A esquerda recupera Ferrol e mantén Lugo

Jorge Suárez no derradeiro mitin de campaña de Ferrol en Común © FeC

Ferrol é unha cidade agredida. Ferrol arrastra unha profunda crise económica e social dende hai 35 anos, intensificada dende a primeira reconversión industrial (1983), sen que se aplicara nunca unha solución que revertese a moi negativa tendencia laboral e demográfica. E sen que ningún goberno municipal acertase -cando menos á vista dos resultados electorais- coa fórmula para ilusionar a cidadanía coa súa xestión. Dende que o socialista Xaime Quintanilla, alcalde entre 1979 e 1987, repetiu vitoria electoral en 1983, ningún outro alcalde ferrolán mantivo o bastón de mando tras unha lexislatura no goberno. AP (1987), PSdeG-PSOE (1991), PP (1995), BNG (1999), PP (2003) e PSdeG-PSOE (2007) alternáronse no poder.

As enquisas, semanas antes das eleccións, éranlle favorables a José Manuel Rey Varela, que en 2011 obtivo unha maioría absoluta. Porén, o resultado final foi moi distinto. O PP perdeu dous dos seus 13 concelleiros e nin sequera a suma do edil acadado por Ciudadanos lle permiten aos populares manter a maioría. Rey Varela perde sete puntos e tres mil votos e vese superado pola suma das esquerdas. Ferrol en Común (6), PSdeG-PSOE (5) e BNG (2) suman 13 concelleiros e deberán agora chegar a un mínimo común denominador. Os resultados son coherentes coas dúas citas electorais precedentes, as autonómicas de 2012 e as europeas de 2014, nas que o PP non superou o 40% e a a suma da esquerda foi maioritaria.

Ferrol en Común, a candidatura impulsada por Esquerda Unida, Anova e un grupo de 250 inscritos en Podemos, é a gran gañadora da noite e o seu candidato, Jorge Suárez, apunta á alcaldía. Ferrol en Común triplica os concelleiros obtidos por Esquerda Unida en 2011 cun 22% dos votos. Supera ao PSdeG-PSOE de Beatriz Sestayo, que perde dous edís e seis puntos con respecto aos comicios de hai catro anos. O BNG mantén a súa representación, con dúas actas, perdendo un punto porcentual. A Marea Ártabra quedou ás portas de entrar na corporación, cun 4,95% dos votos. Ciudadanos, cun 5,65% dos sufraxios, si obtén un edil. 

Jorge Suárez manifestou inmediatamente a súa alegría polo resultado e avogou por configurar "un goberno de transformación social" centrado na creación de emprego, na loita contra a pobreza e co obxectivo de permitir o retorno da mocidade á cidade. Apostou por tender pontes coas demais forzas políticas de esquerdas, sobre as que tentará chegar a un acordo en base a un programa común de mínimos. Así mesmo, recoñeceu que foi un erro non ter presentado unha única candidatura de ruptura, o que tería permitido "unha maioría máis ampla". Pola súa banda, a candidata socialista, Beatriz Sestayo, manifestou a súa satisfacción porque Rey Varela "non seguirá sendo o alcalde e o PP está fóra”.

 

Lugo: Maioría de esquerda nun escenario máis fragmentado

Lugo manterá o seu goberno de esquerda. O candidato socialista e actual alcalde, José López Orozco, perdeu tres concelleiros e case nove puntos, pero do mesmo xeito que en 2011 puido gobernar grazas ao apoio do BNG, agora poderá manter a alcaldía grazas á entrada na corporación de novas forzas progresistas, como Lugonovo e ACE-EU. O Bloque mantivo os seus dous concelleiros, mentres que Lugonovo entrou con forza na corporación, con tres edís e un 11,4% dos votos. Tamén acada un edil ACE-EU, cun 5,02%, unha porcentaxe moi axustada que mantivo a incerteza ata os últimos instantes do escrutinio. Ciudadanos, con 7,39% e dous edís, completa a representación. Para chegar á maioría absoluta, fixada en 13 edís, López Orozco necesita 4 votos máis, o que fai imprescindible o apoio de Lugonovo e doutra forza política.

Jorge Suárez no derradeiro mitin de campaña de Ferrol en Común © FeC
O candidato socialista, José López Orozco © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.