O pasado 7 de febreiro o Tribunal Supremo cambiou de vez o futuro da ría de Pontevedra ao avalar a prórroga da concesión de Ence na ría de Pontevedra outorgada en 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy ata 2073, que fora anulada inicialmente pola Audiencia Nacional por considerar que o Executivo non argumentara por que unha instalación así ten que asentarse en terreos públicos do litoral.
A mobilización, que partiu ás 12 do mediodía das alamedas de Marín e Pontevedra, reuniu centos de persoas procedentes de toda a comarca
A prórroga, que estendería cincuenta anos máis a presenza da planta de celulosas en Lourizán, está pendente iso si dos recursos presentados por Greenpeace ou o Concello de Pontevedra ante o Tribunal Constitucional. De igual xeito, a controvertida decisión xudicial segue a ser contestada nas rúas, cunha nova marcha este domingo convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR).
BNG: “Na sentenza do Tribunal Supremo pesaron máis os intereses económicos de ENCE e as portas xiratorias que a lexislación vixente"
A mobilización, que partiu ás 12 do mediodía das alamedas de Marín e Pontevedra, reuniu centos de persoas procedentes de toda a comarca e finalizou ante as instalacións de ENCE en Lourizán ao berro de "non renunciamos a un futuro sen ENCE na ría". Ao seu remate, celebrouse un xantar, con prezos populares, na Alameda de Pontevedra.
O comunicado final da Marcha foi lido por Jorge Rodríguez, director do equipo redactor dun estudo, realizado pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña en colaboración coa APDR e o Concello de Pontevedra, que analiza as posibilidades de recuperación do espazo ata agora ocupado por ENCE na ría.
Na marcha tivo unha presenza destacada o BNG, cunha faixa na que se podía ler "En defensa da nosa ría. Ence fóra, xa!", e que lideraba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, destacou que "a recuperación plena da nosa ría é un obxectivo prioritario do BNG e da maioría da sociedade pontevedresa".
Greenpeace: "seguiremos marchando e berrando ata botar a Ence da ría"
Así mesmo, Carme da Silva denunciou que “na sentenza do Tribunal Supremo pesaron máis os intereses económicos de ENCE e as portas xiratorias que a lexislación vixente e o dereito que temos como sociedade a recuperar a ría”. De igual xeito, Greenpeace destacou que "seguiremos marchando e berrando ata botar a Ence da ría". Activistas da entidade ecoloxista, cunha faixa que defendía o carácter de "espazo natural" do litoral, defenderon "un futuro para a ría de Pontevedra".
As "razóns" da mobilización
"Este novo escenario non supón o fin da loita, nin moito menos", di a APDR, que confía aínda en decisións xudiciais que impidan a prórroga de ENCE
Nas últimas semanas a APDR foi debullando as "razóns" para esta nova mobilización, sinalando que "poida que haxa quen se pregunte se despois da sentenza do TS ten sentido realizar unha nova Marcha contra Celulosas", destacando que para a asociación "este novo escenario -sen dúbida máis incerto que o existente con anterioridade á sentenza– non supón o fin da loita, nin moito menos".
Ademais, a APDR subliña que "a nosa loita pola recuperación da Ría ten moito que dicir pola vía da mobilización social"
A entidade salienta que, primeiro, "falta por decidir sobre o procedemento promovido pola nosa Asociación, e non se pode descartar unha sentenza favorábel do TS". E, en segundo lugar, incide en que "a sentenza do TS ten aínda un amplo percorrido xurídico e administrativo" e que "neste sentido, o voto particular emitido por unha das maxistradas que facían parte da sá, aporta moitos criterios para enfocar os recursos diante do Constitucional e nos tribunais europeos". Así mesmo, lembra que "o expediente incoado ao Estado español pola UE polo xeito de outorgar as prórrogas ás concesións en dominio público marítimo-terrestre -que inclúe de forma explícita a concedida a ENCE- abre unha porta á revisión da sentenza do TS".
A APDR salienta que Pontevedra "ten dereito a recuperar o seu medio ambiente, a súa economía e a súa saúde e calidade de vida"
"A nosa loita pola recuperación da Ría ten moito que dicir pola vía da mobilización social, unha vía que na APDR temos considerado sempre fundamental e que deixa ver un panorama moito máis optimista do que alguén poida pensar", conclúe a APDR. A asociación destaca que "con esta nova marcha queremos reivindicar o noso dereito a ese futuro; queremos deixar claro que nós non renunciamos a recuperar o futuro que a Ría de Pontevedra merece e precisa e que, neste sentido, ningunha decisión xudicial arbitraria e inxusta como a recentemente ditada polo Tribunal Supremo nos vai impedir seguir loitando na defensa dos nosos dereitos".
Pontevedra "ten dereito a recuperar o seu medio ambiente, a súa economía e a súa saúde e calidade de vida", di a APDR
A APDR salienta que Pontevedra "ten dereito a recuperar o seu medio ambiente, a súa economía e a súa saúde e calidade de vida". E fai fincapé na posibilidade, ata agora negada, da "explotación racional das infinitas potencialidades da Ría" e da "diversificación dos usos dos montes da comarca, hoxe estragados pola política forestal deseñada pola Xunta en beneficio exclusivo de ENCE".