Seis dos sete cabezas de lista do PPdeG nas cidades galegas este 26M, todos agás o de Lugo, sentaron no Consello da Xunta presidido por Alberto Núñez Feijóo. Dous deles foron xa alcaldes. O ferrolán Rey Varela, antes de ser conselleiro, posto no que Feijóo o situou tras perder a alcaldía e que abandonou para tentar retornar a ela. O outro, Agustín Hernández, foi enviado polo presidente a Santiago en 2014, no máis fondo da crise do partido na capital galega, como terceiro alcalde en tres anos tras Gerardo Conde Roa e Ángel Currás.
Co PP de Santiago, que hai catro anos foi segunda forza en votos e escanos por tras de Compostela Aberta -pasou de 13 a 9 edís-, comezou Feijóo a campaña electoral do 26M. Fíxoo apelando ao electorado que nas recentes eleccións xerais abandonou a papeleta do PP para escoller no seu lugar a de Ciudadanos ou a da formación de extrema dereita Vox. Esa e a veciñanza que, proclamou, debe apoiar a lista encabezada por Agustín Hernández para evitar que Martiño Noriega sexa alcalde de Compostela durante catro anos máis.
Feijóo proclama a necesidade de "unir o voto" na capital galega porque "só hai dúas opcións, a de Martiño Noriega ou a de Agustín Hernández"
Nun discurso pronunciado no acto de inicio de campaña nun hotel compostelán, no que lanzou as mensaxes centrais en castelán e principiou advertindo de que o PPdeG defende "a unidade de España sen ningún tapujo" Feijóo expuxo ante os seus a receita para que a noite electoral do 26M sexa para o PP de "vitoria" e non de "decepción", como ao do 28A. No caso de Santiago, di, "só hai dúas opcións, a opción de Martiño Noriega", en referencia a Compostela Aberta, "ou a opción alternativa que é a de Agustín Hernández, non hai máis".
"É verdade que non soubemos explicar nas xerais que a división do voto prexudicaba os votantes do PP" pero "tamén prexudicaba os votantes de Ciudadanos e aos votantes de Vox" pero "agora xa non fai falla explicalo porque "as urnas explicárono cun enorme detalle". Pero así e todo, di Feijóo, cómpre chamar a "unir o voto" en torno ao PP para que Noriega non continúe como "alcalde deste concello" e sexa substituído por Hernández, que "foi deputado, foi conselleiro, foi alcalde" e é "oposición democrática e responsable", afirma.
O líder do PPdeG advirte de que en Andalucía "non hai un goberno con Vox", senón un "pacto moi concreto" coa formación de extrema dereita para "un goberno alternativo". "Eu creo que por aí imos seguir", admite
Esta apelación a concentrar o voto da dereita no PP producíase, así e todo, horas despois de que o propio Feijóo abrise claramente a porta a emular o modelo de coalición de dereitas de Andalucía para, no caso de que a aritmética municipal o permita, poder desbancar a esquerda do poder. Non en van, remate da reunión semanal do Consello da Xunta, advertiu de que en Andalucía "non hai un goberno con Vox" senón "un pacto moi concreto" para que a formación de extrema dereita apoiase "un goberno alternativo aos socialistas e a Podemos". "Eu creo que por aí imos seguir", admite, alén de expresar o desexo de que "os votantes desa formación política" opten polo PP nas urnas.