Confrarías, mariscadoras, mariñeiros, colectivos sociais, sindicatos e asociacións profesionais volven lanzar un SOS sobre o declive do marisqueo e a importante caída da produción na ría de Arousa. Como levan facendo nos últimos anos, pero con cada vez maior desesperación, advirten do devalo da que presume ser a ría máis fértil do mundo, dun problema que non dá atopado solución mentres se incrementa o impacto social e económico para milleiros de persoas, toda unha comarca e Galicia.
Desta vez, foron a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e un total de 43 colectivos do mar os que se uniron para volver reclamar á Xunta "maior apoio, atención e coidado" en relación á súa "obriga legal e moral de protexer as rías" e á "necesidade de dedicar recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar e vixiar as condicións ambientais, os vertidos, a calidade da depuración das EDAR e a calidade das augas dos ríos que alimentan".
Máis de 40 colectivos piden á Xunta unha "rexeneración integral" das rías e dos bancos marisqueiros e un control efectivo dos vertidos
En rolda de prensa en Carril, insistiron en lanzar outro SOS á Xunta para unha "rexeneración integral das rías, un control efectivo dos vertidos e un plan de rexeneración urxente dos bancos marisqueiros" unhas medidas para as que reclaman "dotación económica" e un "estudo multidisciplinar que analice as causas desta alarmante deterioración progresiva". Ademais, advertiron sobre as supostas intencións do Goberno galego para favorecer e "instaurar un novo modelo produtivo que só favorece a intereses foráneos e minoritarios".
Un devalo produtivo na ría de Arousa e tamén en Galicia que ilustran cos datos da propia Consellería do Mar recollidos das lonxas e que indican, por exemplo, que a produción galega de ameixas do país (babosa, fina e rubia) reduciuse en dous terzos en 2022 con respecto á media dos últimos vinte anos (de 2002 a 2021). A de berberecho, pola súa banda, descendeu nun cuarto.
A produción de ameixa en Galicia caeu dous terzos respecto da media das últimas dúas décadas; na Arousa, a de babosa e rubia baixou máis do 70%
En vinte anos, por exemplo, e atendendo aos datos da Plataforma Tecnolóxica da Pesca da Consellería, a produción de ameixa babosa no conxunto de confrarías da ría de Arousa descendeu en case un 75% (-74,5%). Se en 2002 vendéranse 691 toneladas en todas as lonxas, o pasado ano a cifra baixou a 176, que é tamén moito menos que a media dos vinte anos anteriores, que ascendeu a 335.
A situación non foi moito mellor para a ameixa fina, cun descenso en dúas décadas de case o 50%, de 259 toneladas a 134; ou para a ameixa rubia, cunha baixada na produción de máis do 70% ao pasar das 317 toneladas en toda a ría de 2002 ás 93 do pasado ano e fronte a unha media de 143 nas dúas décadas anteriores.
No caso do berberecho, aínda que menos acusada, a caída da produción é de máis do 25% en vinte anos, con 28 toneladas en 2022 fronte ás 38 de vinte anos atrás ou as 48 dunha década antes.
"Das rías vivimos milleiros de familias e a súa actividade primaria é un motor socioeconómico para todo o tecido produtivo da contorna e de Galicia", explican os colectivos, que advirten das lóxicas perdas económicas. "Pérdese tamén a metade do valor da produción galega de 2022 das ameixas respecto á media de 2002-21, a pesar da tendencia alcista dos prezos nos últimos anos, como consecuencia da escaseza de produto", lembran.
As lonxas perderon case 26 millóns en 2022 con respecto á media dos vinte anos anteriores; en 2001 había 3.000 mariscadoras máis en Galicia
Segundo explican, tendo en conta os datos da Consellería e a diminución do valor do euro pola inflación, as perdas en lonxa do conxunto de Galicia en 2022 -en referencia á ameixa e ao berberecho- elévanse a 25,7 millóns de euros,14,1 na ría de Arousa. Ademais, destacan que en 2001 había en Galicia máis de 6.500 permisos de explotación (permex) de mariscadoras ou mariscadores fronte aos 3.614 do pasado ano. Na ría de Arousa, o descenso foi de case mil persoas, ao pasar das 2.621 aos 1.613, tal e como reflicten as estatísticas do IGE.
Desde os máis de 40 colectivos que denuncian a situación advirten que, paralelamente ao "abandono e desleixo das súas responsabilidades competenciais no referente á deterioración ambiental e produtiva do mar", a Xunta "dedicouse a aprobar un conxunto de normativas" que, aseguran, "constitúen unha andamiaxe legal encamiñada a recortar os nosos dereitos ambientais e favorecer, promover e axilizar diferentes iniciativas empresariais que son claramente lesivas para o ambiente e os sectores produtivos de Galicia".
Refírense á lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, á lei de avaliación ambiental, ao anteproxecto da lei de ordenación do litoral e ao anteproxecto da lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e sinalan as facilidades a proxectos como os de diferentes minas, o das fibras téxtiles de Altri, a acuicultura industrial ou numerosos parques eólicos.
Os 43 colectivos acusan a Xunta de aprobar "unha andamiaxe legal" para "favorecer" iniciativas "lesivas para os sectores produtivos de Galicia"
"Estes proxectos traerán máis contaminación aos ríos e ás rías e ocuparán o espazo marítimo tanto dos nosos caladoiros e das actividades pesqueiras como das actuais concesións marisqueiras e das bateas", denuncian, logo de asegurar que, na súa opinión, "o abandono do noso mar xunto á andamiaxe legal para furtar dereitos ambientais e cidadáns son dúas caras dun mesmo obxectivo: mudar o modelo produtivo sen que haxa un debate social sobre as consecuencias socioeconómicas e ambientais para o conxunto dos intereses maioritarios da sociedade galega".
"O novo modelo que se pretende instaurar favorece a intereses foráneos e minoritarios e crea menos
postos de traballo dos que destrúe", conclúen.