereitos das traballadoras e traballadores? A defensa do traballo custe o que custe, non favorece máis ben os intereses dos grandes grupos económicos, que son os maiores responsables dos danos ambientais?

Unha falsa dicotomía entre traballo e medio ambiente

Estes posicionamentos baséanse no falso antagonismo entre traballo e medio ambiente, derivado dunha interpretación produtivista do marxismo que hoxe en día non só é obsoleta, senón tamén daniña para os intereses da clase traballadora.

A defensa da clase traballadora pasa pola defensa da natureza fronte ao sistema de espoliación posto en marcha pola acumulación capitalista.

Até os anos 70 do século XX o marxismo caracterizouse polo seu enfoque produtivista, co desenvolvemento das forzas produtivas e da tecnoloxía como elementos emancipadores dos traballadores. A partir de entón, pensadores como André Gorz reivindicaron a importancia de fusionar o pensamento marxista co ecolóxico. Outros autores: John Bellamy Foster, Paul Burkett, James O'Connor e, máis recentemente, Kohei Saito, argumentaron que os escritos orixinais de Marx xa incluían unha crítica á destrución ecolóxica causada polo capitalismo. Por tanto, a defensa da clase traballadora pasa pola defensa da natureza fronte ao sistema de espoliación posto en marcha pola acumulación capitalista.

É máis, como sostén Stefania Barca, profesora de Ecolóxica Política na Universidade de Santiago, a emancipación das clases traballadoras só é posible a través do recoñecemento das forzas da reprodución, entendidas como traballo de subsistencia, reprodución, rexeneración, restauración e coidado da vida humana e a non humana. Despois de todo, sen un medio ambiente san non pode haber vida nin traballo.

Manifestación contra a permanencia de ENCE na ría, avanzando dende Pontevedra en 2019 CC-BY-NC-SA BNG

Falta imaxinación

É probable que ENCE acabe deixando Pontevedra antes de 2073. Pola suba do nivel do mar ou porque atope outras formas de maximizar beneficios. Daquela, os persoal quedará sen traballo e Pontevedra cun desastre ecolóxico irreversible. Como adoito, os custos do abandono asumiríaos a sociedade no seu conxunto.

No proxecto JUST2CE, financiado polo programa Horizonte 2020 da UE, analizamos as loitas das comunidades de veciños e dalgúns grupos sindicais no conflito ambiental xerado en Tarento pola que foi a fábrica máis grande de aceiro en territorio italiano, da siderúrxica ILVA.

Durante décadas, a fábrica de aceiro provocou mortes e destrución ambiental. Neste caso, tamén os grandes sindicatos de esquerda se opuxeran durante anos ao peche das instalacións.

Mentres, o comité de veciños Liberi e Pensanti (Libres e Pensadores) segue loitando para que se peche a fábrica, aínda que preservando os postos de traballo. A súa proposta é crear cooperativas que serían autoxestionadas polos traballadores, co obxectivo de revitalizar a zona e devolvela á cidadanía. A tarefa, dura e longa, daría traballo aos empregados de ILVA durante 30 anos máis.

Para este comité, o ILVA é irreformable. Con todo, a produción de aceiro podería manterse, aínda que reducida ao mínimo, dimensionada ás necesidades nacionais, empregando tecnoloxías limpas e nunha localización que non comporte riscos para as persoas e o medio ambiente. Non se trata de transferir as producións contaminantes a terceiros países, senón de producir menos e de forma limpa e autoxestionada polos traballadores da zona.

Esta idea tamén representa unha terceira vía entre as nacionalizacións de empresas pouco eficientes que adoitan propor os sindicatos clásicos e o peche das fábricas ou a deslocalización das políticas neoliberais

Fábrica de aceiro en Tarento, Italia, fotografada en 2007 CC-BY-SA mafe de baggis

Por que non aplicar estas ideas ao caso ENCE?

Por que non deseñar xunto cos empregados e empregadas da fábrica e a cidadanía soluciones innovadoras que preserven os intereses das persoas co imperativo de coidar a ría pontevedresa?

É probable que ENCE acabe deixando Pontevedra antes de 2073. Se cadra pola subida do nivel do mar, quizais porque atope outras formas de maximizar os seus beneficios. Daquela, os empregados quedarán sen traballo e Pontevedra cun desastre ecolóxico irreversible. Como adoita pasar, os custos do abandono asumiríaos a sociedade no seu conxunto.

Le o artigo orixinal en The Conversation

Artigo orixinalmente publicado en The Conversation CC-BY-SA The Conversation

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.