O PP da Coruña di que o alcalde ten "a culpa" dun aumento das violacións na cidade

Pleno no Concello da Coruña este 1 de abril © Concello da Coruña

A Coruña será o epicentro dunha das principais batallas electorais das eleccións municipais en Galicia. Dende que en 2015 perdeu o poder tras gobernar a cidade por primeira vez con Carlos Negreira á fronte, o PP situou o goberno da Marea Atlántica como un dos seus albos primordiais cara ao 26M.

Con este pano de fondo este luns a corporación municipal coruñesa celebrou pleno ordinario. Entre os asuntos a tratar figuraba a aprobación definitiva das distincións policiais por "traxectoria profesional exemplar" para cinco policías locais, un axente da Garda Civil e outro da Policía Nacional. Tamén, por primeira vez, estender estas distincións á "sociedade civil", cunha condecoración a unha moza que "foi vítima dunha tentativa de abuso sexual" e que "posibilitou, coa súa actuación, a detención que un home que estaba a agredir a mulleres" en Monte Alto, así como a un menor que "alertou da agresión machista que estaba a sufrir a súa nai".

O PP coruñés debuxou un escenario de "medo" na cidade durante o debate das distincións policiais por "traxectoria profesional exemplar", aprobadas por unanimidade

Aínda que todas estas propostas saíron adiante por unanimidade a voceira municipal do PP, Rosa Gallego, aproveitou a súa intervención no debate para repasar os que, desde o seu punto de vista, son os principais problemas de seguridade da Coruña. Gallego, confirmada este martes pola ex-conselleira Beatriz Mato como número dous da súa lista para o 26M, debuxou un escenario dunha veciñanza "atemorizada" polo "realoxamento sen control de familias conflitivas" ou de "medo" no barrio de Labañou por ese mesmo conflito. "Liamos tamén nos xornais que na cidade os delitos contra a liberdade sexual incrementáronse nun 15%" no último ano, de 53 a 61 "e as violacións, nun 150%, pasando de tres a cinco".

"A Policía, evidentemente, non ten a culpa disto", senón que a ten "un alcalde ao que non lle preocupa a seguridade cidadá", dixo Gallego tras citar as cifras de delitos contra a liberdade sexual e violacións

"Eu creo que é bastante preocupante", sinalou Gallego tras sinalar as cifras, para agregar a continuación que "a Policía, evidentemente, non ten a culpa disto", senón que a ten "un alcalde ao que non lle preocupa a seguridade cidadá", en referencia a Xulio Ferreiro. Segundo a popular, problemas como estes deberían paliarse con medidas como a "recuperación" da figura da "policía de barrio" ou non "escatimar horas extras", entre outros plans en materia de seguridade que, asegura, estarán "garantidos" se o PP volve gobernar.

Ferreiro mostrouse abertamente molesto coas declaracións de Gallego ao constatar que "me acaban de acusar de que aumentan as violacións pola miña culpa". O PP, pola súa banda, reprochou a Ferreiro que non lles permitise retrucar despois de que un concelleiro do equipo de goberno cualificase de "caradura" a un membro do Grupo Popular.

O marco das cifras sobre agresións sexuais ás que aludiu Gallego é o dun incremento xeral dos delitos contra a liberdade sexual no conxunto de Galicia. Segundo os datos máis recentes do Ministerio do Interior, o crecemento deste tipo de delitos foi dun 17% no último ano. Medraron tamén as agresións sexuais con penetración, con 56 o pasado ano, a cifra máis elevada dende 2011.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.