A Ría, un tesouro en perigo

Mariscadoras na ría de Pontevedra © Club Ecoloxista IES de Poio

A Ría de Pontevedra, cunha extensión de 145 quilómetros cadrados e estando rodeada de seis concellos, é o principal motor económico da zona, proporcionando traballo a miles de persoas. As características das súas augas son o principal motivo da diversidade de especies mariñas que se atopan neste territorio. Por un lado, a súa forma adentrada na terra e chegando ata o río Lérez ofrece unha salinidade particular que, combinada coa concentración de sales minerais e plancton propios da zona, fan da ría un lugar único para o desenvolvemento de innumerables tipos de peixe e marisco. Así, os concellos colindantes á ría de Pontevedra gozan dunha tradición mariñeira e mariscadora que, en moitas ocasións, se foi trasladando de nais a fillas a través das xeracións.

A actividade  das mariscadoras viuse paralizada debido á alta taxa de mortalidade dalgunhas especies de marisco. A situación é unha das grandes preocupacións da veciñanza e induce á reflexión: está en perigo a nosa ría?

En concreto, no sector do marisqueo traballan na ría de Pontevedra 494 mariscadoras que pertencen as agrupacións de tres cofradías: San Telmo de Pontevedra, San Andrés de Lourizán e San Gregorio de Raxó.

Este ano a actividade laboral das mariscadoras viuse paralizada debido á alta taxa de mortalidade que sufriron algunhas especies de marisco, como o berberecho, a ostra e algúns tipos de ameixa despois das continuas tormentas que azoutaron o litoral galego. Actualmente, esta situación segue a ser unha das grandes preocupacións entre os veciños da ría e induce directamente á reflexión: está en perigo a nosa ría? 

Aínda que non nos deamos conta, o cambio climático é unha realidade que está sacudindo a nosa forma de vida e que afecta á principal actividade económica da comarca directa ou indirectamente. Na Ría de Pontevedra, a meirande parte das familias viven grazas ao sector mariñeiro e as mariscadoras son as máis afectadas polo cambio climático. Mais isto vai máis aló das mariscadoras. Ángel Moldes, alcalde do concello de Poio, afirma: “Se esas familias non teñen recursos non poderán gastar nos comercios, e polo tanto afectará ós donos e donas dos comercios”. 

Mariscadoras traballando na ría de Pontevedra © Club Ecoloxista IES de Poio

O quecemento global afecta ao marisco de múltiples maneiras: por unha parte, fai que a auga estea máis quente. Así o afirma Raquel, a presidenta do grupo de Mariscadoras a Pé da cofradía San Telmo: “A temperatura da auga aumentou entre un e dous graos nos últimos anos”. Por outro lado, tamén altera os fenómenos climáticos habituais e aumenta as probabilidades de sufrir episodios de chuvias torrenciais como os vividos durante o pasado outono. Isto afecta directamente á salinidade da ría e tradúcese nun cambio significativo do desenvolvemento das especies mariñas. 

 "A temperatura da auga aumentou entre un e dous graos nos últimos anos”. Xunto coas consecuencias do quecemento global, a contaminación é outros dos perigos que ameaza a supervivencia da actividade marisqueira na ría

En concreto, o marisco é un dos grandes prexudicados polo cambio climático xa que precisa dunhas condicións moi específicas para medrar e soamente logra sobrevivir en auga doce o tempo que tarda en abrirse. A pesar de que existen algunhas variedades que son capaces de vivir nun rexistro máis amplo de salinidade e temperatura, como a ameixa xapónica, esta alternativa non parece demasiado interesante dende o punto de vista gastronómico e económico. Neste contexto, o presidente da Asociación Pola Defensa da Ría, Antón Masa, recalca que o cambio climático non é o único motivo do quentamento da ría. “Hai dúas cuestións polas que se vai quentando a auga: unha é polos vertidos de ENCE que saen a unha temperatura moi elevada e fai que aumente a temperatura da ría. E logo hai outra razón evidente que é xeral en todo o planeta: o cambio climático global”.

Xunto coas consecuencias do quecemento global, a contaminación é outros dos perigos que ameaza a supervivencia da actividade marisqueira na nosa ría. 

Fai ben pouco, no mes de febreiro as mariscadoras de Pontevedra volvían denunciar a presencia de bacterias fecais na ría que lles impedía vender mexillóns frescos, de maneira que estes só se podían recoller para ser tratados de forma industrial. Este tipo de problemas relacionados coas verteduras de augas negras é algo moi frecuente, tal e como nos comentaba Noa Fontán Pérez, especialista en seguridade alimentaria e sostibilidade de ANFACO-CECOPESCA: ”Na ría estiveron a producirse problemas por unha bacteria fecal chamada E. Coli na zona de Poio, porque alí hai un caño que verte as augas fecais”.

Unha mariscadora pesa ameixa recollida na ría de Pontevedra © Club Ecoloxista IES de Poio

Segundo Ángel Moldes, as augas residuais urbanas de Raxó e Samieira deixarán proximamente de verter directamente ao mar a través das melloras no saneamento. Unhas melloras que consisten en conducir estas augas fecais á depuradora de Paxariñas, a cal será ampliada por parte de ACUAES, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. 

