Varios gobernos locais galegos adxudícanse dietas como as que investiga a Xustiza en Valga

Bello Maneiro, alcalde de Valga © Concello de Valga

A investigación que abriu a xustiza no Concello de Valga polas dietas presuntamente irregulares cobradas durante décadas polos concelleiros do goberno local vén de impulsar a descuberta de polémicos pagos semellantes en diferentes municipios galegos. O xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis citou a declarar como investigados sete dos nove edís do PP na localidade pontevedresa, entre eles o seu alcalde. A maxistrada investiga un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación polo cobro por parte dos edís de dietas pola asistencia a unhas reunións denominadas comisións de coordinación, unha peculiar figura allea aos órganos colexiados habituais, instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas. Teríanse gastado unha media de 15.000 euros anuais e un total duns 400.000 euros desde 1992. 

Varios concellos galegos contan coas comisións de coordinación que investiga a xustiza e polas que declarará o goberno de Valga 

Pero estas comisións de coordinación sobre as que agora a xustiza pon o foco non só se celebran neste municipio. Advertírao mesmo o grupo de goberno na súa resposta á denuncia, impulsada polo PSdeG. Varios concellos teñen activas este tipo de xuntanzas, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. O grupo socialista de Valga insiste en que "non están amparadas pola lei" e que só existen como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. A xuíza que leva o caso investiga a súa legalidade, dado que non inclúen proporcionalmente membros de todos os grupos da corporación, como si se esixe no resto de reunións establecidas legalmente. 

Desde a localidade pontevedresa, pero tamén desde outras, denúncianse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros

Outes, Noia ou Curtis son algúns dos concellos nos que a oposición está a denunciar a existencia de comisións como a de Valga

Todas á marxe das xuntas de goberno -na que unha parte do executivo xa se reúne reguladamente-, as comisións informativas e os plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con dietas sempre menores ás das reunións exclusivas dos concelleiros do executivo instauradas nalgúns municipios como Outes, Noia ou Curtis. E non son os únicos. Expertos consultados por Praza dubidan moito da súa legalidade ou mesmo aseguran con contundencia que son ilegais.  

O pago por asistir ás comisións de coordinación sempre é maior que as dietas polos plenos ou xuntas de goberno

No caso de Outes, o grupo municipal de Compromiso por Outes (CxO) advertiu ao pouco de coñecerse a imputación dos concelleiros de Valga que naquel concello tamén existe desde hai anos a denominada "Comisión Xeral de Coordinación de concelleiros-delegados", da que forman parte só os edís do grupo municipal do PP e pola que os asistentes perciben 90 euros. Reúnese semanalmente e nunca se puxeron a disposición do pleno as actas das súas reunións. "Considerámolas reunións innecesarias e dun custo desproporcionado", advirte Manuel González, voceiro de CxO na localidade, que solicitou esas actas e puido comprobar como non eran máis que xuntanzas preparatorias dos temas a abordar. Tan só se escribe o tema sobre o que se fala sen máis especificación. 

"Son reunións innecesarios e dun custo desproporcionado", di Compromiso por Outes, onde as actas nunca foron públicas ata que se pediron

Derivadas dun regulamento orgánico de 2007, CxG xa avisara no pleno no que se constituíu a nova corporación do seu rexeitamento ás comisións -que considera innecesarias habendo dúas dedicacións exclusivas e unha xunta de goberno local- e ao feito de que a indemnización pola asistencia aos plenos e ás comisións informativas fose de 60 euros fronte aos 90 destas reunións. A resposta do daquela alcalde, López Crespo, foi criticar a oposición por "non entender" a existencia destas xuntanzas que "tratan de resolver un problema evidente de organización". 

Cada unha das comisións de coordinación que se van revelando en Galicia ten o seu funcionamento. Nesta de Outes, por exemplo, o regulamento orgánico establece que pode exercer como secretario un dos concelleiros presentes que será "designado" polo alcalde como tal para "estender a acta", outra das peculiaridades que critica a oposición. 

