A crise marisqueira non se detén e vai a máis. As confrarías da ría de Arousa e as agrupacións mexilloneiras, agrupadas arredor da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), volveron poñer este mércores cifras ao que xa cualifican como "caída libre" na produción, un "devalo produtivo sistemático e progresivo" do que levan anos advertindo e para o que non dan chegado solucións.
A situación na Arousa é desoladora se se analizan as cifras de 2024, que a PDRA compara coa media do anterior quinquenio (2019-2023), que xa foi unha etapa onde a crise afundiu a produción. As caídas superan o 85% en moitos casos e roldan o 100% no berberecho.
A principios deste século, a produción de berberecho na ría de Arousa superaba as 700 toneladas anuais; no período 2019-23, as 300; en 2024 non chegou ás 20 toneladas
Neste último caso, o do berberecho, mentres que a produción media no quinquenio sinalado foi de case 302 toneladas por ano, en 2024 a produción non chegou nin ás 20 toneladas, un descenso do 93,7% que sería aínda moito máis acusado de facer a comparanza botando aínda a vista máis atrás. Entre 2002 e 2022, a produción media anual era de 716. "Desde o ano 2008 a súa presenza na ría pasou de ser un recurso fundamental a ter unha presenza mínima, aínda que no ano 2022 tivo unha leve recuperación", lembra a PDRA.
A situación é semellante noutros casos. Na ameixa fina o descenso foi de máis do 86%, pasando das 155 toneladas anuais de media entre 2019 e 2023 ás 21 do pasado ano. A produción de ameixa babosa caeu tamén preto do 86%, con 38 toneladas en 2024 fronte á media de case 270 do devandito quinquenio.
O descenso na produción de ameixa fina e de ameixa babosa superou o 85% no pasado ano con respecto á media do quinquenio anterior
No caso da ameixa rubia, cunha produción media de 144,4 toneladas anuais no período 2019-23, no pasado exercicio a produción foi de tan só 75 toneladas, unha baixada do 48,1%. En canto á xapónica, o descenso rolda o 42% ao pasar de 1.542 toneladas anuais a arredor de 900. Unha produción en todo caso maior ao ser unha especie foránea máis resistente ás condicións adversas.
En resumo, na produción total de bivalvos, agás Carril, a media do quinquenio 2019-23 é de 2.572 toneladas ao ano e a produción de 2024 foi de 1.166, unha baixada de case o 45%.
O sector sitúa en 16 millóns as perdas pola crise do marisqueo o pasado ano
A situación ten provocado na ría da Arousa, nas vendas en todas as lonxas de todos os recursos no ano, unha perda de 16,2 millóns respecto á media do quinquenio, ao pasar dos 85,2 aos 69. Ademais, as vendas de bivalvos en todas as lonxas da ría en 2024 (14,7 millóns), baixaron o 50% respecto da media do quinquenio 2019-23 (29,4), case 15 millóns menos.
Por recursos, destaca a PDRA, as perdas o pasado ano foron de 4,3 millóns na ameixa babosa, 4,2 na ameixa
fina, 0,7 na ameixa rubia, 4,6 na ameixa xapónica e 2 no berberecho, cun total 15,8 millóns e unha perda de máis de 10.000 euros anuais por cada permiso de explotación a pé (permex). Son case 45 millóns de perdas no acumulado dos catro últimos anos.
Desde as confrarías insisten en que as axudas son "claramente insuficientes" e consideran "urxente" que a Consellería do Mar "deixe de mirar para outro lado ou desvíe o foco do problema", que sitúan na "menor taxa de renovación das augas da ría", que provoca un maior impacto da contaminación das depuradoras e dos vertido das fábricas.
Ademais, como destacaran xa expertos e afectados nunha reportaxe en Praza.gal, está o influxo dos efectos do cambio climático e a mortaldade masiva de bivalvos, que agudizan os problemas nas rías galegas, tamén por suposto na ría de Arousa.
Os efectos do cambio climático agudizan os problemas de contaminación na ría, para a que o sector pide unha rexeneración a fondo
"É necesaria unha acción conxunta e de rexeneración, recoñecer o problema e tomar medidas reais e non propagandísticas", insisten, tras facer tamén un "chamamento" a todos os alcaldes da zona sobre a "situación crítica" que afectará "o conxunto da sociedade".
No fondo, a sensación de que a crise no mar non provoca a resposta social e política en terra que se precisa para deter o devalo dun sector que ve como a perda de traballadores e traballadoras é cada vez maior. Máis aló, o temor, verbalizado, a que se impoña a acuicultura industrial. "Ao fin e ao cabo parece que é o que se está a buscar desde a Administración", dixo María Porto, presidenta das mariscadoras de Carril.