O declive do marisqueo en Galicia non se detén, un "devalo progresivo e anunciado hai unha década", segundo denuncian a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) , a Plataforma en Defensa do Mar (Plademar) Muros-Noia e diversos colectivos do sector do mar, que provoca o "imparable descenso na produción".
Así o advertiron este martes diferentes representantes do sector, que aseguran que esa forte baixada na produción marisqueira que desde hai moitos anos denuncian na ría de Arousa "xa é xeneralizada en toda Galicia". Os datos son "demoledores". A produción galega entre xaneiro e outubro, comparada coa media dos últimos 21 anos (entre 2003 e 2023) no mesmo período, acumula descensos por riba do 60% en todos os bivalvos.
A baixada da produción do berberecho este ano, en comparación coa media desde 2003, é do 76%; na ameixa vai desde o 74,3% da babosa ao 64% da rubia
A baixada da produción no caso do berberecho é do 76%, do 64% na ameixa rubia, do 67% na ameixa fina e do 74,3% na ameixa babosa. "Non estamos ante un descenso puntual deste ano, estamos ante unha desfeita progresiva e anunciada hai unha década, cunha administración sen iniciativa, que non aborda os problemas de fondo e tapa a crueza dos datos con eventos meteorolóxicos ou climáticos mediante os que elude as súas responsabilidades competenciais", denuncian PDRA e Plademar.
As dúas plataformas sinalan a Xunta como "responsable" por "non asumir as súas competencias e tomar medidas". Hai tempo que asistimos ao devalo progresivo do sector marisqueiro: en 2001 tiñamos en Galicia 6.551 permex (permisos de explotación) de mariscadoras/es e no ano 2022 temos 3.614. Perdéronse case a metade e tan só quedan o 55% dos que había a principios de século.
O sector alerta do posible "desmantelamento do modelo produtivo tradicional das rías" e a introdución da acuicultura industrial
"De seguir por este camiño, as mariscadoras e mariñeiros van procurar traballo en terra e poden darse as circunstancias que favorezan o desmantelamento do modelo produtivo tradicional das rías e que acabe introducíndose a acuicultura industrial. Pasaríamos do modelo tradicional familiar de autónomas e pequenas empresas a ser asalariados de multinacionais", advirten.
"O actual modelo tradicional da pesca, marisqueo e acuicultura de bivalvos ten unha compoñente estrutural para o territorio, a paisaxe, a imaxe e o sentimento de Galicia. A nosa paisaxe cultural ten implicacións socio-económicas transversais no conxunto da sociedade galega", din as plataformas, que xunto ao sector do mar (confrarías ou agrupacións de marisqueo a pé e a flote) demandan, de novo, varias medidas de urxencia.
O sector pide un plan de rexeneración ben dotado economicamente e un estudo rigoroso das causas da mortaldade e denuncia a resposta "simplista" da Xunta
A primeira delas, un plan de rexeneración "cunha forte dotación económica, pero non para introducir empresas foráneas que substitúan a xente do mar". "Precisamos que poidan traballar as mariscadoras/es e mariñeiros que polas actuais circunstancias están en paro biolóxico e/ou cese de actividade. Non apartar as mariscadoras das zonas de traballo e implicar os mariñeiros na recuperación das zonas, resolvendo os problemas administrativos entre a Xunta e o ISM para non atrancar a actividade da xente", explican, en referencia ás esixencias de doce meses de cotización nos dous últimos anos para solicitar unha prestación por cese de actividade por forza maior ou os problemas para financiar unha parada temporal de actividade.
Ademais, denuncian que menos da metade dos orzamentos de 2022 da Consellería de Mar para actuar nos bancos marisqueiros non foi executado e que nas contas do vindeiro ano as partidas descenden máis dun 60%.
Os colectivos demandan tamén un estudo independente e multidisciplinar. "A estas alturas debería estar feito. Só tendo unha análise rigorosa da realidade podemos debuxar os múltiples factores que interactúan no medio e afectan os bivalvos", din, que advirten dos cambios de temperatura, dun menor nordés ou do descenso de alimento nas rías para os bivalvos, que sofren "unha maior mortaldade como consecuencia da contaminación, da
transmisión de patóxenos e das baixadas de salinidade ocasionadas polo descontrol dos desencoros". "É a tormenta perfecta", quéixanse.
Para o sector do mar, a resposta da Xunta é "simplista" ao intentar "xustificarse" culpando de todo á temperatura da auga, as fortes chuvias ou o cambio climático cando "a realidade multifactorial é complexa". Así, piden "atllar a contaminación das fábricas, as EDAR e as minas" e ter "man firme" nas sancións a quen contamina e un maior control na situación dos ríos.
A función inspectora e sancionadora de Augas de Galicia é moi deficiente. Podemos afirmar que é unha
administración opaca que non é consciente de que tutela un ben público: a auga", rematan, para pedir unha administración "que non estea subordinada ás grandes empresas e ás eléctricas e que defenda os intereses públicos do conxunto da cidadanía".