A produción marisqueira galega seguiu en mínimos en 2024 e acentuou a crise do sector

Bateas na ría de Arousa CC-BY-SA Xunta de Galicia

O ano 2023 foi o peor para as bateas da Ría de Arousa nas últimas décadas e a situación non mellorou en 2024: a produción mantívose no nivel máis baixo dende o 2007, con 100.000 toneladas menos que en 2018.

O ano 2023 foi o peor para as bateas da Ría de Arousa nas últimas décadas. A produción de mexillón caeu ao mínimo, unhas 178 mil toneladas, despois de moverse nos anos anteriores, entre 2014 e 2021 ao redor das 250 mil. Asociacións de produtores e entidades coma a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa levan tempo alertando sobre os efectos do cambio climático e o quencemento do mar, ademais do incremento da contaminación, unha análise na que inciden investigadores do CSIC.

Veñen de coñecerse agora os datos correspondentes ao pasado ano 2024 e a situación non é mellor. A produción de mexillón nas rías galegas mantívose no mesmo nivel que o ano precedente (178.813 toneladas, unha suba case imperceptible dunhas 700 toneladas), manténdose no nivel mínimo dende, cando menos, o ano 2007.

O valor económico da produción si aumentou, de 120 a 129 millóns de euros, pero fica lonxe do máximo histórico do ano 2022 (151 millóns). En todo caso, os valores empregan euros correntes, que refliten a influencia da inflación, e non euros constantes, polo que son dificilmente comparables aos de anos anteriores.

Este mércores membros da PDRA concentráronse en Vilanova de Arousa nun acto do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da nova conselleira do Mar, Marta Villaverde para denunciar a "situación de abandono da ría”, reivindicando o seu “saneamento e rexeneración”

O pasado mes de marzo, en conversa con Praza.gal, o voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, sinalaba que a situación que agora vive o mexillón -e que dende hai anos sofren outras especies máis sensibles- responde a problemas estruturais, que deben ser estudados en profundidade para chegar a un diagnóstico que asegure o futuro do sector

"Hai dous grandes problemas na Ría de Arousa, por un lado un menor afloramento de augas, e polo tanto menos alimento para o mexillón. E, pola outra, unha menor renovación das augas interiores da ría, o que fai que a contaminación e as verteduras de calquera orixe teñan un maior impacto", subliñaba, alertando das varias ameazas ambientais que pairan sobre a ría de Arousa e a súa produción marisqueira. Rubido reclamaba á Xunta a realización dun estudo independente e en profundidade "que aborde de forma integral toda esta problemática para facer unha diagnose e así adiantarnos ao problema". 

A produción conxunta das tres especies de ameixa, que ata o 2021 se moveu entre as 1.500 e as 2.000 toneladas, situouse nos tres últimos anos por debaixo das mil toneladas e en 2024 acadou un mínimo de 784

Aínda este mércores a PDRA concentrouse en Corón (Vilanova de Arousa), na visita ao Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da nova conselleira do Mar, Marta Villaverde. Os integrantes da plataforma denunciaron a "situación de abandono da ría”, reivindicando o seu “saneamento e rexeneración” e alertando dos efectos que tanto a planta de Altri coma a mina de Touro poden ter para as augas arousás.

O resto de bivalvos, tamén en mínimos

Os datos de 2024 non son positivos tampouco para as restantes especies de bivalvos que se producen nas augas de Galicia. A ameixa xaponesa e a ameixa fina acadan novos mínimos das dúas últimas décadas e a ameixa babosa medra un chisco, pero tamén se mantén nos peores datos dende o ano 2007.

A produción conxunta das tres especies de ameixa, que ata o 2021 se moveu entre as 1.500 e as 2.000 toneladas, situouse nos tres últimos anos por debaixo das mil toneladas e en 2024 acadou un mínimo de 784 toneladas.

O berberecho volveu rexistrar un novo mínimo de produción, caendo das 82 ás 56 toneladas, cifras moi cativas en relación aos datos anteriores a 2022, case sempre por riba das 400 toneladas

Tamén o berberecho volveu rexistrar un novo mínimo de produción, caendo das 82 ás 56 toneladas, cifras moi cativas en relación aos datos anteriores a 2022, case sempre por riba das 400 toneladas.

A ostra plana, a ostra rizada e a volandeira tiveron tamén un mal ano, pero con caídas menos pronunciadas que as restantes especies. A súa produción, en todo caso, atópase tamén no seu peor momento das últimas dúas décadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.