No ano 2008, aquel que rematou co estourido da gran crise financeira internacional, vendéronse nas lonxas da ría de Arousa algo máis de 2.000 quilos de berberechos. No pasado ano 2021 un foron apenas 166. Xa antes da pandemia, en 2019, quedaran en algo menos de 500 no que fora un máximo en practicamente unha década…
Este é só un síntoma do que está a acontecer nunha das rías emblemáticas do país, unha das máis relacionadas coa produción marisqueira. Non hai unha única causa, hai moitas, e hai un contexto que é o que buscamos no novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao.
Nos últimos días soubemos que dende a ría arousá, confrarías e profesionais do sector sinalan adxectivos como "dramática" ou "crítica" para definir a situación da que durante moito tempo foi presentada como a máis fértil do mundo. Por exemplo, 2020 rematou cunha produción dunhas 380 toneladas de ameixa babosa e en 2021 foron algo menos de 200. Isto supón, practicamente, un 75% por cento menos que unha década antes.
Con Miguel Pardo, autor dunha recente reportaxe sobre esta escaseza de marisco, repasamos as súas causas e consecuencias. Tamén escoitamos voces do sector como a de María José Vales, patroa maior de Vilanova, quen advirte de que a Xunta debe abordar a situación de maneira integral. Caso contrario, alerta, en pouco tempo a ría será unicamente un destino para o turismo.
Unha investidura pouco "normal"
No momento da gravación deste décimo cuarto episodio do Fálase, xa comezara o debate da investidura de Alfonso Rueda como sexto presidente da Xunta. Nese comezo da súa elección, Rueda fixo moito fincapé en presentar o que está sucedendo como algo "normal". Como un episodio de "normalidade extraordinaria", o marco que o PPdeG escolleu para tentar facer ver que a estabilidade política do país non se está vendo comprometida.
O certo é que nunca en toda a historia da autonomía tivera que celebrarse unha segunda investidura á presidencia da Xunta porque o primeiro elixido renunciase ao cargo. Se cadra, o precedente máis semellante en termos de alteración da normalidade fose a moción de censura que, en 1987, levou o socialista Fernando González Laxe á presidencia.
Rueda presentou a súa candidatura á Xunta nun marco de "normalidade", pero nunca en toda a historia da autonomía tivera que celebrarse unha segunda investidura porque o primeiro elixido renunciase ao cargo
De Albor, de Laxe, de Fraga de Touriño e, por suposto, de Feijóo, lembrouse Rueda nun discurso de investidura moito máis curto do que adoita ser habitual. No Fálase, da man de David Reinero, analizamos unha intervención que foi, sobre todo, continuísta e máis rico en metáforas xacobeas que en anuncios de novas políticas. Di Rueda que el é un novo "camiñante".
Neste episodio escoitamos a voz do novo presidente da Xunta e tamén as consideracións que o seu discurso obtivo nas filas nacionalistas e socialistas. Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG e líder do principal grupo da oposición, asegura que agora ten aínda máis claro que o cambio de ciclo político en Galicia xa está en marcha. Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, coincide con Pontón en cualificar a intervención como “autocompracente” e tamén viu as palabras de Rueda como “faltas de ilusión” e “doutra época, unha mensaxe retro”.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.