 

"Os que teñen dedicación exclusiva non cobran e son os que non van"

En Noia, pola súa banda, o secretario do Concello si que asina as actas, que veñen de ser facilitadas ao grupo da Marea tras reclamalas para coñecer máis detalles. O seu portavoz, Manuel Seijas, considéraas "soldos encubertos" para o grupo de goberno que ademais, lembra, "non cotizan á Seguridade Social" por estas dietas. Como no resto dos casos, non poden ser percibidas polos concelleiros que teñen dedicación exclusiva. "E son xusto os que non van ás reunións segundo a documentación que se achega", di o edil da oposición.

Os edís do goberno en Noia cobran 150 euros por cada comisión de coordinación:  hai dúas ao mes e unha extraordinaria

Nesta localidade, a asistencia ás comisións de coordinación do goberno -agora do PP- págase a 150 euros, habendo dúas fixas cada mes e unha extraordinaria que vén de ser engadida. O custo por cada unha delas é de case 1.250 euros (3.700 ao mes aproximadamente) e a dieta para cada edil -tamén aquí- é superior á que se cobra por asistir ao pleno (100 euros) ou a calquera outra xunta ou comisión regulada (60). "Parécenos ben que se cobre, pero cotizando e a través de organismos transparentes", insiste Seijas, que advirte que as actas non son facilitadas á oposición de non solicitalas expresamente. De feito, no propio regulamento orgánico do Concello de Noia aclárase que as sesións desta comisión "non serán públicas". 

“Nunca nos presentaron acta ningunha nin tivemos constancia das reunións; nin tan sequera sabemos se se celebran", di a oposición en Curtis

Pola súa banda, en Curtis, a oposición tamén denuncia o escurantismo destas comisións. “Nunca nos presentaron acta ningunha nin tivemos constancia das reunións; alí non se aproba nada e nin tan sequera temos constancia de que se estean celebrando”, di Xosé Manuel Tomé, de Asembleas Abertas, que solicitará  no vindeiro pleno documentación sobre estas xuntanzas.

Foi neste mandato cando o PP aprobou a súa creación e destinadas aos "concelleiros/as que ostenten en cada momento responsabilidades de goberno municipal", cunha periodicidade "mensual ou cando as circunstancias o requiran". A aparición das comisións de coordinación creou polémica porque supuxo a supresión das comisións informativas, onde si está presente a oposición. Como no resto dos casos, a asistencia a estas últimas ou aos plenos págase moito menos que ás reunións do executivo (50 euros fronte a 200) e todo o equipo de goberno -agás o alcalde- recibe un mínimo de 400 euros mensuais por unhas reunións das que aínda non hai información ningunha. Supoñen 14.400 euros ao ano. 

Noutros concellos, como o lucense de Outeiro de Rei, tamén existe a comisión de coordinación. No caso deste municipio, establecérase en 2011 e aclarárase que os edís do goberno se reunirían "o primeiro venres de cada mes" e en sesión extraordinaria cando o estimase conveniente o alcalde. O pagamento era de 80 euros por cada xuntanza. 

"Son ilegais; non  hai figura legal ningunha que ampare a existencia destas comisións de coordinación", di un experto

 

"Son ilegais; non hai lei que as ampare"

Consultado por Praza, un experto en administración local -secretario, interventor e con experiencia de goberno nun Concello- é contundente ao ser preguntado por estas comisións de coordinación: "Son ilegais". "Non hai figura legal ningunha, nin na lei reguladora das bases de réxime local nin no decreto de regulamento de organización das entidades locais, que ampare a existencia destas comisións; a única comisión de coordinación de goberno que hai, e que ademais toma decisións, é a xunta de goberno local", asegura. 

Ademais, aclara que o pleno pode constituír "comisións especiais" para estudar calquera asunto concreto, pero tamén que "en todos os órganos colexiados, e así está establecido por lei, ten que haber unha representación proporcional de todos os grupos políticos", algo que non ocorre nestas peculiares comisións. Con todo, o que máis lle sorprende é que mesmo haxa casos nos que nestas xuntanzas "non estea presente o secretario" pero, sobre todo, que este "non advirta da posible ilegalidade" que se está a cometer. "Quen controla estes organismos? Quen dá fe do que alí se fala?", pregúntase quen cre que o camiño que tomou a xuíza en Valga é coherente e que, de seguir investigando, moitas comisións de coordinación poden ter os días contados en Galicia. 

Casa do Concello de Outes CC-BY L. Miguel Bugallo Sánchez
Casa do Concello de Curtis Dominio Público JonnyJonny

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.