O Goberno galego asinou en 2016 un acordo con Ence polo que a pasteira actuacións ambientais e axudas sociais, pero nunca lle fixo seguimento e agora o candidato do PP en Pontevedra critica que non se estea a cumpri
En 2016 a Xunta e Ence asinaron un acordo polo que a empresa se comprometía a realizar determinados investimentos ambientais e sociais na comarca de Pontevedra. Entre eles incluía o gasto “de ata 3 millóns de euros anuais” nun plan de responsabilidade social corporativa con becas, axudas a investigacións ou realización de proxectos. Este mércores o presidente do PP na cidade e candidato á alcaldía, Rafael Domínguez, denunciou que “desde 2019 non se volveu convocar este plan, o que deixou nunha situación moi comprometida a moitas asociacións”.
A denuncia do incumprimento de Ence por parte do PP de Pontevedra chega oito meses despois de que Praza.gal desvelase que a Xunta nunca fixo o seguimento do cumprimento dese acordo ao que ela mesma se obrigara.
O acordo de 2016 incluía como obriga da Xunta a realización dun informe anual sobre o grao de cumprimento do mesmo. Praza.gal solicitou ao amparo da Lei de Transparencia os sucesivos informes anuais de cumprimento do acordo, pero a Consellería de Medio Ambiente, a asinante do acordo e a que se comprometía a supervisalo, respondeu de xeito oficial que non lle consta a existencia deses informes de seguimento e mesmo que descoñece “que outro órgano podería albergar competencias sobre a información solicitada”.
O acordo asinado en 2016 xa non está vixente e Medio Ambiente di que non lle consta ningún informe de seguimento do mesmo nin sabe quen o podería ter
Aquel acordo, de feito, xa figura como non vixente na base de datos de convenios da Xunta. Cando foi asinado en 2016 a propia Xunta asegurou que a empresa se comprometía a destinar “preto de 200 millóns de euros nos próximos catro anos” a actuacións tanto ambientais como sociais. O acordo asinado e a base de datos de convenios, pola súa banda, fixan en cinco anos a súa vixencia, que rematou en xullo de 2021.
Sen acordo vixente e sen que a Xunta nunca supervisase o seu cumprimento, este mércores o candidato popular criticou que “desde 2019 non se volveu convocar este plan, o que deixou nunha situación moi comprometida a moitas asociacións, federacións ou clubs de base” e que “algunhas atravesan agora situacións difíciles sen esta axuda esencial”. A empresa, dixo Domínguez, segundo recolle Pontevedraviva.com, “rompeu o seu compromiso”.
Cando a empresa anunciou as axuda, diversos colectivos pontevedreses contrarios á permanencia da factoría da empresa na ría xa amosaran o seu rexeitamento a recibir eses cartos
Domínguez reclama agora que Ence “retome de xeito inmediato o plan social” xa que “neste momento a empresa non ten ningunha desculpa para non poñelo en marcha de novo”. “Non hai unha data concreta para o recurso sobre a prórroga de Ence”, incidiu, en referencia á decisión que o Tribunal Supremo ten que tomar sobre se ratifica ou corrixe a sentenza da Audiencia Nacional que obrigaría á factoría a retirarse da ría.
No seu momento, cando a empresa anunciou as axudas, diversos colectivos pontevedreses contrarios á permanencia da factoría da empresa na ría xa amosaran o seu rexeitamento a recibir eses cartos e instaron ao resto a non pedilas.