Ante a crise do mexillón en Galicia, o CSIC recomenda "medidas estratéxicas urxentes"

Mexillón das rías galegas © CSIC

En 2023 a produción experimentou "un forte descenso ata niveis non vistos desde finais do século XX". "As causas exactas aínda non están claras, pero crese que factores climáticos como o aumento da temperatura do mar, a acidificación oceánica e os cambios nos patróns de afloramento poden ser claves", sinalan os autores

O sector galego do mexillón sofre nos últimos anos unha importante crise. Á espera de coñecer os datos do ano 2024, que publicarán nunhas semanas, o ano 2023 marcou un mínimo na produción de mexillón nas rías galegas, con pouco máis de 178.000 toneladas, un descenso do 30% dende as cifras de 2021 (251.000 toneladas) e aínda máis lonxe do máximo acadado en 2018.

Neste contexto de preocupación polo futuro dun sector clave na economía galega, persoal investigador do CSIC vén de publicar un estudo na revista Aquaculture no que analiza as percepcións de 59 actores relacionados co sector mexilloeiro.

Na investigación, levada a cabo por Mario Soliño Millán, científico titular e xefe do grupo Ciencias Sociais Aplicadas a Recursos Mariños e Costeiros e Antonio Figueras Huerta, profesor de investigación no grupo Inmunoloxía e Xenómica, afóndase principalmente na preocupación existente pola situación e ameazas ambientais que sofren as rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa.

Neste contexto de preocupación polo futuro dun sector clave na economía galega, persoal investigador do CSIC vén de publicar un estudo na revista Aquaculture no que analiza as percepcións de 59 actores relacionados co sector mexilloeiro

A produción de mexillón foi clave para o desenvolvemento socioeconómico de varias comarcas, polo que a recente diminución da produción representa unha preocupación importante para as comunidades locais. Segundo datos da FAO, España é o terceiro maior produtor mundial de mexillón, despois de China e Chile (este último país, en crecemento), achegando o 44,59% da produción europea e o 9,98% da produción global. A maior parte da produción española corresponde a Galicia, que ten o 95% das bateas do Estado.

"A acuicultura do mexillón está ante unha situación ameazante. Aínda que a produción se mantivo estable durante os últimos 15 anos, en 2023 experimentou un forte descenso ata niveis non vistos desde finais do século XX. As causas exactas desta caída aínda non están claras, pero crese que factores climáticos como o aumento da temperatura do mar, a acidificación oceánica e os cambios nos patróns de afloramento poden ser claves", explican Soliño e Figueras.

Os autores anticipan que os datos de 2024 "son aínda peores e auguran anos difíciles para o sector". "Neste contexto de incerteza, é fundamental reflexionar sobre estratexias de mitigación para protexer a estabilidade económica e social da industria", explican

Os autores anticipan que os datos de 2024 "son aínda peores e auguran anos difíciles para o sector". "Neste contexto de incerteza, é fundamental reflexionar sobre estratexias de mitigación para protexer a estabilidade económica e social da industria. E é aí onde se enmarca este estudo", explican. 

O estudo levouse a cabo aplicando o método Q, que permite analizar cuestións cualitativas do comportamento humano. As unidades de análises non son os enquisados, senón un conxunto determinado de afirmacións, o que permite identificar diversos discursos sobre un mesmo tema. Iso permitiu recompilar por primeira vez afirmacións que expresan ideas, opinións, valores, preferencias ou crenzas sobre o mexillón en Galicia.

Bateas na ría de Arousa CC-BY-SA Xunta de Galicia

O estudo levouse a cabo aplicando o método Q, que permite analizar cuestións cualitativas do comportamento humano

Así, conformouse un conxunto de 30 afirmacións para tentar reflectir a diversidade e complexidade dos diferentes puntos de vista existentes. Estas afirmacións clasificáronse en tres dimensións: aspectos ambientais (11), aspectos socioeconómicos (11) e coñecemento en xeral (8).

Entre os aspectos ambientais, por exemplo, a afirmación de que a presenza de biotoxinas nos estuarios supón un grave perigo para a acuicultura do mexillón ou que as condicións naturais das rías galegas experimentarán cambios drásticos ao longo as próximas décadas. 

Entre os socioeconómicos, aparece a idea de que se a industria do mexillón colapsase, provocaría unha crise económica e social nas principais zonas de produción, como a Ría de Arousa ou que a industria conserveira utilizará, cada vez máis, mexillón non producido en Galicia. E na dimensión de coñecemento xeral que o mexillón galego se asocia a un produto de luxo ou gourmet ou que o sector mexilloeiro se enfrontará con graves problemas coa semente (implantación, preengorde e desdobre).

Mexillóns certificados pola denominación de orixe, nun punto de venda © Mexillón de Galicia

Os resultados apuntan cara a unha "grande inquedanza" sobre o futuro do sector, debido principalmente a factores ambientais que afectan á produción do cultivo

No estudo identificáronse varios discursos fundamentais, entre eles a necesidade de materia prima foránea, con preocupación polos cambios no afloramiento e problemas coa semente. Tamén a "gran preocupación" polos cambios en afloramento e problemas coa semente, así como por outros problemas ambientais (contaminación, enfermidades) e sociais (cambio xeracional, coñecemento científico-social). Destaca tamén o valor da "materia prima como distintivo", sinalándose que "o mexillón é unha fonte de saúde, e a orixe Galicia é distintivo de calidade", con preocupación tamén "pola contaminación das rías".

Os resultados apuntan cara a unha "grande inquedanza" sobre o futuro do sector, debido principalmente a factores ambientais que afectan á produción do cultivo, e tamén inclúen desafíos adicionais, tales como o impacto das especies invasoras ou os cambios socioeconómicos dentro do propio sector. 

"Os cambios ambientais ameazan os sistemas de produción. É necesario adoptar medidas estratéxicas urxentes que poidan asegurar o futuro do sector", conclúen os autores do estudo

En canto ás estratexias para adaptarse a eses cambios cabe citar unha maior orientación cara a mercados internacionais, a promoción do produto en base á denominación de orixe e a súa calidade asociada ou a promoción dos beneficios do seu consumo para a saúde.

"O estudo ofrece, por tanto, información práctica sobre riscos, oportunidades e estratexias para axudar a garantir a resiliencia do sector nunha era que se caracteriza tanto por unha incerteza ambiental como de mercado", din Soliño e Figueras, que avogan pola "necesidade de actuar para garantir a resiliencia da acuicultura do mexillón". "Os cambios ambientais ameazan os sistemas de produción. É necesario adoptar medidas estratéxicas urxentes que poidan asegurar o futuro do sector", conclúen.

Mexillóns con denominación de orixe galega © Mexillón de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.