O goberno municipal de Noia pediu este luns a dimisión do ex-alcalde do PP Santiago Freire logo de que se coñecese que, durante a súa etapa como rexedor, o grupo municipal popular xustificou o gasto de fondos asignados para o seu funcionamento con facturas por case 30.000 euros nas que se incluían tíckets de bebidas, comidas con simpatizantes e mesmo de hoteis.
O goberno de Noia pide a dimisión do ex-alcalde do PP tras coñecerse que o seu grupo municipal xustificou case 30.000 euros en comidas e bebida da asignación de gastos de funcionamento
O actual goberno —co socialista Francisco Pérez á fronte logo da moción de censura apoiada por PSOE, Marea Cidadá, BNG e o edil tránsfuga Luís Alamancos— advirte da "gravidade" dos feitos no caso de que se confirmase que o anterior alcalde "cargou gastos non xustificables ao grupo municipal" e cre que resulta "moral e politicamente insostible" que Freire continúe como concelleiro en Noia "ou estea vinculado a responsabilidades públicas". Por iso, pídenlle a "dimisión inmediata, como acto mínimo de responsabilidade ante a cidadanía".
O Concello asegura que tiña coñecemento "dalgunha irregularidade, pero non da gravidade do que agora se coñece". E asegura que medita "todas as medidas legais e políticas que procedan para restituír a transparencia, o bo uso dos recursos públicos e a confianza cidadá".
A documentación entregada entre 2018 e 2024 ante o Concello por parte do grupo do PP de Noia para xustificar as asignacións económicas recibidas para o seu funcionamento revela —tal e como adiantou elDiario.es e puido comprobar Praza.gal ao acceder a ela— facturas por máis de 29.000 euros de bares, restaurantes e empresas de cátering. Eran gastos presentados como xuntanzas de traballo ou comidas con persoas simpatizantes ou afiliadas ao PP.
Nos informes que Intervención do Concello fixo nos últimos anos hai bastantes obxeccións sobre un tipo de gastos que dificilmente se poden incluír entre os de funcionamento do grupo municipal, están destinados a material de oficina, alugueiro de locais, publicacións informativas e outras actividades derivadas do labor do devandito grupo, segundo explican fontes municipais a partir das bases de execución do orzamento.
Nas facturas para xustificar os gastos de funcionamento do grupo hainas de máis de 1.500 euros de comidas de Nadal e tíckets con abundantes bebidas
Estas asignacións económicas para os grupos municipais supoñen, no caso do PP, máis de 7.000 euros anuais. Segundo as facturas presentadas, ás que tivo acceso este diario, só en 2024 hai dúas que suman máis de 500 euros dunha hamburguesería, e outras que acumulan uns 3.000 xustificadas baixo o concepto de "reunión de traballo do grupo municipal con afiliados" ou "simpatizantes". Son varias ao mesmo xeito en anos anteriores, coincidindo varias en época de Nadal, que superan os 1.500 euros.
En moitas destas facturas non se especifican os gastos, máis aló da cantidade final, pero noutras si se inclúen cañas de cervexa, viños e copas, ademais de diferentes pratos e menús. A maioría da documentación refírese a locais hostaleiros de Noia, pero tamén hai varias facturas emitidas por locais da Coruña pasadas as dez da noite. Ademais, inclúense tamén tíckets de hoteis, algúns deles en Brión ou Santiago.
Malia os reparos postos pola Intervención municipal, a maioría das facturas de bares e restaurantes acabaron sendo autorizadas como parte dos gastos de funcionamento do grupo municipal do PP de Noia.
Fontes do goberno local explican a Praza.gal que, aínda que as facturas analizadas abranguen o período entre 2018 e 2024, por estaren dixitalizadas, hai máis documentación xustificativa dos gastos de funcionamento do grupo en anos anteriores que dificilmente son atribuíbles aos conceptos que deberían sufragar. Entre os tíckets, un duns 3.000 euros nunha comida en 2015 presentado en 2016, ano no que Santiago Freire accedeu á alcaldía.
As facturas analizadas chegan ata 2018 pero fontes do goberno local advirten de algunha de ata 3.000 euros dunha comida xa en 2015
Segundo explican membros doutros grupos municipais, as compras que nos seus partidos se incluían nestes gastos de funcionamento adoitaban incluír material de oficina, pagamentos de alugueiro ou ordenadores, pero nunca facturas como as que achegou o PP durante anos.
"Sabiamos que algo había, pero non imaxinabamos tal cantidade de gastos inxustificables", explican fontes da corporación. Segundo aclaran, a interventora municipal advertiu ao grupo do PP da necesidade de que os reparos que ela presentaba pasasen polo pleno para poder ser levantados, se fose o caso. "Pero eles seguían pasando este tipo de gastos igual malia que estaban advertidos de que non se podía", engaden.
O ex-alcalde deféndese
Freire xustifica que os gastos de funcionamento do grupo inclúan "pinchos ou comidas" e cre que todo é "un intento de crear polémica"
En conversa con Praza.gal, o sinalado ex-alcalde, Santiago Freire, asegura que todo son "intentos de crear polémicas" sobre unhas prácticas que son "xeneralizadas". Segundo aclara, as bases de execución do orzamento "non establecen os tipos de actividades incluídas nos gastos de funcionamento" e respecto aos reparos interpostos pola Intervención, segundo o grupo de goberno, di que en realidade son "observacións" que unhas veces son atendidas e outras non. "Hai gastos que finalmente non se acaban incluíndo", explica.
Freire asegura que é habitual, en Noia e "en calquera concello medianamente grande", que nos gastos de funcionamento dos grupos municipais, ademais ds de alugueiro de sedes, publicacións informativas ou material de oficina, tamén se inclúan os derivados de "convidar a uns pinchos ou a unha comida" a simpatizantes, persoas afiliadas ao partido ou grupos de traballo.
Rueda recoñece que "chaman a atención algúns conceptos" das facturas pero di que debe coñecer máis en detalle o caso para saber se hai que "actuar"
Respecto da petición de dimisión por parte do goberno local, Santiago Freire aclara que nin por un momento pensou en abandonar o seu posto de concelleiro na corporación municipal.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ás preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello, asegurou que descoñecía as facturas e que tería que velas en detalle para afondar na súa opinión. "Non sei se hai ilegalidade, non sei se houbo un uso axeitado ou non; sei que chaman a atención algúns conceptos, pero habería que ver en que contexto e baixo que circunstancias", expresou tras aclarar que se houbese algunha irregularidade poderíase "actuar".