- HEMEROTECA | #PrimAcoso: a denuncia masiva das mulleres contra esa primeira agresión machista
- HEMEROTECA | O 'Mapa do Medo' das agresións sexuais en Galicia
Un estudo da campaña #primacoso do Concello de Pontevedra sobre 3.000 casos revela que o 76% das mulleres sufrírono antes de ser adultas
En 2016, ao abeiro do día de loita contra as violencias contra as mulleres do 25-N, o Concello de Pontevedra lanzou a campaña #primacoso para facer visibles nas redes sociais experiencias persoais de acosos, micromachismos e violencias contra as mulleres. Dous anos despois, este xoves presentouse en Pontevedra un estudo do grupo de investigación Saúde, sexualidade e xénero da Universidade de Vigo sobre o contido das preto de 3.000 mensaxes emitidas durante aquela campaña e unha das súas conclusións é que “o 76% das mulleres que compartiron a súa experiencia situaron o seu primeiro acoso na infancia e o 24% na idade adulta”.
O estudo, dirixido pola investigadora e profesora universitaria María Lameiras coa colaboración de Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera, estudou cualitativamente todas as mensaxes e clasificounas en varios tipos, chegando á conclusión de que a maioría relataban acosos cando as protagonistas eran nenas. Máis polo miúdo, o 65% dos casos relatan abusos e agresións sexuais a menores, mentres que o 10% encádrase como bullyin de tipo sexual e o 1% como violencia nas relacións de parella de adolescentes.
“A maior parte dos abusos sexuais a menores, xunto coa violencia nas relacións de parella, se produce no espazo privado e familiar da vítima", conclúe o estudo
“A maior parte dos abusos sexuais a menores, xunto coa violencia nas relacións de parella, se produce no espazo privado e familiar da vítima, no que, especialmente as menores deberían ser queridas e protexidas”, conclúe o informe, que apela a coñecer as raíces da violencia sexual porque “só así será posible dar unha resposta preventiva e reactiva integrada”.
Presentación do informe sobre a campaña #primacoso este xoves en Pontevedra [Universidade de Vigo]
O 58 por cento dos homes que reaccionaron á campaña fíxoo de xeito negativo
A concelleira de Igualdade de Pontevedra, Carme Fouces, lembrou que a campaña #primacoso estivo guiada polos obxectivos de visibilizar os micromachismos normalizados pola sociedade, amosar que todas as mulleres son potenciais dianas da violencia machista e coñecer como reacciona a sociedade fronte ás mulleres que contan como sentiron o seu primeiro acoso. Nesa liña, o estudo di que o 94% das mulleres que valoraron a campaña fíxoo positivamente mentres que un 6% criticouna por entender que era excesiva e rompía os marcos de convivencia. Pola contra, o 58% dos homes fixo comentarios negativos fronte ao 42% de positivos.