Medio Ambiente xa admitira que carece dos informes anuais de seguimento do 'pacto ambiental' asinado en 2016 coa empresa, que o PP deu por incumprido hai un ano, e agora di que tamén son "inexistentes" as actas das reunións
Desde 2017 a Xunta participa nunha comisión ou comité de seguimento conformada por dous representantes da Consellería de Medio Ambiente e outros dous de Ence que supervisa como esa empresa reparte 3 millóns de euros ao ano en subvencións a arredor de 300 entidades de Pontevedra. O pasado marzo o delegado provincial da Xunta e agora presidente da Deputación, Luis López, mesmo gabou a "celeridade" dese comité na convocatoria deste ano, que vén de ser resolta hai un mes. Porén, agora a consellería revela, en resposta a unha petición oficial de transparencia formulada por Praza.gal, que non levanta actas das reunións desa comisión que supervisa como se reparten os cartos.
A resposta oficial da Xunta chega despois de que hai un ano, no inicio da precampaña das eleccións municipais, o PP de Pontevedra denunciase o incumprimento do denominado pacto social de Ence coa cidade e a paralización das subvencións. Agora, retomadas esas axudas novamente para este 2023 unha vez confirmada polo Tribunal Supremo a concesión de Ence na ría, o Goberno galego gaba, na súa resposta oficial, a "intensificación do cumprimento dos compromisos" por parte da empresa. Faino malia que hai ano e medio a Xunta tamén aseguraba carecer dos informes anuais de seguimento do pacto contemplados no propio acordo.
Tras a polémica prórroga da concesión de 2016 Ence repartiu 3 millóns ao ano a diversas entidades en 2017, 2018 e 2019, pero parou mentres a xustiza puxo en cuestión a súa continuidade e agora, tras o aval do Supremo, vén de retomar as subvencións
A figura dos pactos ambientais é un acordo voluntario ao que unha empresa pode chegar coa Xunta para planificar diversas actuacións. Ao longo dos anos a Xunta asinou varios e o de Ence concretouse despois de que a comezos de 2016 a empresa obtivese a polémica prórroga da súa concesión en Pontevedra por parte do Goberno en funcións de Mariano Rajoy. O Goberno galego publicitouno como unha caste de compensación ou beneficio da empresa á sociedade pontevedresa e galega en xeral.
Entre outras actuacións, ese pacto social plasmouse no reparto de 3 millóns de euros anuais en subvencións que chegaron en 2017 a 226 entidades da cidade e a contorna, en 2018 a 296 entidades e en 2019 a 282. Nos seguintes anos, coincidindo co preito sobre a legalidade ou non da concesión de Ence, a empresa deixou de repartir cartos, á espera de que se aclarase o seu futuro. Pero tras facerse pública o pasado 7 de febreiro a sentenza do Supremo favorable á concesión retomáronse as subvencións. E mes e medio máis tarde a propia Xunta publicitaba a convocatoria de axudas gabando a "celeridade" do comité de seguimento das mesmas do que forma parte xunto coa empresa.
Nese momento Praza.gal formulou unha petición oficial de transparencia para ter acceso ás actas dese comité que supervisa o reparto dos cartos, pero a resposta da Xunta chega aínda agora, medio ano despois e tras pedirlle explicacións a Valedora do Pobo polo seu silencio previo. E o que di Medio Ambiente é que no pacto ambiental con Ence "non se recollía a obrigatoriedade de recoller en acta o contido das xuntanzas que se produciran no seo do comité, de maneira que as actas respecto das que se fai expresa solicitude de acceso resultan materialmente inexistentes".
Xa que logo non hai actas que deixen constancia do funcionamento dun comité ou comisión de seguimento que segundo as bases das convocatorias de subvencións ten entre os seus cometidos establecer esas propias bases fixando os criterios de reparto dos fondos, autorizar o traspaso de cartos non gastados de unhas a outras das seis liñas de actuación das axudas, pedir aclaracións ás entidades solicitantes ou autorizar de xeito excepcional axudas por riba do máximo de 60.000 euros previsto para cada subvención.
Non hai maneira de contrastar polo tanto cun documento oficial o xeito en que se repartiron nin os 3 millóns de euros anuais de 2017, 2018 e 2019 nin os deste 2023, que chegaron desta volta a un total de 306 entidades e particulares, con 200.000 euros para axudas veciñais, 530.000 para loita contra a exclusión social, 400.000 para recuperación e coidado da contorna, 300.000 para educación e cultura, 600.000 para emprendemento e innovación e 900.000 para deporte de base. As listaxes de persoas e entidades beneficiadas feitas públicas por Ence, enlazadas neste parágrafo e reproducidas no gráfico que acompaña esta información, tampouco indican o importe concreto recibido por cada unha. No caso das persoas físicas, Ence desvela os seus nomes completos pero Praza.gal optou por anonimizalas para reproducir as listaxes ao constatar que entre elas pode haber menores de idade.
A Xunta xustifica agora que Ence deixase en suspenso as subvencións mentres durou a indefinición xudicial da súa concesión, paralización que foi criticada hai un ano polo PP local
Ao tempo que nega a existencia de actas, na súa resposta a Xunta salienta que o pacto ambiental con Ence permitíalle deixar en suspenso a súa execución mentres durou a indefinición xudicial sobre a súa concesión, cuestión que foi criticada hai un ano polo PP local. Tamén di que, tras a sentenza do Supremo avalando a súa continuidade na ría, a empresa "comezou un proceso de intensificación do cumprimento dos compromisos", como o reparto das subvencións anuais, a mellora ambiental da súa fábrica, a ampliación da depuradora dos Praceres ou a creación dun centro de investigación forestal.
Porén, á inexistencia de actas sobre o reparto das subvencións súmase á inexistencia tamén dos informes anuais de seguimento da globalidade do pacto ambiental da Xunta con Ence. O propio pacto establecía que a súa comisión de seguimento "ao final de cada exercicio económico, elaborará e publicará un informe sobre os logros, grao de satisfacción e retorno obtidos co funcionamento do programa marco no exercicio inmediatamente anterior”.
O novo reparto de subvencións sen actas oficiais chega ao tempo que o Concello de Pontevedra vén de levar a concesión de Ence a un seguinte nivel, o Tribunal Constitucional, e mentres a UE investiga a España por como outorga esas prórrogas
Eses informes foron solicitados tamén formalmente a través doutra petición oficial de transparencia previa, pero a comezos do pasado ano a mesma Consellería de Medio Ambiente respondía que nos seus arquivos “non consta a existencia dos devanditos informes, descoñecendo que outro órgano podería albergar competencias sobre a información solicitada”.
A nova resposta da Xunta na que gaba a "intensificación" dos investimentos da empresa na súa contorna logo de ver avalada a súa concesión polo Supremo chega ao tempo que o Concello de Pontevedra vén de levar o caso a un seguinte nivel, o Tribunal Constitucional. Mentres, a Comisión Europea investiga a España desde hai meses por impedir a competencia nas concesións litorais, un expediente no que a propia UE puxo como exemplo as "empresas papeleiras".