#PrimAcoso: a denuncia masiva das mulleres contra esa primeira agresión machista

Dominio Público Praza Pública

"6 anos. Un veciño q estudaba no seminario volvía as fins de semana. Sentábame no colo e acariciábame as pernas #PrimAcoso". Con este chío na rede social Twitter, a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Carme Fouces, deu comezo a unha campaña coa que o Concello quere dar visibilidade á "base da pirámide" da violencia contra a muller. Co gallo do Día Internacional contra a Violencia Machista do vindeiro 25 de novembro, a iniciativa chama a atención sobre esas pequenas agresións ou humillacións, micromachismos e comportamentos que moitas veces se ignoran e "van normalizando comportamentos máis violentos"

O Concello de Pontevedra lanza a campaña para dar visibilidade á "base da pirámide" da violencia contra a muller

A edil e o Concello pretenden así que as mulleres compartan nas redes sociais a súa primeira lembranza de terse sentido acosadas, inferiores ou ameazadas só polo feito de ser muller. "Denuncia o teu primeiro acoso, cando te sentiches ameazada, violentada ou inferior polo simple feito de ser muller", explica a concellería de Igualdade, que explica que estes primeiros acosos "séguense a asumir nunha espiral de adormecemento que pode derivar nunha situación de non retorno". 

"Tamén se pretende trasladar que todas as mulleres están no mesmo barco, que todas senten e sofren nalgún momento", explican desde o Concello, que busca tamén que as mulleres máis mozas "se acheguen" a esta problemática social e que tamén os homes se sensibilicen e decaten que estes episodios non son esporádicos nin froito de catro trastornados. 

O primeiro chío, da propia concelleira, foi escrito na mañá deste pasado martes e a resposta está sendo masiva. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.