Barquero e Mato serán os candidatos do PSdeG en Ourense e Ferrol; na Coruña haberá segunda volta

Un momento da votación das primarias do PSdeG-PSOE, este domingo na Coruña © PSdeG-PSOE A Coruña

José Ángel Vázquez Barquero e Ángel Mato serán os candidatos do PSdeG-PSOE ás alcaldías de Ourense e Ferrol nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Os dous impuxéronse nas primarias que o partido celebrou este domingo. Mentres, na Coruña José Manuel García e Inés Rey terán que acudir a unha segunda volta, que terá lugar o vindeiro domingo. Foron os máis votados, pero non acadaron o 50% necesario para ser designados candidatos.

Na cidade herculina votaron un total de 392 persoas do total de 552 que estaban convocadas. José Manuel García obtivo 143 votos, Inés Rey recibiu 96, Rafael Arangüena levou 81 e Juan Ignacio Borrego ficou con 70. Nos vindeiros días Arangüena e Borrego terán que decidir se ofrecen o seu apoio a Ines Rey fronte á candidatura de José Manuel García, portavoz municipal e apoiado por Mar Barcón.

En Ourense José Ángel Vázquez Barquero derrotou con claridade a Elena de Prada, por 251 votos (57,8%) fronte a 164 (37,8%). Na carreira das primarias Antón Alonso retirárase para apoiar a De Prada.

En Ferrol o senador Ángel Mato impúxose a Germán Costoya obtendo 145 votos (o 58,5%) fronte aos 101 do seu rival (40,7%). Nos últimos días o terceiro aspirante, Antonio Golpe retirou a súa candidatura e integrouse na de Mato, finalmente gañador.

Vázquez Barquero e Mato únense así aos outros catro candidatos socialistas nas sete cidades galegas. Abel Caballero e Lara Méndez tentarán manter a Alcaldía, mentres que en Pontevedra o candidato será Agustín Fernández e en Santiago de Compostela o ex rexedor Xosé Sánchez Bugallo volverá á primeira liña, encabezando a lista.

 

Ángel Mato, candidato do PSdeG-PSOE en Ferrol © Praza Pública
José Ángel Vázquez Barquero, candidato do PSdeG-PSOE en Ourense © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.