Drons e intelixencia artificial para tentar frear a "invasión" da ostra xaponesa na costa galega

Exemplares de ostra xaponesa en Burela en 2023 CC-BY-SA Fernando Losada Rodríguez

A empresa Telespazio Ibérica e o CSIC adestran en 15 praias da Mariña e do norte da Coruña un algoritmo para "identificar de forma automática e precisa" os bancos desta especie a partir de imaxes captadas por aeronaves non tripuladas

"O que comezou como un experimento acuícola hai décadas converteuse nunha ameaza socioeconómica que pon en xaque o marisco galego". A advertencia é da empresa Telespazio Ibérica e lánzaa da man do Instituto de Investigacións Mariñas do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para presentar o proxecto co que se propoñen "frear esta especie invasora".

Unha quincena de praias da Mariña e do norte da provincia da Coruña están a ser o "campo de estudo" para "avaliar como este bivalvo afecta a outros moluscos coma o berberecho e a ostra plana galega". Fano cun "sistema pioneiro baseado en intelixencia artificial" para "detectar e monitorizar" exemplares de ostra xaponesa ou rizada (Magallana gigas).

Mostras do programa de detección de ostras xaponesas nas costas galegas © Telespazio Ibérica

Para "adestrar un algoritmo de visión por computador capaz de identificar de forma automática e precisa" os bancos de ostras "a partir de imaxes captadas por drons", o equipo da devandita empresa está a "realizar voos a baixa altura" nesa quincena de praias. As aeronaves non tripuladas captan imaxes fotográficas convencionais, pero tamén "bandas non visibles" mediante cámaras "multiespectrais" que permiten "xerar imaxes de altísima resolución".

"O que comezou como un experimento acuícola hai décadas converteuse nunha ameaza socioeconómica que pon en xaque o marisco galego", advirten 

A continuación, explican, corresponde ao CSIC "verificar a fiabilidade dos datos" e "etiquetar manualmente os mosaicos, sinalando a presenza ou ausencia" da ostra invasora. "As primeiras análises -avanzan- amosan unha alta taxa de precisión, que se separa axustar máis a medida que medre a base de datos".

Segundo os seus promotores, esta iniciativa ten unha dupla vertente: a ambiental, mais tamén a "social e económica", xa que "moitas das zonas afectadas coinciden con bancos marisqueiros explotados por mariscadoras a pé". "Dispoñer dunha ferramenta fiable" para detectar a ostra xaponesa "permitirá optimizar a xestión destes espazos" e "previr potenciais conflitos no uso do litoral", consideran.

Esta compañía, filial española do xigante conformado polas empresas Leonardo e Thales, ten oficinas en Vigo dende hai un ano. Dende a sede galega, indican, tamén teñen en marcha outros proxectos como "a monitorización dos bancos de cría de mexillón ou o inventariado intelixente de masas forestais utilizando satélites e drons". O plan para monitorizar as ostras xaponesas está tamén ligado ao programa GeoSUB do polo aeronáutico da Xunta e recibe financiamento tanto do Estado como dos fondos europeos de recuperación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.