O 28 de decembro de 2020, no primeiro Nadal da era COVID, a Xunta anunciaba que Noia —e algún municipio máis— pasaba ao nivel máximo de restricións logo dun "empeoramento da evolución epidemiolóxica" tras as comidas e ceas de celebración. A vila superara os 343 casos de coronavirus por cada mil habitantes, a Xunta ditaba o peche perimetral do concello xunto ao de Lousame e elevaba as limitacións xa impostas nos locais de hostalería. Unha medida que entraría en vigor o día 30.
Nas xustificacións dos gastos de funcionamento do grupo do PP hai facturas de bares e restaurantes emitidas durante a época de restricións pola COVID na hostalería
Con data dun día antes, o 29, o grupo municipal do PP de Noia achegou facturas dunha "reunión de afiliados" nun restaurante, de case 130 euros nunha cafetería ou dunha conta aínda máis alta nunha hamburguesería. Na mesma data que consta nun tícket por "servizo de hostalería" e na que os establecementos de restauración non podían superar o 50% da súa capacidade, tiñan a barra inutilizada e na mesa só permitían xuntar seis persoas por grupo, mantendo sempre a distancia de seguridade. Horas despois, a Xunta impoñía o peche do interior dos locais, permitindo unicamente o consumo nas terrazas e só ata as 17 horas.
Son algúns dos gastos en locais de restauración que constan na documentación entregada polo grupo do PP de Noia no Concello para xustificar as asignacións económicas recibidas das arcas públicas para o seu funcionamento e cuxos detalles ergueron a polémica esta semana.
Os populares xustificaron o desembolso dos fondos asignados polas arcas públicas entre 2018 e 2024 para o seu labor diario con facturas por case 30.000 euros nas que se inclúen tíckets de bebidas, comidas con simpatizantes e mesmo de hoteis. Varias delas con datas que coinciden cos peores meses da pandemia da COVID, con importantes restricións de mobilidade e nos locais comerciais e de hostalería. Algunhas sen especificar o consumido e emitidas a final de ano por varios locais da vila, e outras con detalle de xantares ou ceas en establecementos coa capacidade e o consumo limitado.
O ex-alcalde do PP argumenta que moitas facturas son emitidas a final de ano para xustificar os gastos, aínda que varias si especifican en detalle o consumido en época de COVID
"En ocasións pídese a factura a final de trimestre ou de exercicio para a xustificación de gastos e noutras achégase a que se dá no momento", xustifica o ex-alcalde popular Santiago Freire sobre a coincidencia da data de moitos tíckets con épocas de importantes restricións pola COVID. Algúns deles de elevada contía e sen especificar as consumicións, pero outros si detallados.
O goberno municipal de Noia —co socialista Francisco Pérez á fronte logo da moción de censura apoiada por PSOE, Marea Cidadá, BNG e o edil tránsfuga Luís Alamancos— pediu o pasado luns a dimisión do ex-alcalde do PP Santiago Freire. O executivo local advertiu da "gravidade" dos feitos no caso de que se confirmase que o anterior alcalde "cargou gastos non xustificables ao grupo municipal" e considera "moral e politicamente insostible" que o ex-rexedor continúe como concelleiro "ou estea vinculado a responsabilidades públicas".
Nos informes que Intervención do Concello fixo nos últimos anos había bastantes obxeccións sobre un tipo de gastos que dificilmente se poden incluír entre os de funcionamento do grupo municipal, en principio destinados a material de oficina, alugueiro de locais, publicacións informativas e outras actividades derivadas do labor dos edís, segundo explican fontes municipais a partir das bases de execución do orzamento.
O goberno local espera un informe da asesoría xurídica para determinar ou non a irregularidade dos gastos en hostalería cargados á asignación para o funcionamento do grupo municipal
Xa o pasado luns, en declaracións a Praza.gal, o ex-alcalde Freire atribuíu a cuestión a "intentos de crear polémica" por parte do resto de grupos políticos e argumentou que as bases de execución do orzamento "non establecen os tipos de actividades incluídas nos gastos de funcionamento" ou que o convite a "pinchos ou unha comida" é unha práctica "xeneralizada" que se inclúe nesas achegas. Agora insiste en que se está a crear "confusión" con facturas que "non son emitidas ao Concello senón ao cargo dunha asignación que logo se xustifica". "Seguimos revisando a documentación para acreditar que non hai nada irregular", aclara.
Non pensa o mesmo o goberno local, que agarda xa un informe encargado á asesoría xurídica para a vindeira semana. Fontes municipais advirten de varias sentenzas do Supremo que aclaran que, malia que non se especifique claramente o destino destas asignacións económicas, non se pode confundir grupo municipal con partido, polo que os pagos a cargo desta achega municipal están limitados ao labor habitual e non a xuntanzas ou comidas de partido. Mesmo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu en rolda de prensa que "chaman a atención algúns conceptos" das facturas pero que esperará a coñecer máis en detalle o caso para saber se hai que "actuar"
A xustificación destes gastos de funcionamento con facturas de restaurantes, cervexerías, hamburgueserías, cafetarías e mesmo hoteis provocou a reclamación inmediata de responsabilidades por parte de PSdeG, BNG e Marea Cidadá en Noia. Agora, á polémica polo tipo de gastos únese a data na que se terían realizado segundo indican os tíckets da documentación achegada ao Concello, e á que tivo acceso este diario.
Restricións pola COVID
Ademais das facturas con data de 29 de decembro de 2020, hai outra do 11 de decembro na que se indica "xuntanza con simpatizantes" e emitida por unha hamburguesaría da vila. Son 275 euros. Tamén unha do 22 de decembro dun "servizo de cátering en reunións con asociados e simpatizantes" por valor de case 900 euros, unha cantidade que semella ser o abono dos gastos nese local durante todo o exercicio, ao igual que a de días antes noutro local e de case 600 euros. Naquelas datas aínda rexía o nivel de restricións básicas pola COVID, coa imposibilidade de xuntar máis de seis persoas nunha mesa, as barras pechadas e os interiores dos locais ao 50% da capacidade.
Desta etapa de restricións pola pandemia son tamén varias facturas de novembro —algunha de ata 240 euros e con detalle dos produtos consumidos—, por ceas ou comidas en restaurantes que naquela época xa tiñan limitada a capacidade e o número de comensais por mesa. Houbo robaliza, rape, lagostinos ou un gin tonic.
Tamén as hai de agosto ou xullo, cando os locais de restauración comezaban a súa reapertura con moitos condicionantes e restricións tras os peores meses pola pandemia do coronavirus, que volvería a alcanzar grande incidencia meses despois.
A maioría dos tíckets achegados polo PP noiés do ano 2021, no que se mantiveron restricións en diferentes etapas pola COVID, son de elevadas cantidades, ao contabilizar os establecementos hostaleiros os gastos de diversas "reunións de traballo do grupo municipal do Partido Popular no ano 2021". Máis de 4.100 euros en catro tíckets de catro locais diferentes, ademais doutra de 300 dunha "reunión de coordinación" con data do 27 de decembro por 300 euros xustos.