O PSdeG tamén chora o falecemento de Alfredo Pérez Rubalcaba

Alfredo Pérez Rubalcaba, no trixésimo oitavo congreso do PSOE Dominio Público PSOE

O falecemento do ex-ministro Alfredo Pérez Rubalcaba aos 67 anos de idade por mor do ictus que sufriu esta mesma semana impactou de cheo no primeiro día da campaña das eleccións municipais e europeas, tamén en Galicia. O agravamento do seu estado de saúde tiña xa en alerta ao conxunto do PSOE que, tamén en Galicia, chora o pasamento de quen foi peza fundamental do partido e tamén do aparello do Estado durante lustros.

Doutor en Química Orgánica de formación, Rubalcaba pasou o que sería derradeiro treito da súa vida exercendo a docencia desta materia na Universidade Complutense de Madrid. Este labor ocupou o centro da súa vida dende 2014, cando foi substituído por Pedro Sánchez na secretaría xeral do partido, á que chegara en 2012 por estreita marxe fronte á tamén falecida Carme Chacón

O ex-ministro e antigo líder do PSOE pasou o que sería derradeiro treito da súa vida exercendo a docencia de Química Orgánica, materia na que era doutor

Un dos seus últimos cometidos como líder do PSOE, pero tamén como coñecedor de todos os mecanismos do Estado, fora colaborar na pilotaxe da abdicación de Juan Carlos de Borbón como rei de España nun dos momentos máis delicados para a Coroa. O seu final gran servizo ao partido foi posiblemente, non obstante, concorrer ás eleccións xerais de 2011 como cabeza de cartel con derrota practicamente garantida, como así foi.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo voz ao pésame do conxunto do partido por un falecemento ante o que xa agromaron mostras de dor tanto de dirixentes actuais como de antigos cargos. É o caso do ex-ministro José Blanco, quen resalta que "marchou un amigo, persoa á que quería, respectaba e admiraba" e deixa "un gran baleiro".

Rubalcaba, nun acto con militancia do PSdeG en 2011 CC-BY-NC-SA PSdeG

Rubalcaba ocupou practicamente todos os postos de relevancia do Estado agás o de presidente ; como vicepresidente e ministro do Interior foi  clave nos contactos que culminaron no alto ao fogo de ETA

Antes deses compases finais da súa vida pública Rubalcaba ocupou practicamente todos os postos de relevancia do Estado agás o de presidente do Goberno de España. Foi ministro de Educación e da Presidencia con Felipe González e vicepresidente e mais ministro do Interior con José Luis Rodríguez Zapatero. 

Dende este posto o seu papel é considerado clave nos contactos do Goberno e do PSOE coa contorna de ETA que culminaron, en 2011, co alto ao fogo que resultou ser definitivo. Neses anos foi albo de durísimas críticas da dereita política e mediática, que chegou a descualificalo como colaborador da propia ETA.

Tras confirmarse a nova do seu falecemento as condolencias foron múltiplas dende todas as instancias. Alén da suspensión da maior parte dos actos de campaña previstos para este venres, e do loito oficial decretado polo presidente do Goberno central en funcións, Pedro Sánchez,  en Galicia houbo múltiplas mostras de dor a comezar polos principais dirixentes do PSdeG, pero tamén doutras formacións políticas. 

É o caso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que transmitiu o seu "pésame" á familia e compañeiros de Rubalcaba. "Marcha co recoñecemento de todos pola súa enorme capacidade política, a súa visión de Estado e o seu servizo a España", afirmou.

O candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, despediu a Rubalcaba lembrando a "excelente relación" que mantivo con el durante a súa etapa no Congreso. Tamén dende A Coruña o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, enviou "unha fonda aperta á familia de Alfredo Pérez Rubalcaba e a toda a militancia socialista" e o rexedor de Santiago, Martiño Noriega,  expresou "as nosas condolencias á familia de Alfredo Pérez Rubalcaba e a toda a militancia socialista".

A capela ardente de Pérez Rubalcaba foi instalada no Congreso dos Deputados, onde no serán deste venres se formaron longas fileiras de persoas que quixeron renderlle tributo tras o seu pasamento. Entre os asistentes a este acto figuran as principais autoridades do Estado e antigos dirixentes socialistas como o ex-presidente galego Emilio Pérez Touriño.

Rubalcaba, no gabinete de crise para afrontar a vaga de incendios en Galicia no verán de 2006 © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.