A dirección do PSdeG transita sen sobresaltos polo que, en función dos resultados, podería ter sido o seu primeiro atranco político interno. O que será proclamado novo secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, non só gañou tamén entre os socialistas galegos, senón que o fixo dun xeito máis amplo que no conxunto do partido. Fronte ao 48,69% global Sánchez recabou entre a militancia galega un 50,82% dos votos e foi o máis apoiado en tres das catro provincias galegas, toda vez que, como era de agardar, Eduardo Madina foi maioritario en Ourense.
Durante as semanas previas á consulta entre a militancia do PSOE, cuxo resultado terá que ser ratificado agora no Congreso Federal -como aconteceu no seu día no PSdeG- en Galicia foi callando a idea de que unha vitoria de Sánchez suporía tamén un triunfo político da dirección que encabeza José Ramón Gómez Besteiro, aínda que nin o secretario xeral nin o seu equipo manifestaron publicamente a súa preferencia por ningún dos candidatos. A esta tese contribuíu o feito de que o anterior líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, e a súa contorna máis próxima apostase abertamente por Madina.
Neste contexto, as cifras oficiais din que Sánchez gana no conxunto de Galicia pero faino con especial intensidade en Lugo, isto é, na provincia de Besteiro, onde os seus apoios superaron o 66%. A seguinte provincia na que tivo máis apoio foi Pontevedra, co 51,80% dos sufraxios. Na Coruña gañou tamén pero quedou no 45,80% dos votos mentres que en Ourense ficou no 38,26% fronte ao 51,71% de Madina. Malia estes datos a dirección socialista desliga os resultados das preferencias da Executiva Nacional Galega ou do propio Besteiro: que Sánchez vencese en Lugo con tanta claridade, di a secretaria de organización, Pilar Cancela, só significa "que os militantes do PSdeG de Lugo" lle "amosaron o seu apoio maioritario".
Sánchez tivo o seu maior apoio en Lugo, en Ourense o vencedor foi Madina
A xuízo de Cancela este domingo foi unha xornada que ben merece darlle os parabéns a "toda a familia socialista" tamén en territorio galego, cunha participación que mesmo foi superior á das primarias que elixiron a Besteiro. Sánchez, di Cancela, foi designado por un método "á galega", toda vez que foi en Galicia onde se inaugurou este modelo de elección, unha vía previa ao congreso na que destaca "o valor da militancia", afirma.