O alcalde de Poio resalta que as augas residuais de Raxó e Samieira deixarán proximamente de verter directamente ao mar. A APDR advirte: "Queda a contaminación de ENCE"

Este tipo de contaminación é unha das catro que destaca Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría: “Tamén pode haber pequenos talleres, pequenas empresas que estean contaminando por falta dunha depuración propia. (...) Hai outro tipo de contaminación chamada difusa, que vén por exemplo das parcelas agrícolas como de viñedos. O cultivo da vide require bastantes fitosanitarios que van ao chan, e cando chove a auga as arrastra e as leva aos ríos ou rías.” 

Paralelamente, recalca a contaminación a nivel industrial e a significante mellora que se deu nos últimos anos neste ámbito. “Conseguimos pechar a fábrica Tafisa, que estaba vertendo directamente ao Río Lérez. Así mellorou moito a calidade da auga deste río e da ría en xeral. Quitouse Elnosa tamén no 2018.” Isto liberou á Ría do mercurio e organoclorados (cloro con productos derivados da madeira) que, segundo afirma, vertían estas empresas. 

Por outra banda, indica que “queda a contaminación de ENCE, da celulosa, que basicamente é contaminación por materia orgánica, e polo tanto está diminuindo a calidade da auga e, entre outras cousas, o osíxeno disolto na auga que é fundamental para a vida animal e vexetal”.

A presenza de ENCE na ría é dende a súa instalación en 1958 un tema polémico que conta entre a poboación con defensores e detractores. 

Traballo de marisqueo na ría de Pontevedra © Club Ecoloxista IES de Poio

Por un lado, María Pilar Ramallo Vázquez, alcaldesa de Marín, afirma que a empresa cumpre coa normativa europea, reduciu moito os niveis de contaminación nos últimos anos e crea empregos de calidade. ENCE afirma “a biofábrica é hoxe un centro líder mundial en xestión ambiental dentro do sector da produción de celulosa. Grazas a tecnoloxía desenvolvida, a de Pontevedra é unha das dúas únicas biofábricas de pasta de papel de Europa que produce pasta de celulosa de eucalipto totalmente libre de cloro”. 

ENCE subliña que produce "pasta de celulosa de eucalipto totalmente libre de cloro" e conta coa certificación 'Residuo Cero'

Ademais, na empresa explican que é un proceso respectuoso co medio ambiente, que cumpre con creces as normas ambientais europeas máis estritas. “Neste proceso xérase a enerxía renovable necesaria para a produción de celulosa, material co que se fabrican produtos reciclables que contribúen ao desenvolvemento da economía circular.” Tamén indican que a biofábrica de Celulosa de Ence en Pontevedra conta coa certificación “Residuo Cero” que outorga AENOR a aquelas organizacións que levan a cabo unha xestión eficiente dos seus residuos e que son capaces de valorizalos. Por todo isto, chegan á conclusión que pode e debe quedar onde está situada.

Por outro lado, existen outras voces que opinan diferente. Alberto Oubiña, o concelleiro de urbanismo de Pontevedra, afirma: “Esta empresa que está situada en lugar de dominio público marítimo-terrestre ten que saír de aí. (...) É un problema urbanístico, ao estar en espazo público; un problema económico, ao recibir beneficios moito por enriba do que lles correspondería; e un problema medioambiental por todo o que están facendo con toda a “eucaliptización” do territorio.” O monocultivo de eucalipto esxtendido polos nosos montes para esta fábrica é moi perxudicial, esta árbore consome moita auga e arde con facilidade; segundo explica Alberto, ao cabo de catro plantacións no mesmo terreo, este desertízase e deixa de ser produtivo.

ENCE "é un problema urbanístico, económico e medioambiental", di o concelleiro de Urbanismo de Pontevedra

Neste eido, Antón Masa engade que a presenza de ENCE interfire directamente na creación de postos de traballo asociados á ría e que “o fundamental é recuperar o futuro que se perdeu cando chegou a celulosa. Daquela había arredor de 15.000 persoas vivindo do marisqueo e da pesca de baixura na ría”. Galicia é terra de mariñeiros e mariscadoras, de abundancia, de diversidade e de calidade dos produtos. Recuperaríamos o mellor banco marisqueiro da Ría e as praias urbanas de Pontevedra se a planta de celulosas de Lourizán marchara, explica Antón Masa. Tal e como afirma Raquel Gómez: “É a nosa terra, tanto os montes como a Ría. É o noso tesouro.” 

Que camiño deberíamos tomar para conservalo? Antón Masa responde “hai que parar con este crecemento imparable da sociedade para ir a unha sociedade do postcrecemento, onde se gaste menos enerxía pero mellor.” Tamén remarca que unha sociedade así só é posible facendo certos sacrificios e tendo en conta que os recursos do noso entorno son finitos. A sociedade actual debe valorar os recursos globais e evitar o seu malgaste. Pero, a que estamos dispostos a renunciar? 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.