A empresa que ocupa terreos gañados á ría e impulsa o monocultivo do eucalipto é presentada pola conselleira de Medio Ambiente como "exemplo" de "compromiso" coa sostibilidade
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o director de Ence en Galicia, Antonio Casal, asinaron este luns a incorporación desa empresa á Alianza galega polo clima, un pacto que conta xa coa adhesión de 95 entidades que din apostar pola loita contra o cambio climático. No caso de Ence, a conselleira puxo a empresa como "exemplo" de "compromiso co desenvolvemento dun modelo produtivo integrado que segue os criterios de sostibilidade máis esixentes a nivel interncional", salientando para iso que a empresa conta con diversas certificacións de sostibilidade.
Para formar parte da Alianza galega polo clima as entidades que o desexen deben asinar un Memorando de entendemento que entre outras cousas salienta "a importancia de garantir a integridade de todos os ecosistemas, incluídos os bosques, o océano e a criosfera, e a protección da biodiversidade".
No caso de Ence, a Xunta obviou ao publicitar o acto deste luns o feito de que a empresa aséntase en Pontevedra en terreos gañados ao mar, o que podería incumprir o punto do pacto que proclama "a integridade do océano". Tampouco dixo nada o Goberno galego sobre que o pacto aposte pola "protección da biodiversidade" mentres o modelo de negocio de Ence baséase no monocultivo do eucalipto.
Fronte a estes feitos, este luns a conselleira de Medio Ambiente asegurou que incorpora a Ence á Alianza galega polo clima "na busca de dar exemplo e concienciar das consecuencias que a acción humana ten sobre o clima".