Os delitos contra a liberdade sexual crecen un 17% nun ano e marcan un novo máximo en Galicia

Manifestación feminista en Vigo, o pasado ano CC-BY-SA Galiza Contrainfo

O número total de delitos contra a liberdade sexual rexistrados pola Policía continúa a aumentar en Galicia. No ano 2018 foron 540, o que supón un aumento do 17% con respecto ao ano anterior, cun incremento acumulado do 59% dende o ano 2013. Crecen tamén as agresións sexuais con penetración, 56 o pasado ano, no que supón a cifra máis elevada dende o ano 2011. Estes datos, publicados este xoves polo Ministerio do Interior, chegan a tres semanas da celebración da folga feminista do 8 de marzo que de novo terá a liberdade sexual e a loita contra as agresións como un dos seus puntos fundamentais.

Crecen tamén as agresións sexuais con penetración, 56 o pasado ano, no que supón a cifra máis elevada dende o ano 2011

Os delitos contra a liberdade sexual inclúen non só as violacións, agresións sexuais e abusos sexuais, cometidos de forma maioritaria por homes e sufridos de forma maioritaria por mulleres, senón tamén outro tipo de comportamentos delitivos, como corrupción de menores ou pronografía de menores, aínda que o número total de casos nestes apartados é reducido. En 2017, no conxunto de delitos, o 96% dos agresores foron homes, fronte a un 4% de mulleres. O 84% das vítimas son mulleres, fronte a un 16% de varóns (o 70% das vítimas masculinas eran menores de idade).

Por provincias, o número de delitos aumenta na Coruña (de 180 a 217), Pontevedra (de 182 a 203) e Ourense (de 46 a 72) e diminúe en Lugo (de 51 a 48). De igual xeito, as agresións sexuais con penetración redúcense na provincia lucense (de 10 a 5), e aumenta na Coruña (de 16 a 20), Ourense (de 5 a 7) e moi especialmente en Pontevedra (de 13 a 24). 

A estatística amosa un incremento xeneralizado das violacións nas zonas urbanas

Por concellos, as cidades nas que se produciron máis agresións sexuais con penetración foron Vigo (cun aumento de 4 a 9), A Coruña (de 2 a 5), Pontevedra (de 0 a 4), Ourense (de 3 a 4), Compostela (a cifra mantívose en 4), Lugo (de 1 a 3) e Carballo (de 0 a 3). A estatística amosa polo tanto un incremento xeneralizado das violacións na Galicia urbana, cando menos daqueles feitos que foron postos en coñecemento da Policía.

Nos dous últimos anos o impulso do movemento feminista, as campañas de visibilización e denuncia (dende o #Metoo ao #PrimeiroAcoso) e casos coma o da Manada puxeron as agresións sexuais no primeiro plano da actualidade e colocáronas no centro do debate público. "Unha muller que denuncia debe sentirse cómoda, debe haber medios para investigar esa denuncia e, finalmente, o que non pode haber é amparo social e banalización ante as agresións", destacaban nesta entrevista Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega) e María Montenegro (Marcha Mundial das Mulleres).

Manifestación feminista en Vigo, o pasado ano CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.