O pasado febreiro o Tribunal Supremo anulou a sentenza da Audiencia Nacional que declarara ilegal a prórroga concedida polo Goberno do PP de Mariano Rajoy en funcións a Ence (2016) para permanecer nos terreos públicos que ocupa na beira da ría de Pontevedra ata 2073. Isto é, ata un total de 115 anos dende a concesión inicial, que a pasteira, privada dende 2001, recibiu como empresa estatal da ditadura a finais dos anos 50 do século pasado.
O Supremo comunicou esta semana que o pasado xuño xa rexeitou as peticións de nulidade interpostas polo Estado e o Concello de Pontevedra contra a sentenza na que avalou a prórroga da pasteira concedida polo Goberno do PP de Rajoy en funcións
Dende pouco despois do aval, o Concello de Pontevedra, Greenpeace a Asociación pola Defensa da Ría, que recorreran a prórroga na Audiencia, amosaran a súa vontade de seguir litigando. A primeira parada desa nova tentativa era o propio Tribunal Supremo, que como agardaba as partes vén de reafirmarse no seu aval á celulosa. O Tribunal Constitucional e, sobre todo, a Unión Europea son as seguintes paradas dun litixio que se prevé prolongado e no que a vertente europea pode acabar sendo clave, tal e como transloce no último -e neste caso, derradeiro- pronunciamento do Supremo.
O auto da sección quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, ditado o pasado 21 de xuño e comunicado o día 4 deste mes de xullo resolve negativamente sobre senllos incidentes de nulidade formulados contra a sentenza que avalou a permanencia de Ence. Trátase dos formulados polo Concello de Pontevedra, que ten dende a pasada primavera un equipo xurídico traballando na cuestión, e mais pola Avogacía do Estado.
O Tribunal nega "indefensión" e asegura que neste caso non é aplicable a directiva europea que obriga a sacar a concurso prórrogas coma esta, unha norma da UE que se presenta como clave na resolución final do litixio
Segundo recolle o propio auto, "o que se reprocha pola partes" que pedían anular a sentenza, neste caso os gobernos local e estatal, "céntrase en dúas materias": como a sentenza se refire ao momento en que o Goberno de España deixou de defender a permanencia de Ence na ría nos tribunais -así o fixo en 2019, poucos meses despois da saída de Rajoy do Goberno- e que o Supremo tomou a decisión sen "examinar a legalidade" da prórroga "á vista do establecido no Dereito comunitario". Este segundo argumento pode ser especialmente relevante no futuro.
Sobre a primeira cuestión, a Sala limítase a afirmar que a Avogacía do Estado puido intervir "en todos os actos do proceso" e non sufriu "indefensión ningunha", polo que non cabe a nulidade por esa vía. O segundo argumento ten que ver, reproduce, con que "a sentenza non examina a legalidade" da prórroga de Ence "conforme ás esixencias da Directiva Europea de Servizos no Mercado Interior. O Supremo tamén o rexeita porque, indica, Ence se rexeu no seu momento polo réxime transitorio da Lei de Costas de 1988, referido a ocupacións de terreos públicos na beira do mar concedidos antes da propia lei.
Segundo o alto tribunal español, "resulta patente" que a esas concesións só podían acceder quen xa ocupaban a costa, porque cabía a posibilidade dunha prórroga ou da extinción. E por iso "non procedía a apertura dun proceso de libre concorrencia", dun concurso público aberto a outras empresas que puidesen estar interesadas, neste caso, en operar en Lourizán.
Valoración do Concello e percorrido europeo
Lores ratifica que se o Constitucional non frea a prórroga "iremos aos tribunais da UE". Alí, o caso Ence atoparíase cun precedente que obrigou a sacar a concurso prórrogas na costa italiana mentres a Comisión Europea advirte a España con sancións se non aplica ese precepto
O aval definitivo do Supremo a Ence non sorprendeu no goberno local de Pontevedra. "Sabiamos que estaba atado e ben atado, pero era un paso que había que dar", resume o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores". O TS, razoa, non se ía "emendar a si mesmo" e por iso "agradece" que fose "áxil" en resolver e o fixese de maneira "concisa", porque así xa queda aberto o paso para "presentar recurso ante o Tribunal Constitucional" e facelo "en breve". Se o Constitucional -ante o que tamén recorrerá Greenpeace- non ditamina de maneira favorable, avanza, "imos ir aos tribunais da Unión Europea". A Xunta, pola súa banda, instou o goberno local pontevedrés a deixar de litigar e admitir a permanencia de Ence.
No caso de chegar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o Concello de Pontevedra -e eventualmente, o Estado- atoparíanse con precedentes como a sentenza ditada o pasado abril sobre unha prórroga de concesións de terreos costeiros na costa italiana do mar Xónico. Nese ditame, o TSXUE deixou claro que a Directiva de 2006 "impón" a "obriga" de que concesións coma estas sexan, sen excepción, adxudicadas cun proceso "imparcial e transparente" e nunca directamente. E por iso, enfatizaba, calquera Administración da UE debe "deixar inaplicadas as disposicións nacionais" que digan o contrario", un deber que atinxe a todos os "órganos xurisdicionais e autoridades administrativas".
A argumentación do Tribunal de Xustiza da UE naquel caso era practicamente idéntica á empregada pola Comisión Europea o pasado febreiro para iniciar un procedemento de infracción contra o Reino de España precisamente porque a Lei de Costas non garante "un procedemento de selección aberto, transparente e imparcial" nas concesións de terreos públicos no litoral. A lei española "tamén permite ampliar a duración de tales concesións" ata 75 anos "sen procedemento de selección ningún" e iso tamén "infrinxe" a Directiva, advertía.
Ao facer pública a existencia dese procedemento contra España, a Comisión Europea non mencionaba ningún caso concreto. Pero si exemplificaba que destas concesións se benefician "restaurantes, agrogranxas, empresas papeleiras ou químicas, etc.". A única empresa papeleira actualmente situada no dominio público marítimo-terrestre do Estado español é a planta de Ence na ría de Pontevedra.