Inés Rey completa na Coruña o cartel do PSdeG para as municipais nas cidades galegas

Inés Rey, candidata do PSdeG na Coruña, tras coñecer os resultados das primarias Dominio Público PSOE A Coruña

O taboleiro urbano do PSdeG para 2019 xa está completo. A avogada Inés Rey será a candidata do partido á alcaldía da Coruña tras se impoñer por máis marxe do inicialmente previsto a quen ata este luns foi voceiro municipal, José Manuel García. Cunha participación próxima ao 80%, 215 militantes optaron por Rey, considerada dun sector máis progresista da formación, mentres que 178 apoios foron para García, con máis vinculacións coa actual dirección dos socialistas coruñeses, se ben dirixentes da contorna dos anos de goberno de Francisco Vázquez deron en apoiar a Rey.

Inés Rey tivo 215 votos fronte aos 178 obtidos por García, considerado máis afín á actual dirección do PSOE coruñés, quen dimitiu este luns como voceiro municipal e concelleiro

A xa candidata socialista a María Pita admitiu nas súas primeiras declaracións como tal que a súa primeira tarefa será tentar "coser" internamente o partido, procurar a unidade, pero tamén advertiu de que o seu será un proxecto "renovado" tras anos, mesmo lustros de tensións internas. A primeira disxuntiva será decidir quen ocupará a portavocía municipal, toda vez que Inés Rey, tamén próxima á dirección provincial, non é actualmente concelleira. Si hai membros do grupo do PSdeG no Concello máis próximos a ela que quen foi o seu opoñente na segunda volta das primarias, edís a priori máis proclives, por exemplo, ao entendemento coa Marea Atlántica. García aproveitou a súa intervención no pleno extraordinario desta mañá para anunciar a súa dimisión: "É a derradeira vez que me vou dirixir a este pleno como concelleiro; foi unha honra", dixo.

Rey é así a segunda candidata da historia do partido na cidade tras Mar Barcón -afín a García- e únese a un taboleiro urbano ao que tamén chegaron pola vía da votación da militancia, pero en primeira volta -por obteren no primeiro intento máis da metade dos votos-, os xa candidatos en Ferrol e Ourense, Ángel Mato e José Ángel Vázquez Barquero. Rey e Mato teñen diante de si o reto de tentaren recuperar espazo electoral perdido en 2015 fronte ás gobernantes Marea Atlántica e Ferrol en Común.

Rey (A Coruña), Méndez (Lugo), Barquero (Ourense), Fernández (Pontevedra), Bugallo (Santiago), Caballero (Vigo) e Mato (Ferrol)

Non se celebraron primarias por haber só unha candidatura en Vigo e Lugo, onde o PSdeG goberna, e mais en Santiago, Ourense e Pontevedra

O mesmo lle sucede en Santiago ao ex-rexedor Xosé Sánchez Bugallo, candidato sen primarias tras lograr un pacto previo co sector encabezado por Gumersindo Guinarte, decano da facultade de Dereito da USC e antigo alto cargo da Presidencia da Xunta con Emilio Pérez Touriño. Bugallo xa advertiu nas últimas semanas que só permanecerá na corporación da capital galega ata 2023 no caso de lograr o bastón de mando. Se non consegue volver ser alcalde marchará, admitiu, se ben agregou que se Compostela Aberta volve ser a forza máis votada non impedirá que Martiño Noriega continúe na alcaldía.

Tampouco houbo primarias en Pontevedra, onde recunca Tino Fernández, nin nas dúas cidades actualmente gobernadas polo PSdeG. En Vigo non existían dúbidas a respecto de Abel Caballero como candidato e en Lugo será cabeza de cartel por primeira vez a actual alcaldesa da cidade, Lara Méndez, que na recta final do mandato xa fixo explícita a súa vontade de "continuar" o labor iniciado en 2015, cando remudou a Xosé López Orozco no marco dos acordos de investidura coas demais forzas da esquerda na corporación, que esixían a marcha do ex-alcalde para dar o seu apoio ao PSdeG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.